20070831 londres gordon brown

Gordon Brown e o final das vías

Apartados xeográficos Europe ARCHIVE
Idiomas Galego
 Gordon Brown; clic para aumentar
Se Gordon Brown decide retirar as tropas do Iraque satisfará a boa parte da opinión, pero haberá que ler esa retirada como primeiro paso para un novo posicionamento exterior do Reino Unido. Pensarán moitos que o segundo paso sería unha maior identificación có proxecto europeo. Pero ese é outro dos problemas destas semanas. Aumenta sen relanzo a presión dunha grande do Partido Laborista, e xa non digamos a resistencia da oposición, a que o Tratado que veu a reemplazar a malfadada Constitución Europea sexa aprobado polo Parlamento e non sometido ao plebiscito que o laborismo prometera solemnemente, sen que Brown discrepara niso de Blair.
 

Gordon Brown xa conseguiu poñer terreo por medio co estilo de goberno do seu predecesor. Un carís serio na vez do careto irritante e dentífrico de Tony Blair. Unhas modestas vacacións pagadas do seu bolso en Dorset, en troques de deixar que as paguen millonarios e famosos mediáticos en lugares exóticos de luxo caro e vulgar. Resposta inmediata e sen excesos retóricos ás crises internas: enchentes, glosopeda e demáis.

O cansanzo dos británicos coa política virtual, tan marcado nos derradeiros tempos do blairismo, recibeu alivio que moito se agradece.

Até aí, todo ben. Mais en agosto comenzaron a chegar, ou a se desvelar, algúns dos problemas que van poñer a proba se Brown pode ou quere marcar un rumbo diferente no mundo da política de poder mundial. Dixérase sempre que lle faltaba experteza nese terreo, despois de dez anos de Chanceler adicado aos problemas económicos e financeiros. Algúns pensan que iso non lle impedía ter as súas ideas de política internacional e que, non tendo por qué airealas, facía ben en calar. Agora chegou o momento da decisión, e val a pena estar atentos ao que decida, porque pode decirnos moito, non só da persoa de Gordon Brown, senón tamén da estructura do poder mundial hoxe e das limitacións que pode impor á marxe da manobra dun goberno que aínda conta ou debe contar no mundo.

Primeiro, o Iraque. O progresismo antiestadounidense, sobre todo noutros países, porque no que Brown goberna é máis difícil criarse ilusións, esperou de Brown que se distanciase de Washington e retirase forzas do Iraque (e do Afganistán). A cousa non vai ser doada, e si se fai, abrirá outros problemas.

Na última semana de agosto, Brown foi atacado nos Comúns polo voceiro conservador de Defesa, Liam Fox, e fóra, nos Estados Unidos, por un asesor moi autorizado do presidente Bush, Frederick Kagan. A crítica dos dous vai cara ao mesmo fito: O Reino Unido aforra demáis na defesa e deixa moi fracas as súas forzas no Iraque, coa conseguinte sobrecarga para as forzas do seu aliado estadounidense. Visto que quen freou unha e outra vez o gasto militar, con moita forza nestes anos pasados, foi Gordon Brown desde o Tesouro, a acusación vai contra ele. Crese ou non crese Brown na guerra, a opinión é moi sensible a que se deixe sen o debido apoio aos soldados e a que a morte de tres rapaces no Afganistán por unha bomba lanzada desde un avión estadounidense chamado para apoio dos británicos en terra poda deberse a que non se lles comprou o equipamento que podería ter evitado o desastre. Ese equipamento, que permite que no avión vexan exactamente o mesmo que ve o coordinador que desde terra pede axuda, existe, pero é moi caro.

A incomodidade dos militares con esa situación pode reforzar o argumento dos políticos para a retirada das tropas, que satisfaría aos contrarios á guerra, que non son poucos. Pero ese razoamento non escapa aos críticos que falan desde o aliado, que os mira como escapatoria. Kagan o advirte e, o que certamente parece arrogancia, acrecenta que hai outro factor que contribúe á impopularidade da guerra: a excesiva prudencia das tropas británicas en Basora que, para non provocar aos insurxentes, cuase que non saen dos cuartéis. Cousas fortes para dicir, pero que foron ditas.

Se Gordon Brown decide retirar as tropas satisfará a boa parte da opinión, pero haberá que ler esa retirada como primeiro paso para un novo posicionamento exterior do Reino Unido. Pensarán moitos que o segundo paso sería unha maior identificación có proxecto europeo. Pero ese é outro dos problemas destas semanas. Aumenta sen relanzo a presión dunha grande do Partido Laborista, e xa non digamos a resistencia da oposición, a que o Tratado que veu a reemplazar a malfadada Constitución Europea sexa aprobado polo Parlamento e non sometido ao plebiscito que o laborismo prometera solemnemente, sen que Brown discrepara niso de Blair. Hai que salientar que é forte tamén, como se revelou nestes días, a oposición dos sindicatos, que chamará a atención a quenes crean na Europa "social", pero que indica cómo vai emerxendo en sectores da esquerda a crenza de que a escolla entre Washington e Bruxelas é unha escolla entre proxectos hexemónicos declarados ou hipócritas.

A publicación, tamén nestes días, do orzamento da Unión Europea para 2008 provocou análises da súa repercusión, moi preocupante, no bolso dos contribuintes británicos. 63 millóns de libras para propaganda cinematográfica do ideal bruxelense son moitos millóns cando se está cortando o gasto público en necesidades básicas de saúde e educación dos británicos.

Se Brown se retira do Iraque satisfará aos adversarios da guerra. Probará as súas credenciais de independencia de Washington, en claro contraste con Blair. Si admite que non fai falta o plebiscito sobre a constitución disfarzada de tratado, perderá a confianza na súa sinceridade democrática. E os máis avisados verán seguramente que as dúas políticas non perxudican en nada, a longo prazo, ao bon entendimento atlantista. Descontado que non hai terceira vía no social, semella que tampouco hai terceira vía no internacional. Talvez haxa que esperar para velo até que se definan os enfrontamentos hexemónicos e as alianzas tácticas necesarias nun mundo en que os bloques asumiron e potenciaron os anceios imperialistas, tan denostados, das vellas nacións.