200606 abdelaziz bouteflika

As pantasmas do islamismo e a reconciliación alxerina


 Abdelaziz Bouteflika, clic para aumentar
O rexeitamento do GSPC do plan de amnistía gobernamental da Carta pola Paz e a Reconciliación Nacional do presidente Abdelaziz Bouteflika (na foto), aprobado en referendo popular en setembro de 2005, foi absoluto e a súa reacción non foi outra que a do anuncio, a través de Internet, do inicio dun “verán moi quente en victoriosos ataques”.
 

A multiplicación dos atentados integristas en Alxeria durante os últimos meses fai medrar a inquietude e o pánico entre unha poboación que mantén serias dúbidas sobre o proceso de reconciliación nacional iniciado polo réxime. Namentres o Grupo Salafista pola Predicación e o Combate (GSPC) continúa coa súa estratexia de loita armada, sectores do islamismo alxerino chaman á instauración dun estado islámico como única solución a tódolos problemas.

Alxeria ten vivido durante estes últimos tempos un brusco rebrote da violencia integrista. Os atentados terroristas volven a ser a tónica, ocupando a primeira plana de boa parte dos rotativos e medios de comunicación, tanto do país magrebí como do mundo enteiro. As operacións das forzas de seguridade do Estado, en orde a combater aos grupos armados aínda activos, téñense multiplicado tamén de forma exponencial, sobre todo nas zonas montañosas, ao leste da xeografía alxerina.

Se ben a situación dista de ser a mesma que imperaba na década dos 90, nun momento de absoluta virulencia, numerosos indicios apuntan que, lonxe dun discurso oficial que fala da estabilización e da volta á calma, o panorama actual atópase bastante axitado. Consecuentemente, a inquietude e o desánimo agroman novamente en cada vez máis amplas capas de xente. Nun clima que algúns teñen cualificado como de “guerra”, chegándoo a equiparar mesmo co que actualmente impera no Iraq “democratizado” polas forzas aliadas, o balance nestes últimos dous meses eleva a máis de medio centenar as víctimas mortais, sen contar as ducias de feridos e os cuantiosos danos materiais.

Detrás dos atentados atópase o Grupo Salafista pola Predicación e o Combate (GSPC) quen, a través de diferentes comunicados e notas públicas, ten confirmado a súa responsabilidade nos mesmos. Esta formación, vencellada á organización terrorista internacional Al Qaeda, mantense moi activa na rexión do Sahel e mesmo se ten atribuído varios atentados con víctimas mortais, principalmente dirixidos cara obxectivos militares, en Mauritania. O seu rexeitamento do plan de amnistía gobernamental da Carta pola Paz e a Reconciliación Nacional do presidente Abdelaziz Bouteflika, aprobado en referendo popular en setembro de 2005, foi absoluto e a súa reacción non foi outra que a do anuncio, a través de Internet, do inicio dun “verán moi quente en victoriosos ataques”.

Sectores do islamismo alxerino ven neste rebrote violento un claro fracaso da Carta pola Paz e a Reconciliación Nacional, en virtude da cal xa 2.200 integristas teñen saído de prisión desde finais do pasado mes de febreiro, momento en que comezaron a aplicarse as resolucións deste documento. Algúns destes non dubidan en secundar as declaracións que o pasado 28 de xuño realizou ao The New York Times un dos fundadores históricos dos Grupos Islámicos Aramados (GIA), Abdelhak Layada, para quen “a violencia en Alxeria non se deterá ate que non se estableza un verdadeiro estado islámico”. Layada, detido en 1993, condenado a morte e liberado en marzo pasado en virtude da amnistía gobernamental, non descarta que as tensións detrás dos tráxicos acontecementos da recente guerra civil larvada puideran desatarse de novo. “A menos que o réxime acceda ao desexo do pobo de ter un goberno baseado na lei islámica, os cidadáns alxerinos estarán sempre tentados de sublevarse de novo (contra os poderes establecidos)”, afirmou o dirixente islámico ao xornalista norteamericano Craig Smith.

Este histórico do GIA non é o único que mantén unha visión pesimista sobre a actual situación en Alxeria. Alí Benhadjar, candidato islamita ás eleccións de 1991, o detonante directo da escalada violenta no país magrebí, ten declarado á prensa alxerina que “a lei de amnistía do goberno non atacou á principal raíz do problema”, advertindo que a menos que Alxer permita obrar para a consecución dun verdadeiro estado islámico, a violencia reanudarase indefectiblemente. Benhadjar, de tódolos xeitos, é dos que cre que a lei para a reconciliación está feita para servir unicamente aos servicios de seguridade do Estado detrás de múltiples asasinatos, matanzas colectivas e episodios aínda sen esclarecer. Para este, sen dúbida algunha, un dos principais problemas é que “a reconciliación serve ao réxime e non pretende ir máis aló”.