DIEGO SANDE VEIGA ENTREVISTA Á DIRECTORA XERAL DO INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA (IGAPE)
COVADONGA TOCA CARÚS RESPONDE ÁS PREGUNTAS DA LIÑA DE INVESTIGACIÓN EN ECONOMÍA DO IGADI
Covadonga 1

“Os aspectos legais, a loxística, a volatilidade económica e a adaptación aos mercados locais, son os retos que o tecido empresarial galego deberá enfrontar na internacionalización”

Covadonga Toca Carús naceu en Santander en 1962. Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela 82-86. Máster en Dirección de Recursos Humanos Instituto Madrileño de Formación 2008-2009. Curso de Actualización en Dirección de Empresas e Liderazgo Escola de Negocios Caixanova decembro 2007. Máster Superior en Prevención de Riscos Laborais da Universidade de Santiago de Compostela, especialidades Seguridade, Hixiene e Ergonomía curso 2001-2002. Curso Superior Relacións Laborais do Consello Galego de Relacións Laborais da Universidade de Santiago de Compostela ano 1994.

ENTREVISTA

Como responsable do IGAPE, cales son na súa opinión os puntos fortes e as alianzas coas que conta Galicia no referido á actividade e ás relacións económicas e comerciais a nivel internacional?

Galicia conta con puntos fortes en canto á actividade e ás relacións económicas e comerciais a nivel internacional.  

A nosa posición xeoestratéxica no Atlántico ou as nosas raíces culturais comúns con moitos dos nosos socios comerciais internacionais son algunhas desas fortalezas. Tamén o son o talento e capacitación dos profesionais que cada ano se forman nas nosas Universidades, ou o turismo. Son todos estes aspectos que axudan a posicionar Galicia en clave económica.

E son eses puntos fortes os que marcan a competitividade e o grao de especialización e calidade dos nosos diversos sectores económicos galegos.

Sectores económicos punteiros que ten Galicia e que permiten abrir portas en mercados de destino, constrúen a marca Galicia, e posicionan a nosa Comunidade Autónoma como orixe de procesos ou servizos e produtos terminados que permiten crear relacións comerciais e puntos de colaboración entre empresas e institucións galegas e de terceiros países.

Aspectos que se están a reflectir nos rexistros históricos que estamos a acadar nas exportacións, rozando os 30.000 millóns de euros en vendas ao exterior durante o ano pasado. Cifras que se consolidan no primeiro semestre deste exercicio: segundo os últimos datos coñecidos, a Comunidade roza xa os 15.000 millóns de euros en exportacións entre xaneiro e xuño, o que supón un 3,9% máis que no 2022. 

E cales as principais barreiras e/ou resistencias?

Calquera proceso de internacionalización leva consigo asociadas unha serie de posibles obstáculos e dificultades. As empresas deben ser conscientes da existencia destas barreiras e da necesidade de prepararse para afrontalas, o que implica dispor dos medios necesarios para acadar o éxito.

A necesidade de recursos financeiros, a dispoñibilidade de recursos humanos coa formación axeitada, a posibilidade de identificar potenciais socios e oportunidades de negocio en outros mercados, ou a dificultade, nalgúns casos, para obter información actual deses mercados son algunhas das barreiras máis habituais, e cara elas se enfoca o traballo que vimos desempeñando desde o Goberno galego desde hai máis dunha década. 

Desde o seu punto de vista, cales serán os principais retos e necesidades da  internacionalización galega para os vindeiros anos? E de cara ao futuro a máis longo prazo?

Os aspectos legais de cada mercado e as súas regulacións, a loxística e a cadea de subministros, a volatilidade económica ou a adaptación aos mercados locais son algúns dos retos aos que o tecido empresarial ten que seguir adaptándose. Desafíos que, polo que amosan os datos, as empresas galegas están a superar con éxito.

Non en van e, de cara a seguir medrando e superando os mencionados rexistros históricos, coido que temos que atender a dous desafíos fundamentais: dunha banda, a aposta polo talento, por esa formación humana que se liga, de modo directo, á innovación e á dixitalización; e doutra, a diversificación de mercados para incrementar as vendas en países de todo o mundo.

Cal é, para vostede, a principal contribución que o IGAPE achega á acción exterior galega? 

Son moitas as contribucións que dende IGAPE se teñen posto en marcha para a acción exterior galega, e todas elas  buscan fortalecer o tecido empresarial de Galicia. Levamos anos traballando na súa internacionalización a través de diversas liñas, programas e actuacións. Un  amplo abano que se enmarca na Estratexia de Internacionalización, que só este ano suma 20 millóns de euros na procura de seguir contribuíndo ao mellor ciclo exportador da historia de Galicia.

Neste senso, ao longo deste trimestre activaremos unha nova convocatoria das liñas do Galicia Exporta,  para dar cobertura ás empresas galegas que queren desenvolver un plan para crear e adaptar os seus catálogos online e para posicionarse en canles de venda e marketing online –Exporta Dixital–, e incentivarase á realización de accións de promoción exterior –Exporta Empresas e Organismos Intermedios–.

Así mesmo, temos en marcha outra edición do programa de xestores de internacionalización, que facilita a adquisición de competencias profesionais e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior; e traballamos nunha segunda edición da Aceleradora Galicia Avanza para dar continuidade a unha primeira edición na que participaron 30 empresas que tiveron a oportunidade de acceder a itinerarios, formación e asesoramento.

XUNTA 2 Inst Promo Econ positivo

Ademais, o noso traballo de acompañamento non cesa, como amosan as Antenas IGAPE, situadas en Miami, Ciudade de México e Shanghái, que teñen previsto expandir o labor comercial a novos mercados como Tokio ou Dubai. E todo isto sen esquecer o servizo de licitacións internacionais, que facilita ás compañías galegas unha plataforma con información de contratación pública internacional.   

Como pode mellorar o seu organismo os resultados da acción exterior galega?

O rendemento do sector exportador galego está a ser excelente nos últimos exercicios, obtendo, como lle dicía, un crecemento constante das exportacións, ata o punto de alcanzar no ano 2022 o máximo histórico exportador da comunidade.

Estes bos resultados non implican, nin moito menos, conformismo. Somos conscientes das oportunidades e dos desafíos que temos por diante, e seguiremos a traballar co tecido empresarial galego para dar resposta ás súas necesidades e impulsar novas iniciativas sustentadas sobre catro piares: o fomento da innovación, a atracción de talento galego internacional, o acompañamento ao tecido empresarial e a difusión de casos de éxito.

Por exemplo, un proxecto concreto no que se está a traballar, e que creemos que pode resultar verdadeiramente beneficioso para o tecido industrial galego, é a conexión marítima de mercadorías directa entre Galicia e os Estados Unidos, concretamente co porto de Miami. Esta conexión facilitaría a loxística de exportación a un dos maiores mercados mundiais de mercadorías, posibilitando un incremento do comercio con todas as implicacións beneficiosas para o noso territorio que iso implica.

Observan/contemplan oportunidades de colaboración (proxectos, xornadas, etc.) no futuro con axentes do terceiro sector como o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional)?

Por suposto. Nun escenario cambiante como o actual,  desde a Xunta de Galicia entendemos que a cooperación con outros organismos é clave para reforzar as medidas necesarias e para darlle ao tecido produtivo maior capacidade de adaptación ás esixencias dunha economía globalizada.

Somos conscientes da importancia desa colaboración entre os diferentes organismos que compoñen o ecosistema económico e social da nosa comunidade, fomentando a cooperación entres os mesmos.

Neste marco, consideramos un aspecto de especial relevancia a transferencia de coñecemento entre as universidades e as empresas, de tal modo que o tecido empresarial se poida beneficiar das mais recentes achegas dos nosos investigadores. Este feito non só permitiría optimizar os procesos de internacionalización das nosas compañías, senón que tamén poñería á disposición das mesmas unha forza laboral mellor formada.


Coñecendo ao/á entrevistado/a

Un feito histórico para e economía galega no ámbito internacional:

As cifras de exportacións. Galicia pechou o último ano cun récord histórico de exportacións aproximándose aos 30.000M€.

Un obxectivo para o seu mandato:

Seguir a mellorar esas cifras, superar a fronteira dos 30.000 millóns, e facelo desde a cooperación co tecido empresarial e a aposta decidida polo talento, pola formación, pola innovación e pola diversificación de mercados. 

Un reto de futuro para a acción exterior galega:

A diversificación, acadar novos mercados ao tempo que seguimos medrando nos mercados tradicionais.

Consolidar o crecemento do negocio internacional, mantendo as cifras máximas históricas da exportación galega, así como o número de empresas exportadoras galegas; e aumentando a base de mercados obxectivo, especialmente en América do Norte, América do Sur e Asia. Todo isto sen esquecer a xa mencionada internacionalización dixital tanto das empresas de recente creación como das tradicionais, apoiando a estas últimas na transición dixital. E, por último, achegar o talento exportador ao noso tecido empresarial, incorporando talento xove para as empresas do presente e futuro da economía galega.

Moitas grazas polas súas achegas

Desde o IGADI agardamos moitos éxitos nos obxectivos formulados