Malia esta brétema das lembranzas, José Ramón Rodríguez Lago, profesor da Universidade de Vigo, ten reconstruído polo miúdo este compromiso “misioneiro” en World Citizen. Salvador de Madariaga y las redes pioneras del mundialismo (1927-1950) (Sílex, 2022). Baseado nunha intensa documentación en arquivos e bibliotecas en Cidade do Vaticano, Cambridge, Nova York, Florencia, Boston, Maryland, Chicago, París e Xenebra, o código fonte desta investigación naceu no Fondo Salvador de Madariaga conservado no Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses. Por un azar da existencia ou un accidente da saudade, Madariaga doou o seu arquivo persoal á súa cidade natal da Coruña, converténdose o seu arquivo nun lugar de peregrinación para as persoas investigadoras que tecen a biografía do intenso compromiso humanista liberal, pacifista, mundialista e europeísta deste persoeiro que apenas viviu catro anos de meniño ao abeiro da Torre de Hércules.
Hogano, a “utopía secular internacionalista” do mundialismo acóllese dentro das propostas de democracia cosmopolita, as demandas de xustiza global e as prácticas educativas de cidadanía global. Mais na súa orixe as propostas mundialistas nacían dunha experiencia de frustración e desencanto ante as resistencias á cooperación internacional e ao pacifismo promovido pola Sociedade de Nacións, os nacionalismos insolidarios, o ascenso dos totalitarismo e as ansiedades proteccionistas derivadas do Crack de 1929. Con todo, na nosa actual circunstancia existen puntos de converxencia coa utopía mundialista na convicción da necesidade de promover unha conciencia de cidadanía global que conclúa nun futuro goberno global ou, ao menos, nunha gobernanza global que reforce as esferas de cooperación ante a emerxencia de novos riscos existenciais para a Humanidade e o Planeta.
A experiencia mundialista de Madariaga narrada por Rodríguez Lago deita toda unha serie de aprendizaxes e boas prácticas que poden servir de inspiración ás persoas que se sitúan en posición de herdeiras do mundialismo. En primeiro lugar, todo movemento social con cobiza de impacto global debe xerar unha ampla base social de apoio para non ficar reducida a unha elite de principios humanitarios e visión cosmopolita. En segundo lugar, a transformación mundialista precisa de institucións ben financiadas que constitúan unha rede quen de xerar influenza e establecer alianzas activas en todos os niveis de gobernanza e todas as rexións, como o Sur global. En terceiro lugar, toda causa social depende do compromiso rexo de determinadas persoas que actúan como motores e impulsoras das redes, alianzas e institucións. Na experiencia vital de Madariaga, a súa esposa Constance Helen Archibald, a pacifista norteamericana Ruth Cranston, o británico e activista contra a discriminación racial Henry Salomon Leon Polak e o estadounidense bahaísta Mountfort Mills acompañárono con lealdade e configuraron unha caste de apostolado misioneiro do evanxeo mundialista. En cuarto lugar, a sensibilidade mundialista e a vocación de integración global debe consensuar unha caste de declaración de principios transversal, inclusiva e integradora que desbote a tentación de narrar unha historia local que se promulgue como deseño global. As tres versións do decálogo propostas por Madariaga (páxs. 261, 284, 318) revelan aínda a súa forza inspiradora para os idealistas do mundialismo e os globalizadores dos dereitos de cidadanía.
Madariaga viviu de forma intensa tempos convulsos para a Humanidade nos que as tebras foron vencidas pola capacidade do ser humano para resistir, realizarse no fracaso e imaxinar alternativas de futuro. En plena II Guerra Mundial emerxeron propostas que teñen acelerado a progresiva convivencia pacífica da Humanidade, a súa conciencia de interdependencia e o seu compromiso -lento e desesperante- coas liberdades e un benestar global xusto e inclusivo para todas as persoas. Arestora, coas transformacións aceleradas da nosa experiencia humana neste mundo interdependente, recuperar a biografía mundialista de Salvador de Madariaga grazas a este libro de José Ramón Rodríguez Lago -xenuíno investigador world citizen- alimenta a esperanza para os soñadores, os idealistas e os patriotas da Humanidade First!