Macau, máis que xogo

Após unha ocupación exercida ao longo de máis de 4 séculos (desde 1553 até 1999), finalmente, coa fin do século XX, o enclave chinés de Macau sería devolto por parte das autoridades portuguesas á República Popular China. Durante a época da colonización este territorio sempre gozou dunha grande vitalidade e relativo benestar, debido á súa privilexiada posición xeoestratéxica como referente do comercio trilateral entre Xapón, China e a Europa, afrontando os embates provenientes das meirandes potencias europeas que arelaban facerse co control do seu comercio.

Liñas de investigación Gallician Observatory of Lusophony
Apartados xeográficos China and the Chinese world
Palabras chave China Lusofonía Macau CPLP xogo
Idiomas Galego

Após unha ocupación exercida ao longo de máis de 4 séculos (desde 1553 até 1999), finalmente, coa fin do século XX, o enclave chinés de Macau sería devolto por parte das autoridades portuguesas á República Popular China. Durante a época da colonización este territorio sempre gozou dunha grande vitalidade e relativo benestar, debido á súa privilexiada posición xeoestratéxica como referente do comercio trilateral entre Xapón, China e a Europa, afrontando os embates provenientes das meirandes potencias europeas que arelaban facerse co control do seu comercio.

No entanto, Macau nunca acabou por confluír verdadeiramente coa identidade portuguesa, o que fixo que ao albor da nova República Popular China de Mao Tse Tung, de carácter comunista e anticolonialista, o sentimento contra tódolos vestixios imperiais que permanecían na terra medrase. Na altura do ano de 1966 levouse a cabo o denominado Motim 1-2-3 (1) que produciu como consecuencia que Portugal renunciase á súa ocupación perpetua sobre Macau e negociase unha saída diplomática consensuada coas autoridades chinesas á situación.

Así sería como a partir dese momento Macau pasaría a ser considerado como territorio chinés sob administración portuguesa e a transferencia de soberanía de Macau para a República Popular da China ficaría instituída para o día 20 de decembro de 1999, cando finalmente Macau retornou ás maos da China e pasou a formar dentro desta república unha Rexión Administrativa Especial (a outra é Hong-Kong)(2). É dicir, a pesares da integración no modelo chinés, este enclave podería seguir conservando as súas especificidades e un amplo grao de autonomía, que se traduciu incluso na autorización a permanecer baixo o influxo dunha economía de mercado (é a consecuencia da doutrina tan poderosamente cacarexada polas autoridades de Beijing de un país, dous sistemas (3)).

Actualmente, Macau seguramente non se estea acordando da súa pertenza a Portugal. Desde que se converteu na RAEM, todo parece que vai sobre rodas: a súa poboación non deixa de medrar (o que a converte no sitio do planeta cunha maior densidade de poboación), o seu IDH é moi alto tendo en conta a súa localización xeográfica e o seu PIB leva atinxido reiteradamente uns niveis de crecemento de dous díxitos.

Agora ben, se no plano económico hai algo que debemos salientar esa é a súa imponderable industria do xogo, que monopoliza a súa economía (xunto co turismo, o cal é consecuencia directa do fluxo de persoas que diariamente rulan polas súas salas de xogo), en parte grazas a que é o único lugar da República Popular onde está legalizada.

Xa na altura do ano 2006 o país erixiuse como o mellor mercado de casinos do mundo, superando á todopoderosa Las Vegas, cidade que semella que xa non é nin sequera unha competencia seria, posto que no 2011 os ingresos de Macau derivados dos xogos de azar quintuplicaron aos da cidade estadounidense.(4)

Está claro que Macau é unha paraxe ideal para que calquera xogador do mundo poida satisface-los seus desexos de facerse rico sen romperse moito os miolos, mas tamén para a CPLP constitúe este lugar unha xanela de oportunidade de ganancias?

Mais unha vez, como antano, a RAEM volta a erixirse, de xeito poderoso, nun enclave xeográfico verdadeiramente estratéxico no plano comercial, o motivo é o vector de conexión comercial luso-sino-brasileiro-africano.

Ademais, a China non ten amosado ningún tipo de reparo. Interésalle certamente o mundo lusófono, de aí que apostara pola creación do denominado ``Fórum para a Cooperação Económica e Comercial entre a China e os países lusófonos´´, que viu a luz no 2003, co obxectivo fundamental de promove-lo comercio e a cooperación en áreas multidisciplinares entre chineses e os países de lingua portuguesa, deitando, sobre a figura de Macau a responsabilidade de exercer de liga nesa interacción. O Fórum Macau, o cal xa leva atinxidas tres reunións (son de carácter trianual) tense consolidado como plataforma de cooperación económica entre ámbolos dous mundos.

Novamente, é de destaca-lo decisivo papel que a lingua portuguesa xoga arestora no mundo. Non só se erixe como un medio de transmisión cultural, senón que, á súa vez, actúa como un confortábel instrumento de política exterior, contribuíndo a que a lusofonía xogue un papel cada vez mais relevante dentro das relacións internacionais. O Fórum Macau constitúe un vivo exemplo deste fenómeno: a que está chamada a converterse nun futuro próximo na maior economía mundial, China, xa identifica a órbita lusófona como un actor atractivo para asegura-lo seu equilibrio económico futuro (obte-la súa seguranza enerxética).

África eríxese nun atractivo fondo de investimento debido a que China é consciente de que precisa acceso a reservas de petróleo. Ultimamente atópanas en Oriente Medio, mais nese espazo xeográfico a situación é ben inestábel e con importante influencia estadounidense. De aí que a África lusófona (Angola é o 2º maior produtor de África e Moçambique posúe abondosas reservas de gas natural ) sexa agora un socio preferente no plano comercial, sen esquecer que a órbita lusófona abrangue a máis de 250 millóns de persoas que se erixen como potenciais consumidores das exportacións chinesas.
Tampouco se pode deixar de lado a figura do Brasil, de lonxe o maior socio chinés da CPLP, e co que nos últimos tempos ven estabelecendo varios convenios en materia nuclear.

Polo tanto, constatamos como nos últimos tempos, a CPLP é un referente central para China. Contribuíu a palia-la débeda dos países da África sen aplicar intereses nos cretos, triplicou a axuda ao Timor-Leste, outorgoulle ao Portugal o status de socio estratéxico, e non escatima esforzos á hora de financiar proxectos conxuntos.

En definitiva, dada a importancia crecente de China, a CPLP debe centrar boa parte dos seus esforzos en que Macau non fique á marxe no seu proceso de concertación. Unha boa medida neste sentido sería que a figura de Macau puidese tornarse en Observador Asociado da CPLP, o que facilitaría que esta rexión puidese pasar a ter voz plena dentro do organigrama da CPLP. Porén, isto só será posíbel coa beizón do goberno de Beijing.

Mais aló do estritamente económico, cómpre resaltar o papel da principal marca que da forma a este organismo: a lingua.

Nese senso, Macau tampouco debe maltratar esa grande riqueza herdada do seu pasado colonial, posto que aí tamén radica o seu meirande atractivo. A herdanza portuguesa non só se deixou sentir no plano lingüístico, senón tamén no patrimonial, artístico, relixioso e mesmo gastronómico. E non hai que esquecer que a UNESCO declarou no ano 2005 ao centro histórico da cidade como Patrimonio da Humanidade (5), o que denota a salientable pegada deixada pola mestizaxe intercultural de Europa e Ásia(6).

NOTAS:

(1) Mais información sobre este acontecimento histórico pode ser visionada en: http://pt.wikipedia.org/wiki/Motim_1-2-3

(2) O artigo 31 da Carta Magna chinesa é quen fixa o estabelecimento das RAE: http://portal.gov.mo/web/guest/info_detail?infoid=107#cap2

(3) Mais información en: http://www.china.org.cn/english/features/china/203730.htm

(4)  (http://www.poker-red.com/noticias/macao-ya-cinco-veces-vegas)

(5)  A lista de lugares declarados como património da humanidade pode ser consultado no seu web. No caso do Centro Histórico de Macau en: http://whc.unesco.org/en/list/1110

(6)  Interesante arquivo web sobre a cidade á que ben se define como ``Dualidade Cultural´´: http://www.maxillaris.com/hemeroteca/200706/patrimonio.pdf