Eurocrise á italiana

Renato Ruggiero acabou por renunciar ao Ministerio de Exteriores. O mesmo Berlusconi encargarase da carteira abandonada. Rematan asi seis meses de tensión no seo do executivo italiano, e entre este e a Comisión Europea, agravada nos poucos días de vixencia formal do euro. Ruggiero desiste do seu labor de limpar a imaxe do goberno italiano ante os socios da UE.

A UE optou pola táctica do disimulo cara o goberno, con tinguiduras cada vez máis autoritarias, de Berlusconi e os seus aliados Fini e Bossi. Ante os escasos resultados da contundente actitude manifestada a respecto da crise austríaca de comezos do ano 2000, os dirixentes europeos e de Bruxelas optaron pola vía do silencio cara o exterior e a presión no interior do executivo italiano. Apoiados polos sectores máis europeístas do capitalismo italiano (Fiat) e certos poderes políticos (Presidencia da República) conseguiron impoñerlle a berlusconi un Ministro de Exteriores no que podían confiar tanto a Comisión Europea, presidida por un R. Prodi que o derrotara nas lexislativas de 1996, como París e Berlín. Ruggiero foi durante seis meses o home que tentou limar as constantes asperezas entre Roma e Bruxelas.

Ninguén gustaba das imaxes nas que os ministros evitasen saudar a un homónimo como sucedera no caso austríaco. Daquela os dirixentes europeos esquivaban á Ministra de Exteriores austríaca do ultradereitista Partido Liberal (FPÖ) de Haider. Tras unha prolongada crise, e as presións dos democristiás, houbo que optar por gardar as formas e a crise austríaca foise adiando, que non resolvendo, pola vía do silencio mediático. Reproducir un episodio semellante era conflictivo en exceso cando faltaba medio ano para a entrada en vigor, como moeda que non como divisa, do euro. Berlusconi e Bruxelas asi o entenderon. O primeiro ministro italiano evitou o choque, nomeando un ministro aceptado por Bruxelas e esta gardou prudente silencio ante a presencia no executivo de forzas (Alianza Nacional e Liga Norte) dun cariz semellante aos "liberais" de Haider.

Pasado o tempo necesario, a tensión acumulada durante meses, estourou en poucos días. Durante medio ano Ruggiero andou temperando gaitas entre Roma e Bruxelas. A cuestión era facer crible aquelo que dixera o seu ex – patrón Gianni Agnelli durante a campaña electoral : "Italia non é unha república bananeira". Co apoio de Agnelli, Berlusconi puido gañar as lexislativas. Agora o presidente honorario da Fiat considera que: "aquí nin sequera temos bananas, todo o máis figos chumbos". O certo é que os desencontros entre a UE e Roma foron constantes nos meses precedentes (programa Airbus; participación de tropas italianas en Afganistán; declaracións de Berlusconi sobre a supremacía da civilización cristiá; euroorde; declaracións críticas co euro dos pesos pesados do executivo -Tremonti (Economía), Bossi (Reforma Institucional), Martino (Defensa)-, etc…

Berlusconi elude a presencia do ministro "técnico", segundo as súas palabras, "xa que o goberno non necesita titor". Os vencedores da crise están eufóricos. Berlusconi resólvea, de momento, asumindo el mesmo a carteira de Exteriores, incluso é posible que durante bastante tempo. A razón, topar un substituto axeitado para Ruggiero. A carteira de Exteriores é, evidentemente, unha das máis desexadas e os pretendentes moitos, comezando polo líder da dereitista Alianza Nacional, o "popular" Gianfranco Fini, quen considera que o seu partido merece unha maior presencia no executivo. Este nomeamento só agravaría a situación.

A deriva autoritaria dalgúns gobernos europeos mesturada co chauvinismo estatalista é unha perspectiva ben preocupante. Á presidencia española da Unión preséntaselle un mandato con constantes viaxes á Roma, algúns deles suspenderanse como o que tiña previsto o Sr. Piqué para hoxe. Aznar terá que empregar a fondo os seus bos oficios ante o seu amigo italiano.