As reformas en Cuba, unha visión desde dentro, Número monográfico de Tempo exterior

A sexta parte das terras agrícolas de Cuba, máis de un millón de hectáreas, permanece ociosa, seis anos despois de que o goberno de Raúl Castro iniciara a súa política de entrega de terras en usufruto para impulsar a produción de alimentos. Mentres, Cuba importa perto do 80 por cento dos alimentos que consume, o que supón un gasto de 1.800 millóns de dólares anuais. En 2013, as colleitas estiveron por debaixo do planeado para cubrir a canastra básica subsidiada e o consumo social (escolas e hospitais), con producións equivalentes ao 81% do plan de arroz, 65% de feixóns, 8 % de leite e 98% de café. En 2013, o salario medio estatal medrou un 1% (o aumento foi do 2,4% en 2012), roldando os 20 dólares mensuais.

A revista Tempo exterior, publicada polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI (www.igadi.org) e dirixida por Xulio Ríos, achega no seu Nº 28, período Xaneiro-Xuño de 2014, un monográfico especial sobre o momento cubano, particularmente ante o proceso de reformas iniciado a partir de 2008 polo presidente Raúl Castro, outorgando un valor primordial ás voces e análises que, dende Cuba, realizan diversos expertos.

Neste sentido, Tempo exterior Nº 28 abre o seu monográfico cunha reflexión sobre os cambios institucionais que acometerá este proceso de reformas (Juan Valdés Paz), a repercusión que isto terá na reformulación do modelo socialista cubano (Julio A. Díaz Vázquez) e os efectos da crise económica no sector produtivo (Ricardo Torres Pérez) como motor da recuperación económica, así como as alternativas a seguir dentro do sistema de dualidade monetaria (Pavel Vidal Alejandro e Omar Everleny Pérez Villanueva).

As reflexións afondan en áreas específicas como o turismo internacional (Miguel Alejandro Figueras), as transformacións no sector agropecuario (Armando Nova González), a perspectiva de sostibilidade dentro das estratexias de desenvolvemento (José M. Mateo Rodríguez) e un tema crítico e controvertido, o estado da prensa cubana (Osvaldo Rodríguez)

A necesidade de normalización das relacións entre a Unión Europea e Cuba (Eduardo Perera Gómez) cobran importancia ante a renovación das negociacións, abandonando a política común vixente desde 1996. A nivel hemisférico, aténdense as controversias entre La Habana e Washington en materia de cooperación antidrogas e doutros delitos (Alejandro Perdomo) así como a perspectiva de reinserción de Cuba nos organismos de integración rexional, particularmente visibles nas súas relacións con América Latina e o Caribe (Carlos Oliva Campos). Finalmente, este monográfico aborda unha reflexión sobre a sociedade cubana (Soledad Cruz Guerra) e as súas transformacións dende a Revolución ata hoxe.