IgadiPaper nº165 - Lianghui 2016: unha crónica sumaria desde dentro

IgadiPaper nº165

Lianghui 2016: unha crónica sumaria desde dentro

(2/2016)

Lianghui 2016: unha crónica sumaria desde dentro

a) Introdución
IgadiPaper nº165 - Lianghui 2016: unha crónica sumaria desde dentro

A formulación do obxectivo de entre 6,5 e 7 por cento (adoptando unha escala variable por primeira vez) de crecemento, o aumento do orzamento de defensa nun 7,6 por cento (fronte ao 10,1 de 2015) e a previsión do IPC dun 3 por cento (creceu un 1,4 por cento en 2015) son algunhas das cifras que resumen as sesións anuais da Conferencia Consultiva Política do Pobo Chinés e a Asemblea Popular Nacional, pero non foi o máis relevante.

Referendar as políticas nacionais nun contexto marcado polo mantemento do crecemento e o énfase na prosperidade para a maioría da poboación xunto á transmisión de confianza nas capacidades autóctonas para superar as dificultades descartando a precipitación dunha crise de grandes proporcións que arrastre á economía mundial converteuse no leitmotiv principal destas lianghui. A nivel externo, cabe destacar a insistencia nas intencións pacíficas do proceso de reforma, con expresión de vontade de acalmar as tensións e o énfase na cooperación.

Consciente do momento, o primeiro ministro Li Keqiang pediu altura de miras, perseveranza e coraxe. Todo fará falta. 

b) Unha economía gretada

O balance oficial insistiu na mensaxe de que o axuste xa colleita resultados. Segundo os datos presentados, o consumo supuxo dous terzos do crecemento do país en 2015, erixíndose en motor principal da economía, cun aumento do 15,4 por cento respecto ao ano anterior, alcanzando o nivel máis alto desde 2001. O sector servizos contribuíu ao 50,5 por cento, 10 puntos porcentuais máis que o sector manufactureiro. Trátase da primeira vez que o sector servizos supera o 50 por cento. Os ingresos dispoñibles per cápita creceron un 8,9 por cento. A produtividade laboral é de 87.000 iuáns por persoa e en 2020 debe ascender a 120.000 iuáns. Pese ás dificultades, o que China creceu o pasado ano 2015, un 6,9 por cento, equivale case ao total do PIB de Arabia Saudita ou a tres veces o PIB de Grecia e logrou superar de novo os 10 billóns de dólares en valor do PIB. 

A aprobación formal do XIII Plan Quinquenal (2016-2020) co pano de fondo da reestruturación económica nun ano que se presenta como crucial para intensificar a reforma, resume as tarefas e obxectivos para superar unha das etapas máis duras do proceso de modernización. O comezo dun novo Plan Quinquenal sinala unha intersección que salienta a orde estrutural da desaceleración chinesa, causada pola súa transformación dun modelo liderado polos investimentos a outro máis equilibrado.
A redución da pobreza foi outro dos tópicos das lianghui, do mesmo xeito que a reforma do lado da oferta ou a lexislación en materia de filantropía. En China contabilízanse un total de 55,75 millóns de pobres adoptando o estándar de ingresos netos per cápita de 2.800 iuáns (430 dólares) anuais. Uns 10 millóns de persoas sairían da pobreza a finais de 2016.

O desenvolvemento ambiental e sostible incorporouse a esta “nova normalidade” da economía. As críticas ás fábricas que violan as regulamentacións ambientais fixéronse notar. O Ministerio de Protección Ambiental informou da creación de tres departamentos dedicados á protección do auga, do aire e o solo. Fontes oficiais destacan, por outra banda, a diminución da intensidade enerxética, un 5,6 por cento en 2015 (4,8 e 3,7 en 2014 e 2013, respectivamente). Aínda así, o carbón representou o 64 por cento do consumo de enerxía primaria en 2015 e non baixará do 62 por cento en 2020. As emisións dos principais contaminantes reducíronse un 12 por cento. 
A preocupación pola depreciación do iuán tivo como resposta a certeza expresada polos máximos responsables do Banco Popular de manter a moeda basicamente estable. 

Tamén se quitou ferro á fuga de capitais que segundo analistas externos está sendo moito máis relevante do que as autoridades recoñecen, incidindo nunha perda significativa de divisas como resultado tamén dos esforzos do Banco central para frear a caída do iuán. Advírtese a persistencia de riscos financeiros e a necesidade de prevención. As reservas reducíronse 28.570 millóns de dólares en febreiro ata os 3,2 billóns, a cifra máis baixa desde decembro de 2011. As reservas de ouro cifrábanse en 71.010 millóns de dólares a finais de febreiro.

A reforma das empresas estatais, co propósito de renovar a estrutura industrial de China, evidenciou toda a súa complexidade. O chamamento á participación estranxeira nesta tarefa e tamén aos industriais do país plasmou a vontade de non facer recaer este cambio nas arcas públicas, exclusivamente. Isto acompáñase da promoción dun liderado de economía mixta en moitos sectores vitais, como a enerxía, o petróleo, o gas natural, os ferrocarrís, as telecomunicacións e a industria de defensa. As reticencias á reestruturación en moitas destas empresas devén un asunto complicado. Polo momento, grandes empresas pouco rendibles seguen contando co indispensable apoio financeiro. Xi Jinping destacou que o sistema económico básico de China pasa pola condición dominante da propiedade pública e o paralelo desenvolvemento doutras formas de propiedade e reclamou unha nova definición da relación entre o goberno e as empresas, postulando unha mellor comunicación entre os comités do Partido e os departamentos gobernamentais.

En materia de emprego, o obxectivo de manter a taxa urbana no 4,5 por cento non será fácil de lograr. Só no carbón e o aceiro prevense 1,8 millóns de traballadores despedidos. O goberno central habilitará un fondo de 15.400 millóns de dólares para esta continxencia. Resaltaron neste contexto as críticas do ministro de Facenda Lou Jiwei á lexislación laboral, cualificada de sobre protectora dos empregados. As autoridades reiteraron que non haberá despedimentos masivos como na década 90 (durante a ola privatizadora de Zhu Rongji) pero algunhas estimacións elevan a máis de cinco millóns de empregos o custo da reestruturación no sector público.

A reforma do sistema de xubilación (60 anos para os homes e 55 para as mulleres) para contrarrestar as presións xerais por unha forza laboral que se está reducindo e unha sociedade que se está envellecendo, dará os seus primeiros e decisivos pasos. O plan esperta preocupación entre a opinión pública, aínda que as autoridades salientaron novamente que será progresivo.

O goberno, por outra banda, elevará a meta do déficit fiscal ao 3 por cento do PIB (2,3 por cento en 2015 e 2,1 en 2014) consciente de que será indispensable elevar o gasto público para facer fronte ás novas continxencias.

O cambio na normativa impositiva proseguirá coa substitución xeneralizada do imposto ás empresas polo imposto sobre o valor engadido. Esta reforma do IVA diminuirá as cargas fiscais das sociedades e aliñará as políticas fiscais cos estándares internacionais.

A reforma do sistema de regulación financeira é un tema “en discusión”, dixo o gobernador do Banco Popular de China, Zhou Xiaochuan, quen asegurou tamén que non volverá lanzar o mecanismo interruptor de operacións no seu mercado bursátil nos próximos anos -ideado como resposta á crise da Bolsa de agosto de 2015-. Liu Shiyu, á fronte da Comisión Reguladora de Valores, suxire como principal meta restaurar a confianza no regulador e nas bolsas de valores do país.

O proceso de urbanización inclúe acelerar o traslado de fábricas desde as cidades superpoboadas cara a localizacións máis baratas transformando as antigas áreas industriais urbanas nos próximos cinco anos, a fin de reducir a presión sobre as megacidades, das que China contaría con 8 de máis de 20 millóns de almas en 2025. O peso da transformación recaerá nas aglomeracións urbanas medianas cunha extensión e reforma programada do hukou. 

As autoridades chinesas tamén aproveitaron o evento para significar a fiabilidade das súas estatísticas, asegurando que reflicten apropiadamente o estado da economía en xeral. Ning Jizhe foi nomeado novo responsable do Buró do ramo en substitución de Wang Baoan, investigado por corrupción. Tampouco se desaproveitou a ocasión para  descualificar as notas da axencia Moody´s -que pasou de estable a negativa as perspectivas crediticias do goberno chinés- acusándoa de falta de visión, pesimismo persistente e cálculo erróneo. Beijing sacou as cores a quen teñen o “monopolio da asesoría de crédito” recordándolle os seus erros pasados (citando a Grecia como exemplo paradigmático). Recórdese que China conta cunha axencia propia de cualificación, a Dagong Global Credit Rating Co. 

c) Política: entre a estabilidade e a inquietude

Prosegue o avance na descentralización das capacidades lexislativas, fomentando a autonomía local. Son agora máis de 200 cidades (fronte ás 49 de fai un ano) as que dispoñen de capacidades para promulgar lexislación. Li Keqiang recordou no seu informe que desde 2013 o goberno recortou unha terceira parte dos asuntos suxeitos a revisións e aprobacións administrativas. 

A loita contra a corrupción, que non afrouxa, abordouse desde a perspectiva da insistencia na construción da arquitectura dun sistema que a reduza á mínima expresión, desmantelando as impunidades, recreando unha atmosfera de integridade pero dispoñendo os regulamentos necesarios para institucionalizar a loita contra a indisciplina, construíndo ese modelo de forma normativizada. Non hai puntos cegos nin espazos de impunidade, insístese, como tamén nunha gobernanza máis transparente, para incrementar a previsibilidade para o investimento estranxeiro pero tamén para atallar a corrupción nas súas diversas formas.

En materia de dereitos humanos, salientouse a eliminación da pena de morte para nove delitos. Mentres, no Consello de Dereitos Humanos en Xenebra, EUA e outros once países expresaron a súa preocupación polo empeoramento da situación neste aspecto. China descualificou esta “propensión a xulgar” como expresión do que a algúns países cústalles desprenderse da mentalidade de guerra fría. A reforma do sistema xudicial, salientando a independencia e a debida protección das partes, prosegue ao seu ritmo.

O reclamo dos valores socialistas e a súa diferenciación dos valores universais proclamados por Occidente acompañouse da reivindicación das “catro consciencias” (ideoloxía, situación xeral, núcleo e liña), complemento das “catro integrais” (sociedade acomodada, a reforma, a gobernanza e a disciplina do Partido) e os “cinco conceptos de desenvolvemento” (innovación, coordinación, desenvolvemento ecolóxico, apertura e compartición), establecidas como guías das estratexias de desenvolvemento a longo prazo.

No Renmin Ribao prometeuse a protección do Partido para quen impulsen as reformas no país, ata si cometen erros, querendo enviar un sinal de reforzo á audacia para evitar a inacción e tranquilizar a quen temen innovar por medo a uns efectos que poderían carrexar sancións disciplinarias. 

d) Un problema territorial que crece

En Xinjiang diminuíron os incidentes terroristas, dixo o xefe do Partido na rexión, Zhang Chunxian. O extremismo relixioso tería recuado trala segunda conferencia central de traballo sobre este problema celebrada en maio de 2014. 

As tensións en Hong Kong e as denuncias de desestabilización con reiteración de disturbios foron catalogadas de intentos de danar a cooperación e os intercambios co continente. En paralelo á exaltación da fórmula de integración de Hong Kong pasouse de longo sobre o fracaso da reforma electoral.

Sobre a problemática de Taiwan abordouse o novo momento que vive a illa trala vitoria do PDP o 16 de xaneiro. O anuncio dunha liña férrea de alta velocidade que uniría a Beijing e Hong Kong e Taipei foi cualificado desde a illa como “unilateral”. A proposta do académico Li Yihu para premiar/castigar a empresarios taiwaneses asentados no continente en función das súas preferencias políticas desconcertou a non poucos. Xi Jinping dixo que se faría canto fose necesario para conter a ruta separatista e que non permitirá que se repita a traxedia histórica da separación. Tras clausurar a APN, China e Gambia renovaron relacións diplomáticas.

e) As dúas almas da axenda internacional 

Wang Yi destacou que China desempeñará un rol máis importante na orde e o sistema internacional existentes, sen por iso apostar pola creación dun sistema rival, suplementando e mellorando o existente atopando unha vía diferente á que seguiron outras potencias tradicionais. China non ten intención de suplantar a EUA, a súa diplomacia será a de “un país importante”.

No repaso aos cinco continentes e principais países, sen ofrecer cambios significativos, destacou o engadido da demanda a Europa do recoñecemento do estatus de economía de mercado (condición á que accederá automaticamente o 11 de decembro deste ano).

Wang Yi admitiu que China está procurando construír infraestruturas e instalacións loxísticas en rexións cunha alta concentración de intereses chineses, dado que unhas 30.000 empresas chinesas operan no mundo e millóns de chineses traballan ao longo de todo o globo. En 2015, o investimento non financeiro de China no exterior alcanzou os 118.000 millóns de dólares. A protección dos crecentes intereses chineses no exterior non se fará adoptando o antigo camiño do expansionismo senón asumindo maiores responsabilidades e profundando a cooperación, sen pretender esferas de influencia, salientou. Iso derivará nun “efecto derrame” no mundo das decisións adoptadas en Beijing en virtude dos lazos máis estreitos que China ten co exterior.

A Franxa e a Ruta, co obxectivo de mellorar a conectividade entre rexións por terra e mar actualizando as atrasadas infraestruturas de Asia e África, non debe cualificarse de expansionismo, apostilou Wang Yi, quen exaltou as virtudes deste colosal proxecto.

O apoio no Consello de Seguridade da ONU ás sancións contra Corea do Norte para frear os seus programas nucleares e de mísiles complementouse coa aseveración de que as sancións non son un fin en si mesmo, reclamando a volta ao diálogo e á mesa de negociacións. China xustificou o seu aliñamento cos países occidentais pola necesidade de desalentar a Pyongyang pero criticou os exercicios militares conxuntos de Corea do Sur e EUA, os maiores da súa historia. Calquera sanción unilateral máis aló da resolución debe ser descartada. A preocupación polo despregue do sistema THAAD, que sabotearía o equilibrio estratéxico rexional e conduciría a unha carreira armamentista, foi explicitada con rotundidade.

f) Unha seguridade non militarizada

Dous temas destacaron na axenda de seguridade. En primeiro lugar, a recente reordenación das forzas armadas cuxo dobre obxectivo central consiste en mellorar as capacidades militares para gañar guerras e o fortalecemento da lealdade ao partido. Xi pediu aos delegados militares máis innovación teórica e tecnolóxica. 

En segundo lugar, o rotundo rexeitamento das acusacións de militarización no Mar de China meridional. Nos últimos meses, as denuncias multiplícanse á mantenta de incursións aéreas en augas disputadas ou a instalación de baterías de lanzamento de mísiles ou sofisticados radares na illa de Woody. Hai quen ven xa este mar como un gran lago chinés na contorna de 2030, cando xa Beijing dispoña de medios navais precisos. Para evitalo, Australia podería sumar buques a patrullar nestas augas, posibilidade descualificada por Beijing quen reiterou o seu rexeitamento da arbitraxe proposto por Filipinas e as acusacións aos líderes xaponeses de dobre xogo. Tokio estaría interesado en profundar as súas relacións estratéxicas con nacións involucradas en disputas para conter á súa veciña (plan de Filipinas para alugar avións xaponeses para patrullar a zona). EUA tamén planea despregar bombardeiros de longo alcance en Australia, tendo estas augas dentro da súa distancia de ataque. 

Beijing achaca toda esta axitación á expansión da presenza e demostracións de forza de países estranxeiros. É EUA quen esta militarizando a zona, afirma, con exhibicións constantes de poderío militar que desmenten que non toma partido.
China instalouse en Djibouti, xunto ás bases militares de estadounidenses, franceses, alemáns, italianos e xaponeses, na rexión de Obock. Trátase da primeira instalación militar no exterior, un centro loxístico e de fornezo di a parte chinesa, pero nun enclave de gran importancia estratéxica (ao sur da canle de Suez, na desembocadura do Mar Vermello, fronte ao Golfo de Adén e a costa somalí). Quen controla esta posición controla un pescozo de botella fundamental do comercio mundial. É parte dun plan de expansión naval de China?

g) Conclusión

As transicións que China debe abordar simultaneamente son varias e complexas e afectan tanto á orde interna como ao seu engarce coa economía global. As dificultades económicas de China non son máis graves que as doutras economías, pero agrándanse máis pola desconfianza prexuiciada na habilidade de China para enfrontalas.

O ton destas lianghui revelou a urxencia imperante de que as provincias asuman as directivas aprobadas polas autoridades centrais, vencendo as inercias e temores e dando un impulso definitivo á aplicación dos proxectos.

Para iso insístese no papel chave do propio Partido. Os chamados a unha conformidade inquebrantable con Xi Jinping se complementaron coa esixencia dun pensamento unificado como condición de estabilidade e única garantía contra o risco de perder cohesión. O horizonte do XIX congreso do PCCh (2017) xa se outea e podería engadir tensións internas con impactos na estabilidade.

O crecemento económico e o nacionalismo seguen sendo as dúas claves moduladoras do presente chinés. Si fallase a primeira, podería gañar consistencia a segunda nunha contorna na que a diplomacia de veciñanza choca con disputas largamente ancoradas nos imaxinarios políticos e estratéxicos da rexión.

IGADI. 22 de marzo de 2016