Nova etapa para Polonia en Europa: ¿novas políticas?

O Cumio de Bruxelas baixou o pano con dúas baixas significativas. Non se pode obvia-la importancia do feito, cara ó futuro, de que os xefes de goberno representativos das potencias medias europeas, Polonia e España, trocaran a súa faciana. Aznar deixa o poder despois dunha desfeita electoral non prevista e o ata agora presidente polaco, Leszek Miller, porá fin anticipadamente ó seu mandato en datas próximas.

Os cidadáns polacos aprobaron o 8 de xuño do pasado ano, a súa entrada na Unión, nun referendo no que o 77´45% do electorado votou favorablemente á entrada na Comunidade. Isto suporá para Polonia o comezo dunha nova etapa, despois de anos de desencanto. Pero se a consecución da estabilidade xa non semellaba fácil nunha situación na que predominan o desemprego crecente, a corrupción política e as dificultades para cumpri-las esixencias de converxencia económica e de adaptación lexislativa que lle require a Unión ós candidatos, se lle engade agora o derrubamento do partido no poder, a Alianza da Esquerda Democrática (SLD).

Para Leszek Miller, presidente dende o 23 de setembro do 2001, a perda da confianza da Dieta pon o punto final a súa singradura, deixando nas mans do presidente da república, Aleksander Kwasniewski, a transición cara Europa. Aínda que precipitada, a caída da SLD non colle de sorpresa a ninguén. En marzo de 2003, o primeiro ministro polaco decidiu racha-la coalición de goberno co Partido Campesiño (PSL), despois de que este votara en contra dun proxecto do goberno, do que eles mesmos formaban parte, para aprobar un novo imposto. A agrupación de goberno quedou con 192 dos 460 escanos posibles, tendo que recorrer a acordos con lexisladores independentes para poder tomar decisións, unha situación insostible a pesares do interese de Miller de resistir sen ter que convocar eleccións anticipadas. O presidente da República receaba hai pouco da capacidade de Miller para levar a bo porto a política polaca contando cun goberno en minoría. Mesmo segundo o propio Miller, á SLD non lle serviría ningunha reforma para saír da complicada situación na que se foi mergullando nos últimos tempos, acosado por escándalos de corrupción. A formación do novo partido social demócrata de Polonia (SDPL) do actual presidente do Parlamento, Marek Borovski, creado por trinta deputados e senadores do SLD, evidenciou a fragmentación. Polonia, que segundo Borovski, non pode permitirse o luxo de perder a referencia da esquerda, podería celebrar eleccións xerais este outono no caso de que o goberno que se forme para suceder a Miller non tivese un programa cun apoio político claro e suficiente. O xefe do executivo deixará o seu posto o 2 de Maio, cando Polonia ingrese de xeito efectivo na UE. Esta nova etapa, ¿significará a chegada de novas políticas dende Varsovia?

O camiño a Europa non está sendo tan fácil como agardaban os polacos. Ata o momento, Polonia viña liderando o chamado grupo de Vyshejrad, xunto á República Checa, Eslovaquia e Hungría, conformando unha posición común para defende-los seus intereses. Pero as posturas pechadas dos estados membros, premidos pola esixencia de defende-los seus intereses nacionais, reduciron ó mínimo o desexado concepto de solidariedade europea. E Polonia, que tanto sabe desta palabra, tampouco estivo ata agora disposta a ceder en cuestións tan importantes coma o reparto de votos, as políticas estructurais ou a mención do espírito cristián expresamente indicado na futura Constitución Europea.

Síntomas de tempos distintos poderían extrapolarse de dous acontecementos recentes: dunha banda, o anuncio do Presidente da República no que amosaba a disposición para retirar as súas tropas de Iraq, cotexando a solución natural de que a partir do 30 de xuño, a OTAN, co acordo coa ONU, se fixera cargo da xestión da zona. Marek Siwiec, xefe da Oficina de Seguridade Nacional, apresurouse a desmentir que este feito tivera ningunha relación coa idea do futuro goberno español de retira-las súas tropas de Iraq, aínda que o propio Kwasniewski dixo sentirse "enganado" pola administración norteamericana e as súas supostas probas da existencia de armas de destrucción masiva. ¿Podería significar isto algún afrouxamento nas posturas pro-atlantistas de Varsovia?. É pouco probable. Por outra, o encontro de Miller e o chanceler alemán, Shroeder, este mes, serviu para que Polonia se mostrase disposta a dialogar para chegar a un acordo que desbloquee as negociacións respecto ao sistema de dobre maioría para a firma da necesaria Constitución Europea, moito mais dende os atentados de Madrid e a chegada de Zapatero ó poder en España, que deixa a Varsovia en solitario para seguir apostado polo modelo de Nova Europa que promulgara Rumsfeld.

Ata o de agora, moitos países amosáronse dispostos a estar en Europa, pero non a ser Europa. O futuro da UE depende, en grande medida, da capacidade de diálogo de tódalas partes para chegar a acordos, para acadar, aló menos, que Europa sexa, como dicía De Gaulle, "algo diferente dos EEUU". Cedo observaremos se as novas facianas tamén levan a Europa polos camiños de novas políticas.