Día mundial de las ciudades. 31 de octubre de 2022. Mejor ciudad, mejor vida. Actuar local para ser global

Día Mundial das cidades: Un 11, un 9 e un rañaceos

Cada 31 de Outubro, as Nacións Unidas convidan a celebrar o Día Mundíal das Cidades, para sensibilizar arredor dos problemas urbanos. Este ano ten como lema “Actuar localmente para ser globais” e o evento correspondente se celebra en Shanghai. Esta xornada foi instituída pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 2014, case 70 anos trala creación deste organismo multilateral e despois de 50 anos de discusións arredor do termo cidade e das súas implicacións.

Apartados xeográficos Foreign action of Galicia
Idiomas Galego

Aló polo 1964, no marco da Comisión Económica para Africa, a ONU discutía da pertinencia do concepto “goberno local”, co gallo de decidir quen debía sentar arredor da mesa cando se discutían os proxectos de desenvolvemento. Dous anos máis tarde, a Federación Mundial das Cidades Unidas foi a primeira rede en obter un estatuto de observador perante a ONU.

Aínda así, o camiño foi longo ate a primeira conferencia Hábitat (1975) onde entraban na axenda multilateral os “asentamentos humanos” (o de cidades viría máis adíante, non fora ser que os Estados se enfadasen). Tras tres conferencias Hábitat (coas de 1996 e 2016) e contando con dous encontros en Rio (1992,2012) sobre o desenvolvemento sostible, podemos dicir que as cidades atoparon finalmente un eco no esquema de traballo das Nacións Unidas.

En 1991, Hábitat publicou a primeira definición de "cidade sostible" como aquela "na que os logros do desenvolvemento social, económico e físico se fan duradeiros". A Axenda de Rio, aprobada en 1992, foi unha apertura internacional para a planificación urbana. O documento de Rio, de 351 páxinas, serviu daquela para inspirar as “Axendas 21” locais. Nestas axendas, as cidades podían lanzar novos planos, reflexionar sobre a xestión de residuos, o turismo, a mobilidade, etc... No entanto, a “Axenda 21” resultou ser moi densa e, nalgúns casos, as accións, fragmentadas entre elas, remataban por ser contraditorias.

Trala conferencia Hábitat de Quito no 2016, aprobouse a “Nova Axenda Urbana”, un documento guía para as cidades nos próximos vinte anos. A óptica muda, pasando da construción física à co-construción política, onde o cidadán é unha parte esencial do proceso. As cidades deberían traballar sobre tres obxectivos fundamentais: promover a calidade de vida; una economía incluínte e competitiva; e o desenvolvemento urbano resiliente e sostible. Estamos polo tanto ante un instrumento de acción publica (esta nova axenda urbana) proporcionado polo eido internacional. Mesmo se o seu primeiro uso é, evidentemente, de planificación urbana, grazas ao seu cuño internacional a axenda ten outras utilidades de corte político, ben en perspectiva ascendente (lexitimando a acción ante os poderes rexional ou nacional), ben en perspectiva descendente (facilitando a participación cidadá nos procesos.) Ademais, na parte operacional, non se pode esquecer que a Nova Axenda Urbana ofrece unha plataforma de coñecemento e avaliación onde se escolman as boas prácticas e se realizan informes e comparativas.

Esta estratexia urbana de 2016 responde tamén à Axenda para o Desenvolvemento Sostible (ou Axenda 2030) aprobada polas Nacións Unidas en 2015, e especialmente ao seu obxectivo 11: Acadar que as cidades sexan máis inclusivas, seguras, resilientes e sostibles. Este obxectivo 11 ten 9 metas ou principios estratéxicos. O seu logo, cun lema resumido en “Cidades e comunidades sostibles” (xa non falamos de asentamentos?) ten no centro un rañaceos. A combinación 11/9 cunha torre de apartamentos resulta cando menos curiosa e pode dar lugar a elucubracións sobre o sentido do humor dos redactores do texto.

Pero se pasamos aos contidos concretos deste obxectivo 11, atopamos novamente unha utilidade clara e cuantificada para o urbanismo integrado en termos físicos e políticos; con metas significativas como garantir o acceso de todas as persoas a vivendas e servizos básicos adecuados, seguros e asumibles (11.1) ou reducir o impacto ambiental negativo per capita das cidades (11.6.)

En xeral, respecto os 17 obxectivos da Axenda 2030, as cidades poden usar unha variedade de instrumentos en apoio da súa planificación. Na escala internacional, as Nacións Unidas puxeron a disposición unha guía de seguimento, avaliación e revisión voluntarios con 231 indicadores de análise. Esta guía ten unha versión adaptada para as cidades. Urbes como Buenos Aires, Gante, Helsinki, Skiathos ou Turku xa enviaron os seus informes.

Neste senso, a OECD tamén desenvolveu unha iniciativa de apoio aos gobernos locais, tal e como fixo a FEMP en España. Ademais, o mes pasado, a Comisión Europea lanzou unha serie de acordos con cinco plataformas internacionais de cidades para apoiar, con 50 millóns de euros, o papel das autoridades locais e das súas asociacións na formulación de políticas para promover o desenvolvemento sostible a nivel local, rexional e global.

Un día como o 31 de Outubro pode servir a reflexión: cal debería ser a perspectiva do noso concello respecto a Axenda 2030?