A “guerra preventiva” de Israel

Apartados xeográficos Middle East ARCHIVE
Idiomas Galego

O retorno da retórica bélica contra Irán, en particular tralas recentes afirmacións do primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu de presuntamente activar “ataques preventivos” contra as instalacións nucleares iranianas “con ou sen o apoio de EE.UU”, ofrece importantes lecturas sobre a realidade actual dun Oriente Próximo aínda convulsionado pola rebelión política no mundo árabe.

Simultáneas as declaracións de Netanyahu, secundadas inmediatamente polo presidente israelí Shimon Peres, o diario británico The Guardian informou da activación de planes estratéxicos de guerra por parte de EE.UU e Gran Bretaña contra instalacións nucleares iranianas. Outras fontes estiman da próxima realización de exercicios militares estratéxicos entre Israel e EE.UU, con obvio carácter persuasivo cara Teherán. As acusacións estadounidenses contra Irán de estar presuntamente detrás do intento de asasinato do embaixador saudita en Washington, colocan inmediatamente a Arabia Saudita nesta ecuación militar “preventiva” contra Irán.

Por tanto, resalta poderosamente a atención a repentina recolocación por parte de Tel Aviv do “problema nuclear iraniano” no centro da atención política e informativa, especialmente nunha conxuntura na que Occidente e Oriente Próximo amosasen concentrados no incerto futuro da rebelión árabe, en particular trala polémica intervención militar da OTAN e da ONU na caída do réxime de Gadafi e na convulsa transición libia.

Un arriscado movemento de péndulo

A pesar da aceptación dos cambios democráticos no Magreb, a posibilidade do ascenso dos partidos islamitas nos procesos democráticos constituíntes que se levan a cabo en Tunisia e Exipto, así como unha inédita “islamización” na Libia post-Gadafi, supoñen escenarios inesperados e factores de incomodidade para a Occidente e, incluso Israel, cuxa iniciativa política vese reducida nos últimos tempos a tenor dos cambios políticos na rexión e dun illamento e distanciamento diplomático e xeopolítico por parte de tradicionais aliados de Tel Aviv, como Turquía e Exipto.

Recolocar a ameaza nuclear de Irán como epicentro de atención no convulso panorama en Oriente Próximo e no Golfo Pérsico supón igualmente un paso táctico realizado por Israel e, indirectamente, por Arabia Saudita, para afastar a atención sobre o incerto pero non menos relevante proceso de cambios emanados da denominada Primavera árabe, cuxa moderada parálise cara outros escenarios, como Siria ou Iemen, en especial trala violenta caída de Gadafi en Libia, obrigan a reabrir a presión sobre Irán, estratexicamente o rival máis importante no cometido de asentar a hexemonía de EE.UU, Israel e Arabia Saudita neste contexto rexional.

Noutro contexto, inseridas as demandas de recoñecemento dun Estado palestino dentro da ONU e súa recente inclusión como membro pleno dentro da UNESCO, Israel veríase obrigado a aliviar a presión exterior e romper o seu illamento a través da recondución da súa iniciativa política contra o réxime iraniano. Igualmente, Arabia Saudita e as “petromonarquías” do Golfo Pérsico reorientarían a atención en frear a ameaza do inimigo iraniano, afastando así calquera presión interna sobre as demandas de reforma política e participación democrática emanadas da expansión da Primavera árabe. O temor das “petromonarquías”, de Occidente e de Israel, se focaliza en observar un reforzamento de Irán como potencia rexional provista de armamento nuclear, nun escenario delicado como o Golfo Pérsico, determinado polas rivalidades entre as comunidades xiítas e sunnitas, que ilustra sinuosamente un pulso de poder entre Irán e Arabia Saudita.

Como sucedera no caso do Iraq de Saddam Hussein, é moi probable a curto prazo observar a activación dunha tenaz campaña de desinformación sobre o real estado do programa nuclear iraniano, que permitan calibrar as incertezas existentes en Occidente e Israel sobre as claves de poder que actualmente existen en Teherán, especialmente ante o aparente distanciamento político do gran aiatolá Alí Khamenei e o presidente Mahmud Ahmadíneyad.

Ante a estupefacción de Teherán, o recente informe da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA), a facerse público o próximo 9 de novembro, asegura unha presunta proliferación de plantas nucleares iranianas, a tal punto no que se confirma que Teherán xa estaría en mans de concluír un avanzado programa nuclear de carácter militar, marcando así xustamente a clave das demandas israelís orientadas a preservar o seu pretendido plan de guerra “preventiva” contra Teherán, emulando o sucedido en 1981 coa destrución do entón vixente programa nuclear de Saddam en Iraq.

Moi probablemente, as tácticas presións israelís se orienten a persuadir a EE.UU a ampliar as sancións contra Irán dentro da AIEA, ou ben persuadir a Teherán dun inminente ataque militar de carácter preventivo. Activar unha acción bélica contra Teherán abriría as canles dunha crise internacional de magnitudes desproporcionadas e un desequilibrio estratéxico en Oriente Próximo e no Golfo Pérsico, que tería serias consecuencias no subministro enerxético e na crise económica mundial, ante a posibilidade de que Irán peche o estratéxico Estreito de Ormuz, lugar de tránsito a Occidente e Asia de seis millóns de barrís diarios de petróleo.

A pesar do cruce de informacións sobre posibles manexos militares estratéxicos contra Irán, non semella claro se Washington estará disposto a abrir unha nova intervención militar nun 2012 que se anuncia electoral e vital para a reelección do presidente Barack Obama. Marcando na axenda o retiro estadounidense de Afganistán e Iraq e trala recente intervención vía OTAN en Libia, Obama non semella persuadir a abrir unha guerra contra un inimigo tan poderoso como Teherán. Pero non evitar a reprodución dende Israel da retórica bélica cara Irán podería ser contraproducente para Washington, enmarcando unha irresponsabilidade política que atizará a violencia. Outra vez, a desinformación con fins políticos pode ser o verdadeiro triunfador desta imparable “guerra informativa”.