images eco1

Ecobarrios e Axenda 2030: Sustentabilidade Urbana en A Ponte e Elviña

Os ECOBARRIOS apareceron na actualidade galega alá polo primeiro trimestre de 2018, cando o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia presentaron conxuntamente un proxecto de ecobarrio para o barrio de A Ponte, na propia cidade de Ourense. Anunciándoo como un proxecto pioneiro non só no Estado Español, senón na Unión Europea.

Liñas de investigación Paradiplomácia
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza
Idiomas Galego

Os ECOBARRIOS apareceron na actualidade galega alá polo primeiro trimestre de 2018, cando o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia presentaron conxuntamente un proxecto de ecobarrio para o barrio de A Ponte, na propia cidade de Ourense. Anunciándoo como un proxecto pioneiro non só no Estado Español, senón na Unión Europea.

Pero, comecemos paso a paso: que é un ecobarrio? Un ecobarrio é a unidade básica sobre a que se constrúe o novo urbanismo, un novo modelo de urbanismo baseado na sustentabilidade. Un dos maiores expertos na materia en España, Salvador Rueda, no seu libro “Ecobarrios en Europa”, define un Ecobarrio como:

“Unha realidade urbana onde se dan as características propias dun barrio tradicional, como a densidade, a integración có seu entorno, a primacía do espazo público como lugar de encontro e participación colectiva, as súas dimensións para que poida ser percorrido a pé e a multiplicidade de xentes e de usos, é dicir, a integración das 3C (Compactidade, complexidade e Cohesión Social), ao que se lle incorpora o aproveitamento eficiente dos recursos naturais -eficiencia-, con medidas como a xestión integral do ciclo da auga, emprego de materiais adecuados ou a obtención de enerxía eléctrica gracias a enerxías renovables como a solar térmica ou a fotovoltaica[1].

 

images eco1

Fonte: “El Urbanismo Ecológico” de Salvador R. Palenzuela

Artigo dispoñible en: http://urban-e.aq.upm.es/articulos/ver/el-urbanismo-ecol-gico/completo/

Nos países escandinavos como Suecia ou Finlandia os ecobarrios xa son parte do modelo urbano, impulsados tamén pola súas propias características climatolóxicas e culturais. En Centro-Europa, en países como Alemaña, Austria ou Países Baixos, tamén van gañando visibilidade e son cada vez mais habituais en cidades como Friburgo, mentres que, coma en moitos outros aspectos, nos países do sur levamos uns cantos anos de retraso.

No caso do Estado español podemos atopar algúns ecobarrios desenvolvéndose nos últimos anos, como o ecobarrio de Sarriguren, en Navarra. Dende hai mais de unha década este barrio construído en base a vivendas de protección oficial ten unha poboación de mais de 15.000 persoas, obtendo un aforro enerxético de ata o 60% en comparación con outros similares, polo que xa está servindo de inspiración a novas zonas en crecemento na cidade.

Este ecobarrio consta de mais de 600.000 m2 de espazos verdes (de un total de 1.4 millóns de m2) no que hai plantados ata 5.500 árbores e 32.000 arbustos, tamén ten mais de 20km de vías para persoas e bicicletas (dous terzos das comunicacións do barrio) e un gran lago no centro do mesmo para o desfrute dos veciños e veciñas de Sarriguren.

Outro exemplo podería ser o ecobarrio de La Pinada, en Paterna, no que os seus habitantes participan activamente no deseño do mesmo, a só 10 minutos da cidade de Valencia e cunha capacidade estimada para albergar a 1.000 familias no vindeiro 2021. A empresa impulsora de este proxecto chámase “Zubi Labs”, e do mesmo xeito que no barrio de Sarriguren, a idea é que ata un 30% das vivendas do mesmo teñan algún tipo de protección pública.

Así, atendendo tanto á definición dada polo experto como aos exemplos prácticos que están comezando a proliferar, podemos concluír que o concepto de ecobarrio non implica un novo modelo único de núcleo populacional, senón que acepta novas modalidades de urbanismo arredor da idea da sustentabilidade. Se ben semella que as primeiras aparicións como Sarriguren ou os que imos a presentar agora en Galicia, son ecobarrios asentados sobre a dimensión mais técnica -eficiencia-, o concepto vai moito mais aló do que isto, e pretende construír unha nova realidade social asentada sobre a proposta recollida no Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 11 da Axenda 2030 das Nacións Unidas: Cidades e comunidades sostibles:

 

images eco2

Fonte das imaxes: Nacións Unidas
Ver mais en: https://www.un.org/sustainabledevelopment/es/cities/

No respectivo a Galiza, e como adiantamos no primeiro parágrafo, A Ponte, un núcleo urbano de 27.000 habitantes situado na cidade de Ourense, coñecida especialmente polos seus recursos xeotérmicos, foi ideada como o primeiro ecobarrio do noso país, ao que se lle acaba de sumar o barrio de Elviña na Cidade da Coruña, con algo menos de 20.000 habitantes.

A proposta para o barrio de A Ponte presentada hai 2 anos, incorporaba medidas de carácter técnico tales como a redución dun 20% do consumo enerxético e a redución dun 30% das Emisións de Gases de Efecto Invernadoiro mediante diferentes accións: a substitución das luminarias existentes por outras de tecnoloxías LED con xeración fotovoltaica ou a instalación de luminarias arquitectonicamente singulares nas termas de A chavasqueira.

Un dos aspectos mais distintivos do ecobarrio do proxecto en A Ponte é a utilización da enerxía xeotérmica –renovable- para abastecer unha rede de auga quente e calefacción ata 50 edificios (a maioría públicos), ademais dun mellor illamento térmico en ventás e fachadas que mellore a eficiencia enerxética dos edificios.

Esta iniciativa tivo a súa réplica o verán pasado cando a Xunta de Galicia e o Concello da Coruña anunciaron o proxecto do Ecobarrio Elviña, co propósito de situalos a ambos na vangarda europea no referente a urbanismo urbano e eficiencia enerxética, este proxecto empregará medidas xa comentadas para A Ponte como a renovación no illamento dos edificios, unha mellora na rede de distribución de calor, a renovación das luminarias a tecnoloxía LED ou un aprovisionamento moito maior de enerxías de fontes renovables; cunha inversión inicial de 500.000 de euros, espérase que mobilice ata 33 millóns de euros e 150 postos de traballo, para acadar unha diminución esperada das Emisións de Gases de Efecto Invernadoiro dun 15%.

Galicia ten unha ocupación do seu territorio moi singular, na que a dispersión populacional é a característica determinante, mais se cabe nun contexto onde as cidades deben facer unha transición cara un modelo mais respectuoso tanto coas persoas que o habitan como o contorno natural que as rodea. A introdución da idea de sustentabilidade no espazo urbano debe ser o camiño para a coexistencia do rural con vilas cómodas e habitables, que non fiquen en cárceres de formigón sen espazo para a vida.

O modelo de ecobarrio ou ecocidade é o futuro, e se ben estes proxectos aínda están moi lonxe dun urbanismo sostible mais sofisticado, no que se teñan en conta “novos” parámetros como unha adecuada densidade de poboación, unha óptima eficiencia enerxética e a utilización de enerxías de orixe renovable, minimizar o desperdicio de auga, o equilibrio entre espazos naturais, residenciais e infraestruturas económicas -como centros produtivos e lugares de ocio- minimizando tamén o tempo e recursos perdidos nos desprazamentos, marca o inicio un camiño que ogallá chegue para quedarse.


[1] Para coñecer mais a fondo o modelo proposto por Salvador Rueda, pódese consultar esta publicación: “Un modelo urbano para el de ecobarrios” (2008), no que desenvolve amplamente cada unha de estas 4 dimensións: compactidade, complexidade, cohesión social e eficiencia para evolucionar cara un novo modelo de ubranismo sostible.

Ligazón: https://sostenibilidadurbana.files.wordpress.com/2008/12/06-ecobarrios.pdf