Xulio Ríos. Imprenta Provincial. Pontevedra, 2015.
Xulio Ríos. Imprenta Provincial. Pontevedra, 2015.
PresentaciónLois Tobío Fernández (Viveiro, 1906 – Madrid, 2003) é parte inseparable desa xeración que no pasado século, partindo do mundo inicial da cultura, exhibiu un forte compromiso con Galicia e, ao tempo, unha vocación profesional e ética dotada dun intenso rigor. Hai en Tobío, ademais, especificidades que compre salientar e que o definen como unha voz singular no seu tempo, circunstancia que o habilitaría para participar de forma activa en feitos da nosa historia recente que cómpre coñecer e reivindicar.Ante todo, Tobío interesa á Galicia actual porque tamén nel podemos atopar esa busca permanente das ideas mais avanzadas e coas que aspira a estar en sintonía, sinalando unha amplitude de miras integradora e de orientación colectiva, ben afastada das caracterizacións dos tempos mais recentes nos que todo parece tender a contrapoñerse en vez de sumarse. Tobío proporciona as claves para enxergarnos no mundo presente sen por iso desdebuxar a nosa forma de ser.En tempos de grandes intelixencias e de grandes esperanzas, Tobío e aquela xeración son expoñentes dunha dobre confianza: primeiro, nas posibilidades dun país que comezaba a dar un salto cualitativo no desenvolvemento da súa identidade; segundo, no facer colectivo, incorporando disciplinas e bagaxes nos mais diversos eidos coa vontade clara de servir ao país e as súas xentes.Tobío, como aqueles coetáneos que o acompañaron no seu periplo vital dende os anos mozos, foi expoñente dunha xeración de grande cultura e o seu legado é unha crónica de procesos que, pese a tantos avatares, resaltan a lealdade e fidelidade aos seus ideais.A andaina vital de Lois Tobío cubre todo o século vinte. De fasquía en aparencia distante pero sempre amable e accesible a nada que se trataba, reflexivo e serio pero sempre disposto a entusiasmarse con cordialidade e paciencia, foi unha desas individualidades excepcionais que só de tarde en tarde agroman no noso país. Tobío pertence a unha xeración de humanistas e renacentistas que todo o deron por servir a Galicia dende todos os saberes e situacións. E foi Tobío un home dunha madeira especial, traballador incansable e abnegado, militante ao cen por cen nas cousas do país, en todo o que sentía no máis fondo, comprometéndose sempre no que cría. Pese á ignorancia que hoxe aínda existe sobre a súa figura, é unha voz esencial para comprender algúns feitos da nosa historia contemporánea.Metódico e constante, de hábitos disciplinados, amigo dos paseos e das lecturas, do pracer da conversa cos amigos ou en familia, posuidor dunha rica vida interior pero entrañable a pouco que se derrubaran as primeiras barreiras da distancia e o descoñecemento, Tobío foi un home bo e xeneroso, sempre lúcido e leal, con sentido colectivo do seu facer, cosmopolita e culto, coherente coas súas ideas primeiras que nunca abandonou por comenencias de ocasión. Fuxía dos barullos e nunca andaba á procura de medallas. Esa honestidade intelectual, tan admirada polos máis próximos, forma parte inseparable do seu legado.