fsm nairobi

FSM de Nairobi

Apartados xeográficos África ARCHIVE
Idiomas Galego

 FSM Nairobi, clic para aumentar
O VII FSM se abre a novas realidades, problemáticas e perspectivas que proveñen da rexión máis castigada do planeta… pero o Foro Social Mundial ten que afrontar en Nairobi o crucial reto de definir o seu futuro como plataforma de transformación dun mundo inxusto.
 

O FSM mundial arrastra dende ás súas últimas edicións unha crise de definición e obxectivos que se repite en Nairobi.

A polémica desatada pola intervención do presidente Hugo Chávez no VI FSN, que nunha das sedes do 2006 se celebrou en Caracas, invitou a este gran impulso de masas a abandonar a vocación de análise e escaparate dos diferentes movementos sociais que traballan contra dos efectos negativos que para grandes sectores da poboación mundial ten a globalización, para transformarse nun movemento político mundial que combata as desigualdade e a pobreza, volverá a estar presente.

O entusiasmo que esperta o Foro Social Mundial, trasládase de continente. Os cambios e desafíos que ser observan e afrontan en Nairobi, presentan importantes novidades, que se perciben mesmo visualmente. Nunca nunha marcha inaugural tiveron unha presencia tan significativa e destacada, as nutridas ringleiras de movementos relixiosos uniformados que camiñaban a son de entusiastas cánticos espirituais.

A primeira grande novidade, maniféstase na ausencia destacada de participantes chegados do berce latinoamericano no que se enxendrou, concibiu e alimentou o FSM. Os desastrosos efectos da década neoliberal dos 90, foron postos ao descuberto en Porto Alegre, e rearmou argumentalmente os variopintos movementos políticos latinoamericanos que promoveron os cambios do mapa xeopolítico do continente nos albores do século XXI.

África, menos desigual pero cunha pobreza xeralizada, aborda temáticas innovadoras na axenda da breve historia do FSM. Oitocentos millóns de persoas, dos oitocentos cincuenta que a habitan, poderían encaixar na definición de “Condenados da terra” que elaborara hai 50 anos Franz Fannon, pera definir aqueles que moran na marxinalidade, que están ausentes da participación e capacidade de decisión política e excluídos do reparto da xeración de riqueza, mesmo nun momento de importante crecemento económico, moi por riba da media mundial.

Repiten sen perspectiva de solución a corto e medio prazo temas como: o peso da débeda externa nas economías zonais, o combate contra da pobreza, a desigualdade do comercio internacional, a equidade de xénero. Acentúase e intensifícase o tratamento de temas que teñen unha importante incidencia en África como a seguridade alimentaria, a loita contra da SIDA que aparecía en pancartas nas que se afirmaba … “Un mundo sen SIDA é posible, a participación e organización sociopolítica…

Aparecen con luz propia, na axenda de Nairobi, realidades das que África quere desprenderse definitivamente nas súas diferentes acepcións: colonialismo, postcolonialismo ou neocolonialismo.

A falta dunha dilatada e histórica cultura de participación e organización social que si existe en América Latina, xa asomou nos primeiros resultados da Cimeira de Nairobi. Os responsables do sétimo FSM, tiveron que rebaixar á metade as previsións de asistencia ata cifrala ao redor das 80.000 participantes. O mesma percepción se evidenciou na marcha que sinalaba o punto de partida, saíndo da cidade perdida de Kibera, que non conseguiu cumprir as previsións de encher o parque Uhuru.

Entre as máis de 1200 actividades programadas, os relatores porán o til sobre problemáticas moi diversas. Pero a diversidade temática no ten porque ser un pasivo, senón todo contrario. Non sería posible convocar a este mosaico de organizacións tan diversas se non existise un grande respecto polo principio de pluralidade, e confluíndo na idea central de procurar un mundo diferente que promova un crecemento harmónico do planeta.

O VII FSM se abre a novas realidades, problemáticas e perspectivas que proveñen da rexión máis castigada do planeta. Servirá de revulsivo para canalizar esforzos dispersos. Coa ilusión e entusiasmo que se vive, alimentará e fortalecerá as diferentes movementos sociais do continente… pero o Foro Social Mundial ten afrontar en Nairobi o crucial reto de definir o seu futuro como plataforma de transformación dun mundo inxusto.