20090218 iacarta hillary clinton susilo bambang yudhoyono

A UE afónica

Apartados xeográficos Europe ARCHIVE
Idiomas Galego
 Hillary Clinton e Susilo Bambang Yudhoyono; clic para aumentar
A secretaria de Estado dos EUA, en calidade de xefa da diplomacia do seu país, prescindiu de comezar a súa xira internacional inaugural por Europa, tal como a xeneralidade dos seus antecesores fixeron, escollendo Asia no seu lugar. [Foto: Hillary Clinton, secretaria de Estado dos EUA, e Susilo Bambang Yudhoyono, presidente de Indonesia, en Iacarta o 18 de febreiro de 2009].
 

Hai xestos simbólicos que resultan sintomáticos e que deberan comezar a nos preocuparen un tanto. A secretaria de Estado dos EUA, en calidade de xefa da diplomacia do seu país, prescindiu de comezar a súa xira internacional inaugural por Europa, tal como a xeneralidade dos seus antecesores fixeron, escollendo Asia no seu lugar.

Non é que Asia non deba ser considerada importante polos EUA, ben ao contrario. O curioso é que se decida mudar esta actitude deferente tradicional, sumándose a isto o feito de a Europa ter estado práctica ou totalmente ausente no apartado internacional do debate electoral presidencial do país americano. Vese que non se nos atribúe demasiada relevancia.

E o asunto non ha de resultar demasiado estraño. Os países europeos continúan a considerar con demasiada frecuencia que a Unión Europea só existe cando lles convén, que normalmente coincide con cando cómpre encontrar algún culpable de algo, e, cando non é así, optan por iren cada un polo seu lado. É así que se explica que en asuntos tan importantes como foi a guerra do Iraque ou, na actualidade, a instalación ou non de elementos do escudo antimísiles dos EUA en territorio europeo, sexa absurda e prexudicialmente obviada a pertenza á UE e a necesidade de se avanzar no seu aprofundamento e consolidación. Deste modo, debilítase a UE e lévase a que sexa considerada fácil de dividir e manipular.

A voz da UE é necesaria no mundo, e para que sexa forte haberá de ser única. E para isto, algún día haberá que darlle verdadeiras competencias en materia internacional e retirarllas aos Estados membros. E para tal, será preciso avanzar na Europa política. E a Europa política necesitará, antes ou despois, que se decida que facer cos que non queiran avanzar, porque os haberá e probablemente serán liderados polo Reino Unido; non nos podemos permitir que porque haxa unha minoría que non queira facelo todos os demais deban ficar paralizados, tal como aconteceu co tratado constitucional. Como en tantas outras cousas novas, será preciso que uns poucos vaian diante para que os demais vexan que se pode facer e que é proveitoso.

Con frecuencia achácanse á UE moitos males. Atribúeselle, por exemplo, a promoción de políticas e valores neoliberais, colocándose o exemplo da Directiva das 65 horas. Non se lembra, no entanto, que a tal directiva non está en vigor, que foi aprobada polo Consello, pero rexeitada polo Parlamento e pola Comisión europeos, e que agora ha de ser negociada entre Consello e Parlamento. E confúndese, ademais, entre a ferramenta que constitúe a Unión, e o uso que dela poida facerse, que depende das ideas predominantes nunha dada altura. Mais isto acontece, e debe acontecer, en todo sistema minimamente democrático. Ou e que cada vez que a Xunta ou o Parlamento galegos aproban algo de que non gustamos vamos pedir que se eliminen esas institucións?

Por outro lado, convén lembrar que a UE constitúe un modelo único de recoñecemento e respecto dunha extraordinaria diversidade cultural "que aínda debe ser mellorado, é certo", e de resolución pacífica de controversias entre os seus membros. Membros que estiveron en guerra durante os séculos anteriores á súa creación. E tamén, perante os EUA, debe reivindicar a superioridade do seu modelo de Estado de benestar, combinación de sistema económico capitalista, conquistas obreiras e senso común. A UE do benestar é, considerada en conxunto, a principal potencia económica mundial, por diante de EUA e a China.

Non son estes valores que merecen soar forte no mundo?