Polonia tras as eleccións: o “novo vello” gañador

Co 39% dos votos, a Plataforma Cívica gañou as eleccións parlamentarias que se convocaron en Polonia o pasado 9 de outubro, deixando atrás ao seu maior opoñente, o partido da Lei e Xustiza, que alcanzou o 30% de votos. É a primeira vitoria electoral dun partido no goberno na historia da Polonia democrática, o cal pode considerarse como un gran triunfo para o actual goberno de Plataforma Cívica.

Apartados xeográficos Europe
Idiomas Galego

Co 39% dos votos, a Plataforma Cívica gañou as eleccións parlamentarias que se convocaron en Polonia o pasado 9 de outubro, deixando atrás ao seu maior opoñente, o partido da Lei e Xustiza, que alcanzou o 30% de votos. É a primeira vitoria electoral dun partido no goberno na historia da Polonia democrática, o cal pode considerarse como un gran triunfo para o actual goberno de Plataforma Cívica.

Ao longo das últimas semanas da campaña electoral estaba claro que na carreira á vitoria quedaban só dous partidos: a centrodereita Plataforma Cívica (PO) de orientación liberal; e a Lei e Xustiza (PiS), de carácter conservador e ideoloxía católica.

Tendo en conta a vantaxe significativa da Plataforma Cívica nas sondaxes preelectorais, a única cuestión irresoluble de cara ás eleccións foi a do composición do goberno de coalición. É dicir, segundo o previsto, o Partido Popular Polaco (PSL), sendo este un membro da coalición gobernante ao longo dos últimos catro anos, non podía confiar con toda seguridade que o apoio do electorado fora suficiente para manter o status quo existente.

Con todo, os votos do 8,4% do electorado que obtivo PSL resultaron suficientes para o mantemento da súa coalición con PO. A partir de agora, o goberno pode contar con 235 escanos, catro máis dos que necesitaba. No entanto, non é unha coalición forte, xa que para pór en marcha a política de goberno será imprescindible case a unanimidade de todos os deputados do pacto PO-PSL.

Dos demais partidos, só dous superaron a cláusula de barreira, sendo iso o Movemento de Palikot apoiado por 10% do electorado, e a Alianza da Esquerda Democrática (SLD), co apoio de 8,2%. Mentres que o resultado do Movemento de Palikot, un partido novo formado ó redor de Janusz Palikot, ex político da Plataforma, pódese considerarse como un éxito sorprendente, os comicios para SLD constitúen un fracaso enorme.

Cara á previsibilidade

As últimas semanas preelectorais pasaron en relativa tranquilidade, con excepción dunha porción dos insultos habituais por parte dos líderes dos partidos prominentes, sen os cales o debate político en Polonia consideraríase imperfecto. Os que prevían unha película de suspenso, cun xiro inesperado cara un gran final e a aparición dun protagonista novo, decepcionáronse polo menos no que se refire aos papeis principais.

A repartición da campaña outonal completouse meses antes das eleccións e o único partido capaz de revolver o seu escenario previo foi o Movemento de Palikot, o cal a pesar de haber estado condenado á perda entre os actores máis coñecidos, conseguiu converterse na terceira forza da Cámara Baixa do Parlamento polaco. Os seus méritos débense a unha estratexia electoral moi atrevida, dirixida a gañarse o apoio do electorado insatisfeito polos gobernos de dereita. Janusz Palikot, un político moi controvertido, coñecido por expresar as súas opinións de xeito moi libre, recibida por algúns como violenta, apostou pola crítica á Igrexa católica, o que lle saíu moi beneficioso.

En todo caso, os resultados dos comicios outonais indican que a situación política en Polonia por fin estabilizouse. Logo de anos de fragmentación da escena política, de inestabilidade nas opinións políticas do electorado e, como consecuencia, da falta de continuidade gobernamental, chegou o momento no que os gañadores dos comicios non perden o apoio social xusto logo de contarse os votos.

A saber, son as terceiras eleccións seguidas nas que, na última batalla da campaña electoral, contan PO e PiS e tamén as primeiras que permitirán ao goberno actual quedar no seu sitio.

Tusk vs. Kaczyński

Paradoxalmente, PO e PiS, os opoñentes políticos máis ardentes, ambos guiados por políticos que se consideran inimigos tamén a nivel persoal, teñen moitos trazos en común. E precisamente ese factor reflectiuse nas súas moi similares receitas para a vitoria nas eleccións. É dicir, ambos partidos construídos ó redor de líderes carismáticos pero carecendo de programas realmente coherentes e concretos, durante as últimas semanas dedicábanse unicamente a indicar os fallos dos seus opoñentes en vez de presentar a súa propia visión política.

Agora ben, para a Plataforma Cívica, o factor crucial para o éxito da súa estratexia preelectoral foi a disposición presentada por Donald Tusk, un dos tres fundadores de PO e actual primeiro ministro. A principal tarefa de Tusk, sendo este un político máis confiado no país, consistía en crear unha imaxe do partido cun potencial suficiente para poder crear a alternativa estable fronte á imprevisibilidade de PiS.

O método do primeiro ministro era moi simple: non permitir que a sociedade esquecese do espectacular fracaso do último, e ata agora único, goberno composto por PiS e os seus moi radicais socios políticos. Esta táctica funcionou ben para PO nas eleccións de 2007. Entón, por qué non utilizala outra vez?

A estratexia tiña por finalidade evitar o debate sobre os temas forzados pola oposición, difíciles para o goberno de Tusk, como por exemplo a crise económica ou o claudicante sistema de pensións, e no seu lugar expor os éxitos da Plataforma, sobre todo no campo europeo, o que adicionalmente subliñaba a diferenza entre o pro-europeo PO e o euroescéptico PiS.

Pola súa banda, para o momento da campaña, Jarosław Kaczyński tamén volveu aos métodos que lle serviron durante a campaña presidencial do ano pasado, é dicir á suavización da imaxe e retórica política utilizada. Por suposto, foi inevitable volver ao asunto da catástrofe aérea do presidente polaco Lech Kaczyński, que tivo lugar en Smoleńsk (Rusia) o ano pasado e cuxas causas, segundo o irmán xemelgo do presidente falecido e os demais políticos da Lei e Xustiza, aínda non se explicaron.

No entanto, a pesar de iniciado a campaña coa exhumación do Zbigniew Wassermann, unha das vítimas da catástrofe, coa finalidade de revelar as causas “verdadeiras” da súa morte, pouco despois minimizáronse as alusións ao accidente por parte de Kaczyński. Igualmente reduciuse a normalmente moi elevada actividade de Antoni Macierewicz, un dos políticos prominentes de PiS fortemente acusado de xenofobia e antisemitismo por parte da ultracatólica Radio Maryja, e coñecido pola súa inclinación ás teorías conspirativas.

No entanto, iso non significa que o líder de PiS abandonase a idea de culpar a Tusk pola morte do seu irmán, sendo este un elemento chave da campaña de PiS. O único cambio ocorreu no seu xeito de falar sobre a catástrofe. En vez de atacar ao goberno directamente, o líder de PiS introduciu nas listas de candidatos do seu partido a moitos membros das familias das vítimas, o que lle deu a oportunidade de xeito indirecto para falar sobre os falecidos e as causas da súa morte.

A problemática infraestrutura

Os estrategos da campaña de PiS non esqueceron que, coa Eurocopa 2012 que se vai a organizar en Polonia e Ucraína, á sociedade polaca preocúpanlle máis outras cousas que as pantasmas do accidente aéreo de Smoleńsk. En consecuencia, en vez de fixarse nese tema, que só provoca cansazo na sociedade polaca, introduciuse outro moito máis interesante: o da infraestrutura.

Unha das principais vítimas da campaña electoral debería ser Cezary Grabarczyk, o ministro de Infraestrutura por parte de PO e un político que, ao longo dos últimos catro anos, recibiu moitas críticas por parte da opinión pública. Loxicamente, durante a campaña era un dos políticos máis mencionados por PO.

A oposición aproveitaba cada oportunidade para culparlle a Grabarczyk, e non sen razón, polos atrasos na construción dos estadios e igualmente da rede de autoestradas. O seu nome mencionábase tamén a propósito do fracaso do investimento chinés na construción da autovía A2, que probablemente non estará lista para a Eurocopa. Adicionalmente, en setembro pasado a súa situación empeorou coa folga dos traballadores da barata compañía de ferrocarril InterREGIO, que demandaron inmediatas subidas de pago.

Con todo, Grabarczyk logrou salvarse grazas ao comezo da moi esperada e tamén onerosa renovación da principal estación de trens de Łódź, a cidade da súa orixe, onde se presentou nas eleccións. O comezo da moitas veces aprazada renovación anunciouse con gran ímpeto para a seguinte semana tralas eleccións, o que podía ser un factor crucial para gañarlle ao ministro da Infraestrutura a gratitude dos cidadáns de Łódź.

Ser liberal ou non ser?

Ao longo da campaña, PO tiña que enfrontar outro problema inevitable, é dicir, as preguntas sobre a identidade do partido, que xurdiron á mantenta duns “traslados políticos” que ocorreron no período preelectoral.

En PO, sendo este un partido grande e ideoloxicamente diversificado, pódense distinguir varias fraccións, das cales destacan as ás conservadora e liberal. Os conflitos internos en PO xa se manifestaron á marxe dos debates sobre a Igrexa, os matrimonios homosexuais, a fecundación in vitro ou o aborto, pero ata agora as forzas internas na Plataforma parecían relativamente equilibradas.

Con todo, a afiliación de Joanna Kluzik-Rostkowska, anteriormente unha política do PiS fortemente vinculada co ex presidente Lech Kaczyński; e de Bartosz Arłukowicz, que previamente formaba parte da xeración nova da Alianza da Esquerda Democrática, a un partido que se define como “centrodereita de carácter liberal”, espertaron algunhas dúbidas. Por tanto, unha das preguntas preferidas polos políticos de PiS é saber cal é a verdadeira cara de PO. A resposta é unha das moitas respostas que Donald Tusk esquivaba con tanta elegancia ao longo da campaña enteira.

O problema consiste en que a postura liberal, no que respecta á ideoloxía da esquerda polaca, non é unha ideoloxía aceptable para os numerosos conservadores de PO, o que pode significar serios problemas para o partido de Tusk, e a súa postura estritamente conservadora non é o atractivo para o electorado.

Aínda que o éxito nas eleccións é moi importante, o crucial para a política do próximo goberno son os resultados dos partidos máis débiles e o apoio que pode recibir o goberno por parte de SLD e do Movemento de Palikot, xa que a escasa maioría da que dispón tanto PO como PSL non constitúe unha garantía da efectividade do goberno.

Na práctica, iso pode significar que se a Plataforma quere realizar o seu programa, non terá outra solución que inclinarse un pouco cara o seu lado liberal e cooperar tamén cos deputados do Movemento de Palikot e do SLD. Con todo, a reacción da fracción conservadora do partido non é difícil de imaxinar e un conflito interno no seo da Plataforma seguro non é o que quere Donald Tusk. Por tanto, para os próximos catro anos pódese esperar o que se levaron consigo os últimos catro: a pasividade.