Siria: cuestión de química

A cadea de acusacións contra Siria iniciadas o pasado 22 de abril por parte dun alto mando militar israelí sobre o presunto uso de armas químicas (gas sarín) por parte do réxime de Bashar al Asad contra os rebeldes e a poboación civil, acusacións tacitamente apoiadas por EUA e Gran Bretaña, condicionan un escenario levemente similar ao acontecido contra o Iraq de Saddam Hussein previo á ilegal intervención militar liderada por Washington en marzo de 2003.

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

A cadea de acusacións contra Siria iniciadas o pasado 22 de abril por parte dun alto mando militar israelí sobre o presunto uso de armas químicas (gas sarín) por parte do réxime de Bashar al Asad contra os rebeldes e a poboación civil, acusacións tacitamente apoiadas por EUA e Gran Bretaña, condicionan un escenario levemente similar ao acontecido contra o Iraq de Saddam Hussein previo á ilegal intervención militar liderada por Washington en marzo de 2003.

Non obstante, a diferenza do contexto actual en Siria, en especial en canto ao tratamento outorgado polo goberno de Barack Obama, amosa un distanciamento maior en comparación coa crise iraquí de 2003. Neste sentido, Obama calcula con cautela unha eventual intervención militar directa en Siria, país sacudido desde 2011 por unha guerra civil con claras implicacións externas, así como tampouco amosa predilección a ofrecer publicamente apoio loxístico e militar aos rebeldes sirios, toda vez o réxime de Bashar aínda se mantén no poder.

Así e todo, Washington non disimula o seu interese en propiciar unha eventual caída de Bashar aínda que probablemente lle preocupe mais que a Siria post-Bashar se converta nunha reprodución a escala rexional do caótico Iraq post-Saddam. Esta preocupación intensifícase polos temores a que elementos islamitas radicais (algúns deles conectados con Al Qaeda) poden impoñer o seu poder en Damasco. Precisamente, o eventual arsenal químico sirio pasaría así a mans de elementos radicais cuxa posición política non evidencia concreción algunha de intereses con Occidente.

Días despois das acusacións israelís, o primeiro ministro británico David Cameron argumentou que, no caso de verificarse esta presunta utilización de armamento químico contra a poboación civil, o réxime de Bashar estaría traspasando unha delicada “liña vermella” que condicionaría, en todo caso, posibles accións mais punitivas contra Damasco.

A crise siria estase a converter nun laboratorio de intereses estratéxicos enlazados na configuración dun novo mapa xeopolítico para Oriente Próximo. Así, en sen obviar os intereses occidentais liderados por Washington, países como Turquía, Arabia Saudita, Qatar e Israel xogan importantes cartas e pulsos. Paralelamente, a crise siria resulta un apéndice do pulso occidental contra Irán, principal aliado rexional de Damasco e posible referente en canto á concreción dun programa de armamento químico do que o propio réxime de Bashar nunca negou por completo da súa existencia.

Compre observar, igualmente, cal será a posición definitiva doutros aliados de Damasco como Rusia e China, en especial en canto ás acusacións sobre este presunto uso de armas químicas por parte do réxime de Bashar. Neste sentido, son reveladoras as presións que desde marzo pasado impulsan a ONU e EUA para incluír a Moscova e Pequín nas investigacións sobre o armamento químico sirio, probablemente coa perspectiva de neutralizar calquera bloque de votación no Consello de Seguridade dunha eventual acción punitiva contra Damasco, incluso se a mesma implique unha incerta e pouco probable intervención militar similar á acontecida contra a Libia de Gadafi en 2011.

En todo caso, e mentres se recadan as presuntas evidencias, a intensificación da “demonización” de Bashar pode reverdecer o proceso similar acaecido contra o réxime de Saddam en Iraq no 2003, en especial no relativo á falsidade de evidencias sobre a existencia de armamento químico e nuclear nese país. Basta observar agora se as especulacións de Cameron no sentido de que o réxime de Bashar traspasou esa “liña vermella” poden resultar premonitorias para un eventual fin de ciclo en Damasco.