Xornadas “Poder brando e diplomacia cultural en Galicia”

Illa de San Simón, 7-8 Xuño 2012 / Conclusións

CONCLUSIÓNS
Illa de San Simón, 7-8 Xuño 2012

  1. O encontro serviu para establecer un valioso e intenso intercambio de ideas e experiencias entre actores locais e externos (incluíndo a UNESCO) a propósito da proxección exterior da nosa cultura, afondando na riqueza e complexidade dos conceptos e das políticas instrumentadas por diferentes institucións en diversas partes do mundo para lograr unha maior presenza e influencia internacional.
  2. Acreditouse a importancia do poder brando e da diplomacia cultural na sociedade internacional contemporánea, tanto en relación ao desenvolvemento das propias industrias culturais e igualmente como mecanismo idóneo para acentuar a calidade democrática da nosa gobernanza e para lograr un adecuando posicionamento internacional. Unha política exterior que prescinda da cultura está condenada ao fracaso por canto esta debe ser o seu primeiro acervo e instrumento indispensable para a xeración desa confianza que debe permitir a materialización de posibilidades de cooperación noutros ámbitos.
  3. Constatouse igualmente que este tipo de accións son determinantes e claves nun entorno en que o poder da imaxe resulta indiscutible. A diplomacia cultural é por iso unha base esencial do progreso de calquera comunidade que aspire a inserirse no mundo. A tal efecto, debe conducirse cunha estratexia definida, coherente, converxente  e versátil, ademais de perseverar no seu propósito asegurando o compromiso cooperativo dos poderes públicos, dos actores económicos e da sociedade civil.
  4. Galicia conta con innumerables posibilidades para desenvolver unha política cultural no eido exterior que reverta na xeración de novas posibilidades de desenvolvemento do sector e do conxunto do país. A tal efecto, cómpre prestar atención á dupla necesidade de comunicar mellor co exterior e de superar a nosa fragmentación, dotándonos de instrumentos que faciliten a xeración de sinerxías e a integración con base nun consenso tan amplo como posible e establecido arredor da excelencia, a singularidade e o realismo.
  5. Se o Consello da Cultura Galega leva case unha década reflexionando sobre as posibilidades que ofrece a diplomacia cultural nas súas diferentes manifestacións e dimensións, sinalando escenarios, oportunidades e accións susceptibles de materializar; se algunhas empresas, creadores e iniciativas teñen desenvolvido individualmente accións que poderamos cualificar de exemplares e exitosas no plano da internacionalización, é hora de dar pasos operativos e efectivos para instrumentar unha acción mancomunada e sostida que garanta o fomento da internacionalidade da nosa cultura.
  6. Os participantes reivindicaron a idoneidade da acción cultural exterior tanto para significar o valor agregado intelectual e económico que achega o sector cultural como para dignificar adecuadamente o sector ante a propia sociedade e reforzar o poder de atracción da nosa identidade colectiva.

San Simón, 8 de Xuño de 2012