20051206berlin condoleezza rice e angela merkel

Rice, Europa e a CIA

Apartados xeográficos Estados Unidos ARCHIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
A negativa de Rice a responder completamente ás preguntas sobre os presuntos centros de tortura e os voos ilegais da CIA en Europa, afonda aínda máis os mutuos receos e a desconfianza. A opinión pública europea non aceptaría a presenza dun "Guantánamo europeo", violando a legalidade interna e sometendo aos respectivos gobernos dentro das políticas e obxectivos dunha administración tan polémica como a de Bush. (Foto: Berlín, 06/12/2005. Condoleezza Rice e Ánxela Merkel).
 

A fenda transatlántica segue a ser unha realidade ineludible. Trala visita da secretaria de Estado, Condoleezza Rice, a Europa, queda en evidencia que a pantasma dos presuntos centros de tortura en Europa do Leste, os voos ilegais da CIA dentro do espazo aéreo europeo, a ruptura da legalidade internacional trala guerra en Iraq e o enfoque unilateral da administración Bush, provoca serias desconformidades dun a outro lado do océano Atlántico.

Rice non tivo en Europa a receptividade necesaria para impulsar unha nova estratexia transatlántica. A xira tiña por obxectivo implicar aínda máis a Europa dentro da estratexia antiterrorista de Washington, ampliada a persuadir aos países e a opinión pública europea dun xeito mais favorable á política estadounidense dentro da inestable transición iraquí. Outro apartado o constitúe Irán e as súas pretensión nucleares. Probablemente, neste sentido, Washington e Bruxelas acércanse un pouco máis nos seus obxectivos de "contención" das pretensións nucleares iranianas, pero este acercamento non permite deseñar unha política global común.

A negativa de Rice a responder completamente ás preguntas sobre os presuntos centros de tortura e os voos ilegais da CIA en Europa, afonda aínda máis os mutuos receos e a desconfianza. A opinión pública europea non aceptaría a presenza dun "Guantánamo europeo", violando a legalidade interna e sometendo aos respectivos gobernos dentro das políticas e obxectivos dunha administración tan polémica como a de Bush. Sen embargo, no apartado dos centros de tortura e os voos da CIA, algúns gobernos europeos deberán explicar ante os seus respectivos parlamentos e opinión pública, sobre o seu coñecemento da existencia dos mesmos. Neste sentido, Alemaña e o recen estreado goberno de coalición de Ánxela Merkel, atópase nunha situación delicada, ante a súa posible primeira crise gobernamental.

Washington tamén tiña outros obxectivos na xira de Rice. As visitas a Ucraína e Romanía entraban dentro do cálculo da crecente influencia estadounidense nos países do ex bloque soviético e socialista. En Kiev, Rice apuntou ante o controvertido presidente ucraíno Viktor Yushenko o apoio estadounidense ao eventual ingreso deste país na Unión Europea e, principalmente, na OTAN.

O obxectivo de Washington é conter un presumible rexurdimento da influencia rusa no antigo espazo ex soviético. Pero non ten todas as cartas ao seu favor. Apenas Rice retornou a Washington, Alemaña e Rusia asinaban un convenio de expansión do gas ruso a Europa cara o 2010. No apartado político, Rice sabe que o 2006 traerá eleccións presidenciais na veciña Belarús, firme aliado de Moscova e, polo tanto, outro escenario clave para a expansión da chamada "revolución laranxa".

Polo tanto, reafirmar a Ucraína como o vértice estratéxico de Washington na tarefa da expansión deste movemento foi outra das claves da visita de Rice a Kiev. Sen embargo, esta expansión ven de sufrir severas derrotas electorais en Acerbaixán e Kazajstán. E Yushenko atópase nunha delicada situación interna, cun forte desencanto político e social que pode provocar un adianto de eleccións presidenciais.

Enfrontada a unha opinión pública sumamente crítica, Rice regresou a Washington cun amplo sabor amargo nos seus labios. A súa visita ocorreu nunha conxuntura delicada para a UE, inmersa nun debate sobre o orzamento comunitario para o período 2007-2013 e nun dilema sobre a potencialidade do seu proxecto. Polo tanto, os factores militares e de seguridade, tan determinantes para Washington, pasaron nun segundo plano para Bruxelas. E a credibilidade da administración Bush, aínda máis golpeada.