1975 03 1 1

50 anos do 25 de abril

Breve memoria de aqueles tempos, cando algúns xóvenes esperábamos aquí o fin dun réxime opresivo que se nos facía eterno. O golpe militar do 25 de abril de 1974, en Portugal, foi unha raiola de esperanza. Caía a outra gran ditadura ibérica, a máis antiga do continente, desgastada por unha longa guerra colonial sen saída.

Para os galegos, por proximidade xeográfica e cultural, resultaba moi fácil identificarse co que ocorría máis alá do Miño. Ademais, a miña compañeira, Arantza, era xornalista na sección de internacional de La Voz de Galicia e vivíamos intensamente todo o que pasaba fóra. Incluso escribíamos algún artigo conxuntamente, que asinábamos con pseudónimo.

Aos poucos días do 25 de abril publicouse un, “Suerte Portugal”, onde se analizaban as causas da revolución e as dificultades ás que os seus protagonistas se enfrontaban para remataren coas guerras nas posesións africanas, crearen unha democracia e reconverteren unha economía cuxa principal fonte de riqueza era a explotación dos recursos naturais das colonias, controlada por las “cen familias”. Elas cimentaban unha grande fenda social coa maior parte dos portugueses de crase baixa e unha burguesía feble.

As primeiras frases daquel artigo eran “El régimen salazarista, encorsetado en la propia rigidez de sus principios, por su falta de imaginación y divorcio de la realidad,…”. Logo estendíase sobre a situación do país e os erros de Marcelo Caetano que no 68 substituíra a Antonio Salazar, no poder desde 1932 (aquela ditadura militar comezara no 1926). Os comentarios sobre política internacional, en medios aperturistas, servían tamén para enviarmos mensaxes sobre a situación dentro de España. Levábamos décadas de censura e estábamos afeitos a ler entre liñas.

A grave situación nas colonias e as diferenzas de crase levaron a que a pola máis revolucionaria do exército liderara o golpe de Estado desde unha posición de esquerda radical. Nacionalizaron bancos e empresas importantes e rematouse por facer dano adicional a unha economía feble que entraba en fase pos colonial e tiña que cambiar de modelo produtivo. Na década seguinte, houbo que volver privatizar o que se nacionalizara. Abriuse a porta dunha democracia estábel que poido incorporarse, con España, á Comunidade Económica Europea o 1 de xaneiro do 1986.

1975 03 3

Os primeiros tempos da revolución foron unha festa para moitos españois que aproveitaban pontes e vacacións para achegárense ao que ocorría alén Miño. Nos fixémolo a principios do 75. Desa viaxe son as fotos que acompañan estas liñas. A do final, é dunha pintada, que non se lee ben, pero que di “Arriba Franco, máis alto que Carrero Blanco”, o seu delfín asasinado por ETA en decembro do 73, facendo explotar una bomba ao paso do seu coche oficial blindado.

1 arriba Franco mais alto que Carrero Blanco recorte 1

Lisboa ofrecía un programa de actos variados, incluídos mitins dos partidos españois, clandestinos deste lado da raia. Un amigo, afónico de gritar contra un réxime que estaba nos seus derradeiros meses (Franco morrería en novembro), confesounos que aforrara dous anos de psiquiatra. Chamáronme moito a atención as cancións de loita que reivindicaban o fervor revolucionario. Conservo algunhas dun casete que compramos nun posto na rúa, pertencente a unha asociación cultural de esquerda. Foron un símbolo vivo daqueles tempos. Compañeiras da loita pola liberdade de “Grándola, Vila Morena”, a canción de Zeca Afonso emitida desde a radio para encetar a revolución dos caraveis. O que desexe escoitar as sete cancións do casete e acceder aos textos de esas e moitas outras máis, pode facelo neste link:

Especial 25 de Abril: Cantos de luta | Grupo de acção cultural