images publicacions IgadiPaper78

IgadiPaper nº78

Eleccións en Taiwán: A reelección de Ma Ying-jeou e a política de distensión con China
(02/2012)

Eleccións en Taiwán:
A reelección de Ma Ying-jeou e a política de distensión con China

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper78As eleccións presidenciais e lexislativas taiwanesas, celebradas o pasado 14 de xaneiro, confirmaron a consolidación (non exenta de tensións) da política de distensión e consenso entre a oficialmente denominada República de China e a súa veciña, a República Popular de China (RPCh). A reelección para os próximos catro anos do actual presidente Ma Ying-jeou (61 anos), líder do partido Kuomintang (KMT) por diante da súa rival Tsai Ing-wen,candidata do Partido Democrático Progresista (PDP), confirmou a preferencia da maior parte da sociedade taiwanesa en apoiar a postura política de Ma de avanzar no consenso con Beijing.

Igualmente, estes comicios intensificaron os dilemas de Taiwán á hora de afrontar o problema da súa identidade (común ou independente con respecto a China), así como o seu actual status quo, en especial de cara ao recoñecemento internacional e o eventual peso da súa relación con China, sendo esta o seu principal socio comercial. Considerado como un Estado de Feito (EDF), Taiwán é actualmente recoñecido por só 23 países membros da ONU.

Esta perspectiva planea constantemente sobre a vitoria de Ma e do KMT (líder da coalición “azul” que agrupa aos partidarios da unificación con China) sobre o PDP (líder dos denominados “verdes”, tonalidade que identifica aos independentistas, contrarios á unificación con China), e como a mesma influirá no futuro político e diplomático da illa taiwanesa. A identidade nacional constitúe o tema central e neurálxico da política taiwanesa e cobrará maior impacto na medida en que se aceleren as estratéxicas relacións con China continental.

Recibida a súa vitoria con beneplácito en Beijing e Washington, Ma deberá igualmente acometer outros temas de transcendente importancia para a estabilidade socioeconómica taiwanesa. Situada entre as 20 principais economías a nivel mundial, Taiwán rexistrou en 2011 un óptimo nivel de crecemento económico, estimado en 4,5%, un dato relevante tomando en conta a conxuntura de recesión global, pero sensiblemente inferior ao de 2010 (10,82%). Pero a persistencia dunha crónica corrupción administrativa e dunha ascendente desigualdade socioeconómica son factores sensibles que obrigarán a Ma a aplicar importantes reformas, abrindo curso a diversos equilibrios políticos internos e externos, moi estreitamente orientados na estabilización das relacións con China e EUA. 

b) A irreversible distensión con China

Taiwán afrontou o pasado 14 de xaneiro uns cruciais comicios presidenciais e lexislativos que permitiron a reelección do actual mandatario Ma Ying-jeou para un novo período de goberno 2012-2016. Estas foron as quintas eleccións presidenciais en Taiwán dende a transición democrática iniciada na illa en 1987. As primeiras eleccións presidenciais directas celebráronse en 1996.

A reelección de Ma e do seu partido Kuomintang (KMT) obtívose por unha relativa estreita marxe, cun 51,6%, por riba do seu rival Tsi Ing-wen (55 anos), líder do opositor Partido Democrático Progresista (PDP), quen obtivo un 45,6% dos votos. A diferenza en votos foi de case 800.000 votos, pero mentres o PDP gañou 648.629, o KMT perdeu 768.875. Tras esta derrota, Tsi presentou a súa dimisión como presidenta do PDP. No apartado da composición do Parlamento taiwanés, o KMT mantivo a súa maioría absoluta, con 64 dos 113 escanos parlamentarios, aínda que perdeu 17 escanos con respecto ás anteriores eleccións de 2008. Nas eleccións presidenciais dese ano, o KMT gañou pola ampla marxe de 17 puntos porcentuais.

Se ben a maioría da poboación taiwanesa, superior aos 23 millóns de habitantes, decantouse finalmente pola reelección de Ma e do KMT, os resultados electorais amosan igualmente unha notoria polarización sociopolítica con respecto ao tema central e neurálxico da política taiwanesa: a cuestión da identidade nacional, especialmente de cara a China continental, o principal socio comercial taiwanés. Por tanto, os comicios taiwaneses foron seguidos con estreito interese por China e EUA, os dous actores exteriores máis involucrados no contencioso taiwanés.

Tras a súa vitoria en 2008, confirmada coa actual reelección, Ma e o KMT intensificaron unha diplomacia de achegamento e distensión con China continental, marcando os pasos para eventualmente establecer unha vía de unificación pacífica. A oposición do PDP a esta política propicia que este partido defenda a opción nacionalista e independentista taiwanesa con respecto a China, aínda que sen rexeitar os seus valores culturais comúns. Por tanto, e ante a estreita marxe de reelección de Ma e do KMT así como as tendencias que apuntan as preferencias do electorado, non se descarta unha intensificación da polarización sobre o tema da identidade nacional, toda vez o actual goberno en Taipei acelere os mecanismos de achegamento con Beijing, unha política a todas luces irreversible.
            
Ma conta con importantes avais para avanzar na súa política de consenso e distensión con Beijing. Actualmente, China continental é o principal socio comercial da illa, recibindo máis do 40% das exportacións taiwanesas, un dato sensiblemente superior ao comercio bilateral de Taiwán con outros socios clave como India, EUA ou Xapón. Igualmente, o estratéxico comercio con China fortalece economicamente a Taiwán, un país cun PIB per cápita estimado en US$ 19.188 (2010) e que é actualmente o 16º maior exportador a nivel mundial (con especial énfase na tecnoloxía punta), a cuarta economía de Asia Oriental e a sétima a nivel da rexión de Asia-Pacífico, ocupando incluso o posto 22 a nivel mundial en Índice de Desenvolvemento Humano (IDH). A radiografía económica taiwanesa ofrece, por tanto, un óptimo balance nun mundo sacudido pola recesión e a crise: sen débeda externa, as reservas de divisas estranxeiras de Taiwán lle confiren a cuarta posición a nivel mundial.

Todas estas variables inflúen estratexicamente no avance das relacións de distensión entre Taiwán e China. Tras décadas de enfrontamento, especúlase con que no seu próximo período de goberno, Ma asinará con Beijing un armisticio que acelere a superación das tensións. Tras asinar con China o Acordo Marco de Cooperación Económica en 2010, que recortou os aranceis para produtos taiwaneses, intensificou o aumento do turismo chinés á illa taiwanesa e disparou o aumento dos voos e o comercio bilateral, Beijing aprobou recentemente un programa de desenvolvemento na rexión situada ao Oeste do Estreito de Taiwán, que abarca as provincias de Fujian, Zhejiang, Jiangxi e Guangdong, como mecanismo clave de cooperación económica con Taiwán.

Polo tanto, intensificar o consenso con Beijing constitúe un factor estratéxico irreversible para Taipei, unha política que igualmente lle outorga facilidades adicionais a Taiwán á hora de participar e integrarse en foros internacionais.

c) Os dilemas da identidade taiwanesa

Non obstante, compre sinalar outros factores que poden moderar o achegamento entre Taiwán e China, así como incrementar a polarización dentro da sociedade taiwanesa ante este eventualmente irreversible proceso de distensión.

Con case un 47% dos votos, a opción nacionalista e independentista do PDP fortalece a súa base electoral, especialmente con respecto aos anteriores comicios de 2008. Sexa ou non irreversible o achegamento con China, a sociedade taiwanesa desexa conservar un sistema político democrático e representativo, internacionalmente homologable e que, a pesares dos casos de corrupción administrativa, é valorado pola súa transparencia. Taiwán non contempla a opción de renunciar ao seu sistema democrático nun eventual proceso de interacción e integración con China, aspecto que, por outra banda, a propia China acepta no marco da coñecida fórmula “un país, dous sistemas”.

Desde o polémico mandato do ex presidente do PDP Chen Shui-bian (2000-2008), condenado en 2010 a 17 anos de cárcere por corrupción, a sociedade taiwanesa experimentou a consolidación dunha opción de “novo nacionalismo” que acentúa a aposta  pola separación e diferenciación perpetua con respecto a China continental, especialmente en materia de símbolos políticos, do sistema democrático e aperturista taiwanés e da súa pretendida multiculturalidade. A pesar da reelección de Ma e do KMT, non queda politicamente sepultada a consistencia desta tendencia nacionalista en Taiwán, un factor que incrementa a sensación de falta de consenso social e político interno con respecto ás súas relacións con China.

Estas variables tamén inflúen nun eventual cambio de posición de Ma e do KMT con respecto á identidade taiwanesa, transcendendo as diversas acusacións de  “ambigüidade” tanto á hora de conciliar o seu pragmatismo cara China continental como de defender certos postulados da identidade taiwanesa. Esta ambigüidade do KMT moi probablemente se derive do temor a minguar os apoios electorais nas zonas tradicionalmente controladas polo PDP.

d) A tensión militar

A seguridade no Estreito de Taiwán cobra unha importancia capital, especialmente no referente á rivalidade entre China e EUA, extensiva cara o contexto rexional en Asia-Pacífico, e o valor igualmente estratéxico outorgado por Tokio. O Estreito de Taiwán é un punto neurálxico e crucial de eventual enfrontamento militar a nivel global, con Beijing e Washington no centro de atención, un aspecto que inflúe (e entorpece) considerablemente as relacións sino-taiwanesas.

En 2011, Taipei realizou compras militares por valor de US$ 6.400 millóns e segue a ser un aliado político, comercial e militar estratéxico para Washington. Por tanto, un achegamento mais que pragmático entre Taipei e Beijing constituiría unha significativa alteración dos intereses xeopolíticos estadounidenses no Estreito de Taiwán e en Asia-Pacífico.

Un escenario que igualmente obriga a considerar cómo observa Beijing a súa relación con Taiwán trala reelección de Ma e do KMT. Desde 2002, o presidente chinés Hu Jintao(quen deixará o seu cargo no XVIII Congreso do Partido Comunista Chinés previsto para finais de 2012) ven levando a cabo unha política pragmática con Taipei: se ben aprobou a Lei Antisecesión de 2005, que permite a China proclamar o uso da forza militar para evitar a independencia de Taiwán, tamén é certo que a partir dese ano, Pequín intensificou o seu achegamento con Taipei, cun diálogo directo entre o PCCh e o KMT sobre a base de aceptación do principio de “unha soa China”.

A maioría absoluta de Ma alcanzada nas eleccións de 2008 acelerou aínda mais este proceso de pragmatismo e distensión que, presumiblemente, continuará trala súa recente reelección presidencial. Pero as tensións políticas e militares seguirán presentes no Estreito de Taiwán, toda vez non se concilien as presións por parte do sector castrense en China ante a eventualidade dunha confrontación militar, a ambigüidade do KMT con respecto á identidade taiwanesa, así como a política de “dobre vara de medir” de Washington, apoiando o achegamento sino-taiwanés pero a súa vez incrementando as vendas militares a Taipei.

O previsto cambio na cúpula de poder no próximo Congreso do PCCh en Beijing e as eleccións presidenciais estadounidenses previstas para novembro próximo, son eventos que igualmente dirimirán, a medio e curto prazo, o estado do contencioso taiwanés e o seu statu quo. A reelección de Ma clarifica e aporta unha certeza básica para facer avanzar o pragmatismo nas relacións sino-taiwanesas baixo a atenta  mirada de Washington (e  Tokio).

IGADI, 18 de xaneiro de 2012