20060128gaza celebracion campo khan yunes

Islamismos

Apartados xeográficos Middle East ARCHIVE
Idiomas Galego
 Celebración Hamas, clic para aumentar
Observar o panorama político e electoral dos derradeiros anos en países como Exipto, Líbano, Turquía e agora Palestina, permite determinar que o ascenso do islamismo político, contrario ao discurso oficial en EEUU e Europa occidental, podería máis ben fomentar unha ineludible vaga democratizadora na rexión. (Foto: Celebración da vitoria de Hamas no campo de refuxiados de Khan Yunes, en Gaza).
 

Hamas, Hezbollah, os Irmáns Musulmáns… o ascenso político e electoral dos movementos islamitas en Oriente Medio causan unha contraditoria sensación de temor e ilusión, dentro e fóra da rexión máis conflitiva do planeta, desprazando incluso escenarios tan preocupantes como Irán, Iraq ou Siria.

É posible, aínda que non directamente vinculado a este suceso, que a invasión anglo-estadounidense de Iraq no 2003 afondara un indirecto "efecto sorpresa" para o cambio político en Oriente Medio, pero marcadamente afastado das políticas e as expectativas creadas en Washington e Londres. Observar o panorama político e electoral dos derradeiros anos en países como Exipto, Líbano, Turquía e agora Palestina, permite determinar que o ascenso do islamismo político, contrario ao discurso oficial en EEUU e Europa occidental, podería máis ben fomentar unha ineludible vaga democratizadora na rexión.

Este cálculo non estaba presente na promulgación do plan para o Grande Oriente Medio, concibido pola administración de George W. Bush a mediados do 2003, pouco despois da vitoria militar contra o réxime de Saddam Hussein. De feito, este plan espétase constantemente ante a realidade iraquí, a cada vez maior preponderancia de Irán e ante os recentes procesos electorais na rexión. Deste xeito, os seus efectos veñen sendo completamente contraditorios cos desexos impulsados por Bush e o seu equipo, tal e como se observou coa impresionante vitoria en Palestina do partido Hamas e as súas repercusións no actual panorama de Oriente Medio.

Cando nace o islamismo como opción política e social? Deixando de lado o wahabbismo na Península arábiga a finais do século XVIII, a creación da comunidade dos Irmáns Musulmáns en Exipto en 1928, seguindo os postulados de Hassan al Banna e o posterior impulso predicador de Sayyib Qotb, tómase cronoloxicamente como o nacemento desta ideoloxía. Estamos a falar dun Oriente Medio en proceso de transformación política, produto das secuelas dos séculos de dominación otomán e o recente colonialismo francés e británico.

Posteriormente, coa creación de países como Iraq, Líbano e Siria, este movemento islamita expandiuse rexionalmente en confrarías e células sociais e políticas. A represión da súa expansión foi notoria, principalmente no Exipto de Nasser. Sen embargo, obtivo un impulso político, aínda que tamén cun sentido republicano, coa vitoria da revolución islámica en Irán en 1979.

Dende unha perspectiva electoral, o islamismo político xurdiu con forza na política rexional coas eleccións lexislativas en Alxeria a finais de 1991. A contundente vitoria da Fronte Islámica de Salvación, FIS, provocou un impacto tan negativo nas elites políticas e militares alxerinas, así como na antiga metrópoles francesa, que en xaneiro de 1992 se descoñeceron os seus resultados por parte do réxime laico e militar. O resultado foi desastroso para Alxeria: unha guerra civil que durou ata finais dos noventa, con secuelas moi marcadas para a poboación civil polo terrorismo aplicado dende ambos bandos.

A experiencia alxerina coaccionou, en diferentes sentidos, as expectativas e as políticas das elites e a sociedade civil dende o Magreb ata Irán. En Marrocos existe un importante partido político islamita, Xustiza e Desenvolvemento, terceira forza parlamentaria. O FIS alxerino segue a ser un movemento de importancia, aínda que fracturado polas divisións internas e o fracaso do movemento armado e terrorista Grupo Islámico Armado, GIA. Os Irmáns Musulmáns en Exipto se converteron no principal partido de oposición nas eleccións lexislativas de setembro, alteradas tamén pola represión oficial do prooccidental presidente Hosni Mubarak. No 2005, o libanés Hezbollah (Partido de Deus), da comunidade xiíta e apoiado por Siria e Irán, obtivo unha sólida vitoria lexislativa no sur do país e se converteu nun movemento esencial na transición libanesa, trala retirada militar siria.

Nas eleccións lexislativas de outubro de 2002 en Turquía, o partido da Xustiza e o Desenvolvemento, AKP, alcanzou a maioría parlamentaria que lle permitiu formar goberno ao actual primeiro ministro islamita, Recep Tayyip Erdogan. As elites militares e políticas amosaron a súa tranquilidade ante a opción europeísta de Erdogan e o seu rexeitamento á guerra anglo-estadounidense en Iraq. En Xordania, a Fronte de Acción Islámica ten notable presenza parlamentaria, así como os Irmáns Musulmáns en Kuwait. No parlamento israelí actúan dous islamitas árabes. Nas derradeiras eleccións iraquís de decembro, de 275 deputados na Asemblea Nacional, 203 pertencen a partidos islamitas xiítas, sunnitas e kurdos. Todo isto sen contar co xiro ultrarrelixioso nas eleccións presidenciais de Irán en xuño pasado, plasmada na vitoria do actual presidente Mahmud Ahmadíneyad.

Nun sentido histórico, o islamismo comeza a constituírse nun referente político para as sociedades árabes, suplantando a ilusión xerada polo nacionalismo e o socialismo panarabista dos anos cincuenta e sesenta. Polo tanto, non constitúe un fracaso político, como vaticinaran hai apenas unha década os expertos Oliver Roy e Gilles Kepel. Pero tamén semella evidente que este aparentemente imparable ascenso dos partidos islamitas aumenta a incerteza e inquietude occidental. Aínda están por verse cáles serán as súas propostas no caso de que, como Hamas en Palestina, se acheguen ao goberno. As relacións entre política e relixión, os dereitos das mulleres e, nalgúns casos como o de Hamas e o Hezbollah, as súas relacións con grupos armados, serán tamén parte destes retos e desafíos. Tamén está a súa natureza, contraditoria e voluble, influída polo contexto sociopolítico interno: uns avogan polo Islam tolerante das confrarías, mentres outros premen pola radicalización política.

Así e todo, no actual momento de cambio político en Oriente Medio, observase unha resposta autóctona, afastada do cambio dirixido dende Washington, Londres ou Bruxelas. Os intereses e os erros das potencias occidentais permitiron crear o moderno e convulso Oriente Medio e, na súa pretensión de frear o avance islamita, apoiaron e apoian réximes autoritarios como o de Saddam Hussein en Iraq ou Hosni Mubarak en Exipto, esquecendo con isto que o verdadeiro cambio ven propiciado desde abaixo, dende a sociedade civil. Aínda que os seus propulsores, neste caso os islamitas, non sexan os axentes políticos mais desexados para Occidente.