Este artigo fai parte do Informe anual da acción Exterior de Galicia, Informe Nós No Mundo 2021-2022: 25 anos: Da Secretaría Xeral á Lei de Acción Exterior
Os 17 Obxectivos da Axenda 2030

A Axenda 2030 en Galicia: Orixe, evolución e situación actual

En Setembro do ano 2000 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas ratificada polos 189 países membros, aprobou no nomeado como Cumio do Milenio a Declaración do Milenio e os 8 grandes obxectivos asociados a esta: os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, programados para acadar no ano 2015 un mundo menos desigual, especialmente no marco Norte-Sur.
Apartados xeográficos Foreign action of Galicia
Idiomas Galego

Podes decarregar o Nós No Mundo 21-22 aquí

En Setembro do ano 2000 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas ratificada polos 189 países membros, aprobou no nomeado como Cumio do Milenio a Declaración do Milenio e os 8 grandes obxectivos asociados a esta: os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, programados para acadar no ano 2015 un mundo menos desigual, especialmente no marco Norte-Sur.

Como mostra de apoio a esta declaración, o Parlamento de Galicia realizou unha declaración institucional o día 01 de decembro de 2004 pola que se adheriu a Declaración do Milenio, coa intención de “contribuír ata onde llo permitan as súas competencias, ao cumprimento destes obxectivos tanto en exercicio do seu propio labor como pola súa capacidade de influencia na sociedade e no goberno”1.

De novo no ano 2010 a Xunta de Galicia voltou a facer unha declaración institucional neste sentido, esta vez no marco do Día Internacional da Pobreza2, remarcando o seu “Manifesto por unha cidadanía inclusiva da Rede Galega Contra a Pobreza (EAPN-Galicia), mantendo así na axenda política a loita contra a discriminación e a marxinación que padecen as persoas que se atopan en risco de exclusión social”.

Sen novos avances significativos nin grandes avaliacións do feito ata ese momento, entramos xa nun novo marco global, a Axenda 2030 foi aprobada no ano 2015 polas Nacións Unidas: Un plan de acción de alcance global en favor das persoas, o planeta e a prosperidade, que pretende fortalecer a paz universal e que fixa os obxectivos que se deben alcanzar, antes do ano 2030, para, entre outros, poñer fin á pobreza e a fame no mundo, loitar contra a desigualdades sociais e de xénero, e facer fronte ao cambio climático. A Axenda está conformada por 17 grandes obxectivos e 169 metas, as cales están asociadas a un total de 248 indicadores -231 diferentes, xa que algúns se repiten- para a avaliar a súa implementación e impacto.

A nivel galego, se ben algunhas das metas dos ODS puideron estar presentes no Plan Estratéxico Galicia (PEG) 2015-2020 baixo algunhas liñas de traballo xa en marcha para a Xunta de Galicia, non se contou con ningún estudo ou avaliación rigorosa que permitise coñecer o seu grao de implementación real durante este período. Os primeiros anos foron de pouca acción no relativo á implementación do desenvolvemento sostible en xeral e a Axenda 2030 en particular.

No 2018 impulsouse un estudo liderado por investigadores da Universidade Complutense de Madrid (UCM): “La Implantación de la Agenda 2030 de Desarrollo Sostenible en la Xunta de Galicia: Principales implicaciones y propuestas”3, no que se buscaba identificar as posibilidades de adaptación da Axenda e os ODS á capacidade de actuación da Xunta de Galicia e as implicacións que tería este proceso.

Xa na actualidade, A Xunta de Galicia ten en vigor o seu novo Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, elaborado de xeito participativo4 e organizado en torno a 10 grandes retos agrupados en 4 eixos: reto demográfico, cambio climático, competitividade e cohesión social e territorial e que incorpora dun xeito mais recoñecible os piares e principais obxectivos da Axenda 2030.

Ademais de este Plan Estratéxico, como grandes accións aliñadas coa Axenda 2030 en Galicia compre citar a Estratexia de economía circular 2030, dotada inicialmente con mais de 865 millóns de euros; e a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, que ten como meta alcanzar a neutralidade climática para esa data. Dúas medidas nas que a colaboración e compromiso das empresas será determinante para seguir construíndo unha Galicia máis sustentable, máis innovadora e máis verde e que, xunto coas conclusión do informe, serán unha base sobre a que apoiarse.

Ademais destes avances a nivel de gobernanza, no relativo ás novas enerxías e o cambio climático (ODS 7 e 13) podemos citar o Pacto das Alcaldías Polo Clima (PACES) e as accións que se están impulsando de aforro e eficiencia enerxética, tamén o impulso do turismo sostible e a promoción tanto do Camiño de Santiago como de xeitos alternativos de preservar o patrimonio natural e cultural ao tempo que se reciben visitantes que dinamicen a actividade económica, e no referente ao impulso das Cidades e Comunidades Sostibles, en Galicia pouco a pouco están aparecendo novas formas de entender as urbes e os centros urbanos, mais amigables coa vida das persoas e menos agresivos coa contorna natural, en liña coa definido tanto no ODS como na Axenda Urbana Española5, ademais da Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia ou o Plan de Transporte Público de 2018.

Coñecido o aliñamento estratéxico, haberá que render contas nos vindeiros anos e ver cantos dos documentos e plans están tendo un impacto real no eido social, económico ou medioambiental. Así, a primeira diagnose rigorosa chegou a finais do ano 2020, cando a nesa altura recentemente creada Comisión Interdepartamental para o seguimento da Axenda 20306 en Galicia, presidida pola Conselleira Ángeles Vázquez e conformada por 30 representantes de tódolos departamentos da Xunta presentou os avances no seu cumprimento.

Outro dos grandes avances foi a publicación o pasado mes de Decembro de 2021 por parte do Instituto Galego de Estatística dunha síntese de Indicadores estatísticos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible en Galicia7, no que se proporcionan series de datos actualizadas e procedentes de fontes de información oficiais que permiten medir a nivel autonómico os indicadores definidos polas Nacións Unidas.

Aínda existen algúns obxectivos (ODS 14) e metas concertas para os que aínda non se dispón de ningunha serie de datos que permita avaliar a evolución do cumprimento coa Axenda, pero existe o compromiso de seguir incorporando de forma progresiva a medida que se publiquen e analicen as diferentes fontes de información oficiais dispoñibles ou se acometan novas estatísticas destinadas a satisfacer aquelas necesidades sobre as que actualmente non existe información.

Por último, compre lembrar que a Axenda 2030 é un Plan Global mais que debe acadarse, especialmente, dende o nivel local. Un estudo realizado polo goberno vasco para implantar a Axenda 2030 no seu Plan Estratéxico e como guía para todos os concellos de Euskadi, establece que ata 80 das 169 metas teñen un alcance directamente municipal, e case a metade dos indicadores de medición e progreso da Axenda (mais de 110) teñen un alcance que é posible medir dende o local8.

É por iso que o avance da implementación da Axenda 2030 nos diferentes Concellos de Galicia é imprescindible, e neste proceso xurdiu recentemente unha nova alianza para seguir impulsando e traballando pola Axenda 2030 en Galicia: a Federación Galega de Municipios e Provincias9 (FEGAMP), o centro da UNED en Pontevedra e a organización Fuerte Razones10. “A FEGAMP financiará as accións comprometidas, a UNED facilitará a súa plataforma educativa e FuertesRazones realizará a formación e o asesoramento para a implantación dos ODS nas políticas públicas locais dos concellos”.

Con isto, a inicios de xuño de 2022 a FEGAMP presentou o Primeiro Foro Local Galego para a Axenda 2030, na que se presentaron os resultados dun estudo realizado pola anteriormente citada Fuertes Razones, na que se concluíu que “7 de cada 10 Concellos Galegos xa desenvolven medidas aliñadas cos ODS”11.

Tamén o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FGCS) está facendo esforzos para impulsar a localización da Axenda 2030. En primeiro lugar, con cursos de formación deseñados principalmente para o persoal técnico dos Concellos12, e por outra parte, facilitando que os pequenos Concellos, especialmente os de menos de 15.000 habitantes, poidan elaborar cadanseus Plans Municipais de Implementación da Axenda 203013.

Quedan no tinteiro moitas outras iniciativas14. Moitas arredor da cultura, onde a Axenda 2030 ten cada vez mais presenza en museos, exposicións e demais espazos cidadás, pero tamén do comercio local, da investigación nas universidades galegas ou mesmo nos centros educativos de primaria e secundaria. É o momento de seguir xerando alianzas transversais público-privadas, locais, estatais e internacionais para impulsar accións que promovan o desenvolvemento, a prosperidade socioeconómica e a paz.


  • 1 Declaración Institucional do Parlamento de Galicia a propósito dos Obxectivos do Milenio (01/12/2004). Ligazón
  • 2 Declaración institucional do Parlamento de Galicia no marco do Día internacional para a erradicación da pobreza (14/10/2020). Ligazón
  • 3 “La implantación de la agenda 2030 de desarrollo sostenible en la Xunta de Galicia principales implicaciones y propuestas”. Documento elaborado por Guillermo Santarder Campos e Jorge A. Pérez Pineda ( UCM) a pedimento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Justiza. Xunta de Galicia, Ligazón
  • 4 “O proceso de elaboración do Plan Estratéxico 2021-2030 contou, dende xullo de 2019, coa participación de 300 expertos en 18 mesas temáticas para identificar os principais retos da Galicia da vindeira década”.Ligazón
  • 5 “Agenda Urbana Española”. Ligazón
  • 6 Esta comisión é o principal órgano responsable da implamantación da Axenda en Galicia. “Entre as súas funcións concretas está: coñecer as iniciativas, plans e programas existentes nos distintos ámbitos que abarcan os ODS, facer un seguimento da súa execución, estudar a propoñer novas actuacións para avanzar nos indicadores, e instar a outros organismos, públicos e privados, para que impulsen as medidas necesarias co fin de achegar máis a Galicia ao seu cumprimento”.
  • 7 Esta base de datos pública pode consultarse no seguinte ligazón: https://www.ige.eu/Shiny/Agenda2030/Indicadores_Agenda_2030.xlsx
  • 8 Agenda Euskadi – Basque Country 2030. “Cómo abordar los Objetivos de Desarrollo Sostenible desde el ámbito local, GUÍA PRÁCTICA”.
  • 9 A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) é unha entidade asociativa constituída polos 313 concellos galegos, as 4 deputacións provinciais e as 9 entidades locais menores existentes no ámbito territorial de Galicia.
  • 10 A Organización Fuertes Razones é unha entidade sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é contribuír a través de proxectos e programas á consecución dos ODS da Axenda 2030 das Nacións Unidas. Ligazón
  • 11 “Durante 13 sesións, máis dun centenar de técnicos e responsables de concellos galegos traballaron sobre cada un dos 17 ODS analizando as metas, políticas, accións e dificultades. Gracias a esa abordaxe e o intercambio de experiencias obtívose unha fotografía da situación e se concluíron as liñas a seguir”. Ligazón
  • 12 Xaneiro de 2022: “Terceira edición do curso online ‘Localizando a Axenda 2030” Ligazón
  • 13 “O Fondo Galego saca a contratación a elaboración de plans municipais sobre ODS” Ligazón
  • 14 “A Xunta ultima unha ferramenta para analizar o avance en Galicia da axenda 2030 e pona á disposición do Goberno central para enriquecer a súa folla de ruta” Ligazón