Cara unha axencia europea de rating

Nestes últimos tempos, a crise económica que levamos padecendo dende finais do 2008, exacerbada polos problemas financeiros da economía grega, está levando ó primeiro plano informativo ás axencias de cualificación ou de nota de crédito (máis coñecidas como axencias de rating).

A constatación da gravidade dos problemas en Grecia veu dada pola rebaixa da cualificación que as compañías crediticias fixeron da súa débeda pública, o que asustou ós investidores e case leva á creba ó país heleno.

Cómpre lembrar que as axencias de rating son empresas que avalían a capacidade dun emisor (de débeda, bonos ou outros produtos financeiros) de responder da devolución dos mesmos. Poden cualificar a outras empresas privadas (tales como os bancos cando emiten produtos de renda fixa privada) ou a entes públicos. Este último é o caso que máis aparece nos medios, sobre todo cando se avalía a solvencia dun Estado que emite  débeda para financiarse. En teoría son organismos que pretenden ser obxectivos, independentes e transparentes na información que dan ós mercados.

Actualmente existen 3 firmas de rating cunha posición preponderante: a británica Ficht e as norteamericanas Moody´s e Standard & Poor´s. Ámbalas 3 ofrecen unha escala de cualificacións que van, no caso de Standard & Poor´s, da famosa AAA  para aqueles organismos cunha gran solvencia e que contan coa máxima confianza dos investidores, ata a D, que implica incapacidade de afrontalos pagos a curto prazo (payment default).

Unha das críticas que se lle fai a estas compañías é que son empresas privadas que teñen como clientes ós propios organismos que analizan, de forma que estes poden optar por non publicar as notas se non lles conveñen.

Con todo, a pregunta que todos nos facemos é: Quen controla ás axencias? Dende que lles outorgaron a máxima nota a Lehman Brothers (entidade financeira que non tardou moito en caer), así como a Enron ou a Parmalat, casos que se caracterizaron pola súa mala xestión, a súa credibilidade está en cuestión.

Hai unha característica que comparten as 3 firmas antes citadas que as fai sospeitosas: que son anglosaxonas. O que podía ser un feito puntual pode entenderse como unha arma máis ó servizo do centro do sistema capitalista (EEUU, Reino Unido). En moitos casos, as rebaixas de cualificación afectaron ós chanzos máis febles do sistema, como ocorre agora con Grecia, e ameazan con selo Portugal, Irlanda e España. Aínda que no país heleno é razoable unha rebaixa da cualificación (xa está no BB+), habería que agardar para comprobar se actúan coa mesma dilixencia nos casos británico e estadounidense, ámbolos 2 con taxas similares de déficit (en torno ó 12 % do PIB a finais do 2009) e de débeda pública.

No fondo da cuestión están os ataques especulativos contra o euro, que comezaron por Grecia e axiña se estenderán contra o resto da periferia da Eurozona, contando para iso coa valiosa axuda das axencias, que non só sementan dúbidas sobre a solvencia dos países obxecto dos desexos de poderosos investidores (moitas veces con escaso fundamento) senón que atacan directamente á estabilidade e o prestixio do euro como moeda de referencia.

Neste senso, ante a carencia dun organismo que faga avaliacións “dende dentro do sistema euro” a Unión Europea está cavilando na posibilidade de dotarse dunha axencia de rating propia. Probablemente pretende contrarrestar a existencia das outras empresas de cualificación radicadas no entorno do dólar.

Como conclusión habería que preguntarse se en vez de utilizar ás axencias como arma de destrución financeira masiva ó servizo de especuladores sen escrúpulos, non sería mellor que as autoridades mundiais se centraran en depuralas e en velar pola integridade e transparencia dos seus ditames, que en teoría deberían ser imparciais.