Afganistán, Iraq e agora Arabia Saudita. Triángulo isósceles, co centro en Washington. A convocatoria de eleccións municipais o pasado xoves na rexión de Riyadh confirma o éxito da estratexia norteamericana. Bush como exportador do hard power, na procura do control dos recursos enerxéticos, e como titor paternalista da mediática vaga democratizadora no mundo. A ecuación perfecta da globalización. As declaracións do portavoz do departamento de estado estadounidense para a BBC ían neste sentido: "as eleccións son un sinal das reformas que se están desenvolvendo na zona". O ministro de Asuntos Exteriores saudita recoñecía a alianza histórica ao admitir que "os países amigos aconséllanse". Amizade que se vertebra nos investimentos sauditas en Estados Unidos por valor de 250 billóns de dólares no 2003 e o ingreso nas arcas norteamericanas cada ano de 2 billóns na exportación de material militar e doutros servizos como salienta o informe de Human Watch. Compre lembrar que Arabia Saudita é a maior exportadora de petróleo do mundo e que posúe o 25% das reservas mundiais de petróleo.
Eis, a presentación ante a opinión pública dunha apertura democrática, ao convocarse por primeira vez eleccións na historia, é unha resposta á necesidade de recuperar credibilidade internacional despois do 11 de setembro e ante o aumento das reivindicacións sociais e políticas. A Declaración de Riyadh asinada por cincuenta países recentemente na que se aposta polo Centro Mundial para a Loita Antiterrorista con sede en Suíza é un exemplo. Agora ben, se a década dos sesenta significou a activación do exilio, actualmente identificado co CDLR e o MIRA, non foi ate o 1992 cando se aproba un Sistema Básico de Goberno no marco do réxime monárquico absolutista, constituíndo o Consello Consultivo de 60 membros iniciais. Moi lonxe do que entendemos por un sistema democrático, ao non poder concorrer os partidos políticos e no que a metade dos escanos son de designación directa, a segunda e terceira fase previstas para o 3 de marzo e o 21 de abril pecharán o mapa de 178 concellos e o reparto dos 592 asentos. Malia a existencia de 1.818 candidatos certamente as expectativas de voto son escasas como se deriva do rexistro de 148.000 homes dun censo posíbel de 400.000 en Riyadh.
Unha dimensión fundamental para analizar a natureza dos cambios políticos en Arabia Saudita alude ao papel das mulleres. A prohibición do exercicio de voto evidencia un interese en manter o status quo. O fracaso na difusión da campaña do 2001 a prol da inscrición feminina para a entrega de carnés de identidade, xa que só acudiron un 6%, é un indicador da falta dun compromiso real e non meramente formal. As argumentacións técnicas que explicaban a non incorporación das mulleres como electoras evidencian que aínda non é unha cuestión da axenda política. Tendo en conta que as mulleres son máis do 50% da poboación, a imposibilidade de acceso en igualdade de condicións ao exercicio da cidadanía non só como votantes senón tamén como membros da sociedade civil, é unha condición imprescindíbel se queremos falar de democracia. É inconcibíbel que a situación de discriminación e de invisibilidade das mulleres sauditas non tivera máis eco na sociedade internacional cando viven cunha represión maior que no veciño Irán.
Cunha Liga Árabe de Nacións marcada pola loitas de intereses e contradiccións derivadas en parte da guerra do 1948 e do aliñamento na guerra fría; e cunha axenda política internacional marcada pola tregua e negociacións entre palestinos e israelitas, nesta partida de tetris do s. XXI, Arabia Saudita está nunha encrucillada. Porque quere consolidarse como líder panarabista, como fixera coa conformación da OPEC nos 60, nos 70 coa Organización da Conferencia Islámica e no 1981 co Consello de Cooperación do Golfo. Porque quere vender marca país.
Estas eleccións son unha nova campaña de marketing. Como aconteceu en Kuwait, Bahrein ou Iemen, Afganistán e Iraq. Porque se esquece novamente as mulleres e as brechas sociais dun modelo xerarquizado no que a situación das emigrantes foi denunciada en numerosos documentos internacionais. Democracias embrionarias que derivarán en democracias defectivas ou autocracias, ante a imposibilidade de romper as canles de coaptación. É a loto internacional. As urnas son un novo cubo de Rubik.