images publicacions IgadiPaper69

IgadiPaper nº69

Arxentina: toque de atención ao “kirchnerismo”
(15/2011)

Arxentina: toque de atención ao “kirchnerismo”

a) Introdución

images publicacions IgadiPaper69As vitorias da oposición nas eleccións das provincias de Bos Aires e Santa Fe, celebradas o pasado 31 de xullo, alteran inesperadamente o atomizado mapa político arxentino de cara ás eleccións presidenciais previstas para o próximo 23 de outubro.

Na Cidade Autónoma de Bos Aires, o actual gobernador e candidato da alianza Proposta Republicana (PRO), Mauricio Macri, acérrimo opositor da presidenta Cristina Fernández de Kirchner, obtivo un contundente éxito na segunda rolda electoral co 64,2% dos votos, derrotando ao candidato “kirchnerista” Daniel Filmus, considerado unha aposta firme da presidenta Cristina K para arrebatar a alcaldía capitalina á fórmula electoral de centrodereita personificada en Macri.

Se ben Macri anunciou que non se postulará para as próximas eleccións presidenciais, a súa xestión en Bos Aires tentará definir, con toda probabilidade, unha estratexia centrada en consolidar ao PRO como unha alternativa a nivel nacional de cara aos comicios presidenciais previstos para 2015. Deste modo, Macri espera acadar este obxectivo a medio prazo, capitalizando o significado simbólico que supón a súa contundente reelección na capital federal.

Ao igual que nos comicios de Bos Aires, unha perspectiva similar presentouse na elección para gobernador da provincia de Santa Fe, onde alcanzou a vitoria o candidato socialistaAntonio Bonfatti, da Fronte Progresista Cívica e Social, agrupación integrada a nivel nacional dentro da Fronte Ampla Progresista (FAP), liderada polo ex gobernador desa provincia e actual candidato presidencial, Hermes Binner. Bonfatti obtivo un 38,7% dos votos, superando ao candidato “kirchnerista” Agustín Rossi, aínda que este obtivo a maioría en ambas cámaras lexislativas provinciais. Non obstante, a clave de goberno en Santa Fe estaría en mans do candidato do centrodereita PRO, Miguel Del Sel, quen alcanzou un sorprendente 35,2% dos votos.

Aínda que lidera comodamente as enquisas de intención de voto, estas vitorias opositoras modifican dalgún modo a consolidada percepción xeral dunha reelección presidencial asegurada en primeira volta para Cristina K e a súa corrente “kirchnerista”, instalada no peronismo de esquerdas e agrupada a nivel nacional en torno á Fronte para a Vitoria (FpV). Deste modo, o novo escenario político impulsa moderadamente as expectativas da oposición para derrotar ao “kirchnerismo” en futuras citas electorais.

b) Bos Aires e Santa Fe mudan o mapa político  

A reelección por maioría absoluta de Mauricio Macri na alcaldía da Cidade de Bos Aires e da centroesquerda Fronte Ampla Progresista (FAP) na provincia de San Fe, supoñen dúas derrotas políticas para a presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner que, con toda probabilidade, obrigaranlle a realizar un súbito cambio de estratexia electoral de cara aos comicios presidenciais previstos para outubro próximo, cando a presidenta arxentina compita pola súa reelección.

Estes resultados anuncian un moderado cambio no atomizado mapa político arxentino. As derrotas electorais do “kirchnerismo” en Bos Aires e Santa Fe coinciden co proceso de celebración de eleccións primarias obrigatorias en todos os partidos políticos arxentinos, que se realizarán a partir do próximo 14 de agosto, e nas que a presidenta Cristina K moi seguramente obterá a confirmación da súa candidatura presidencial. Paralelamente, o próximo 7 de agosto celebraranse eleccións na provincia de Córdoba, considerado o segundo distrito electoral en importancia, e que representa un 8,7% do censo electoral a nivel nacional. Nestes comicios, o “kirchnerismo” acode sen unha candidatura definida.

Non obstante, resulta necesario matizar o impacto político derivado destes resultados electorais. En primeiro lugar, a súa vitoria na capital non confirma a Macri como un candidato a nivel nacional para confrontarse con Cristina K nos próximos comicios presidenciais, principalmente porque o reelixido alcalde bonaerense xa anunciou que non se presentaría como candidato. O seu movemento PRO tampouco definiu oficialmente un apoio a candidatura algunha.

Macri é consciente de que precisa consolidar inmediatamente ao PRO como unha alternativa a nivel nacional para confrontarse política e electoralmente ao “kirchnerismo” en comicios futuros, co horizonte fixado nas presidenciais de 2015. Pero resulta incerto se no escenario 2011, o seu triunfo exercerá un efecto simbólico que prexudique as aspiracións de reelección de Cristina K. Un exemplo témolo, precisamente, nos anteriores comicios en Bos Aires, celebrados en 2007, que coincidiron coas eleccións presidenciais. Nesa altura, Macri gañou por maioría absoluta a alcaldía bonaerense pero este triunfo non impediu a vitoria presidencial de Cristina K uns meses despois.

Pola contra, a reelección da Fronte Ampla Progresista (FAP) na provincia de Santa Fe, a través dun candidato “delfín” nas mans de Antonio Bofatti, é un resultado que o candidato e ex gobernador desa provincia Hermes Binner, líder da FAP, tenta interpretar como un “respaldo” ás súas pretensións electorais.

De tendencia socialista, Binner esfórzase por aglutinar unha plataforma de movementos de centroesquerda descontentos coa xestión de Cristina K. Pero as súas opcións son severamente limitadas. As enquisas de intención de voto coinciden en outorgarlle un modesto 5-6%, un factor que  certificaría a escasa repercusión a nivel nacional da figura política de Binner, moi asociada á súa hexemonía política nunha provincia rural como Santa Fe, cuxa importancia radica na súa produción agroindustrial e pecuaria.
            
Dentro desta dinámica de definición de candidaturas presidenciais, o principal partido da oposición, a centrodereita Unión Cívica Radical (UCR), acaba de selar unha alianza electoral entre o seu candidato Ricardo Alfonsín (fillo do falecido ex presidente arxentinoRaúl Alfonsín) e o empresario de orixe colombiana Francisco de Narváez, un conservador disidente do peronismo. A fórmula electoral Alfonsín-De Narváez semella a mais consolidada por parte da oposición para confrontar con Cristina K.

c) O duelo Cristina K-Alfonsín

As enquisas de intención de voto seguen a confirmar as posibilidades de reelección de Cristina K. Unha consulta da firma Management and Fit realizada en xuño pasado rexistrou unha intención de voto do 35% para a mandataria arxentina, mantendo unha importante distancia con respecto a Alfonsín e a UCR, os cales alcanzaron unha intención de voto do 15,3%.

Tralos comicios provinciais do pasado 31 de xullo, enquisadoras como Opinión Autenticada, Graciela Römer&Asociados e OPSM/Zuleta Puceiro, realizaron unha medición inmediata, estimando a intención de voto favorable a Cristina K entre o 38,1 e o 41,6%. Para alcanzar a reelección en primeira volta, Cristina K precisaría dun 45% dos votos ou ben alcanzar un 40% dos votos cunha vantaxe de 10 puntos porcentuais sobre o seu rival máis inmediato. No escenario actual cabería a posibilidade da celebración dunha segunda volta electoral.

Outra enquisa, realizada na provincia de Bos Aires, certificaría igualmente as aspiracións de reelección de Cristina K. A firma Opinión Pública, Servizos e Mercado (OPSM) sinalou que a fórmula electoral conformada por Cristina K e o seu compañeiro electoral Amado Boudou alcanzaría o 46,4% na provincia capitalina, un total de 36 puntos porcentuais por riba da fórmula electoral de Alfonsín e a UCR. No apartado da gobernación bonaerense, o candidato peronista e “kirchnerista” Daniel Scioli supera en 28 puntos porcentuais ao seu rival De Narváez, aliado electoral de Alfonsín.

En termos políticos e electorais, a provincia de Bos Aires constitúe un bastión estratexicamente decisivo por concentrar o 40% do censo electoral a nivel nacional. A popularidade da presidenta arxentina na periferia bonaerense podería asegurarlle os aproximadamente 10 millóns de votos necesarios para obter a reelección en primeira volta, unha realidade que pode consolidarse coa implicación directa do seu aliado Scioli na súa candidatura presidencial. A pesar de que no interior e no rural arxentino, o electorado semella mais inclinado tradicionalmente a votar en favor da oposición, noutras provincias como Misiones, Salta, Tucumán, Santiago del Estero e Corrientes, a tendencia abrumadoramente maioritaria do “kirchnerismo” tamén semella consolidada.

Na carreira electoral participan outros candidatos presidenciais con tendencias e apoios tan diversos que intensifican aínda mais o atomizado e polarizado escenario político arxentino, unha realidade que pode ser aproveitada por Cristina K á hora de afirmar as súas aspiracións á reelección. Deste modo, aos comicios de outubro concorrerán Elisa Carrió (Coalición Cívica-ARI), os ex presidentes Eduardo Duhalde e Alberto Rodríguez Saá, ambos abandeirados de correntes internas dentro do peronista Partido Justicialista (PJ); e Alcira Argumedo (Proxecto Sur).

De todos eles, só Duhalde semella erixirse como unha posible candidatura “bisagra” entre Cristina K e Alfonsín. Mentres, Carrió, Rodríguez Saá e Binner, os outros candidatos con relativas opcións, semellan moi distanciados na intención de voto. Pola súa banda, a indefinición da orientación electoral por parte do PRO de Macri incrementa todo tipo de especulacións, principalmente porque se considera que os seus votantes poderían achegarse á coalición centrodereitista de Alfonsín e De Narváez ou ben absterse. Diversas enquisas calculan a taxa de indecisos en torno ao 12-15% da poboación electoral.

d) Roces no seo do peronismo

A falta de coñecer o escrutinio en Córdoba, a lectura máis acertada dos resultados electorais en Bos Aires e Santa Fe revela a súbita introdución dun maior nivel de competitividade de cara á carreira presidencial, un factor ata agora ausente no escenario político arxentino, condicionado pola percepción na opinión pública das enormes posibilidades de Cristina K para alcanzar a súa reelección nunha primeira volta.

Este renovado impulso electoral da oposición obrigaría ao “kirchnerismo” a un eventual proceso de reformulación das súas estratexias electorais, que poden ser orientadas pola canalización e ampliación de apoios dentro das clases medias, así como nun moderado cambio de discurso político e electoral. Todo isto sen alterar significativamente a preponderancia da orientación máis esquerdista dentro do peronismo, que lle permite a Cristina K conservar os apoios dentro das clases populares logrados polo seu esposo e ex presidente Néstor Kirchner, falecido a finais de 2010.

Pero existen roces políticos relevantes entre Cristina K e algúns alcaldes e líderes peronistas, así como con outros sectores de apoio ao “kirchnerismo” como algúns movementos sociais e a poderosa Central General de Trabajadores (CGT), que poden complicar os plans da presidenta arxentina. Estes roces derívanse principalmente da conformación das listas electorais e a preponderancia outorgada por Cristina K á corrente xuvenil “La Cámpora”, fundada en 2003 e tradicional escola e bastión militante de apoio para o “kirchnerismo” dentro da mocidade peronista.

Moitos membros de “La Cámpora” foron designados por Cristina K para ocupar cargos en empresas arxentinas intervidas polo Estado, así como en ministerios e outras empresas estatais, un comportamento político que ven provocando tensión nas filas do peronismo e intensifica as críticas da oposición contra Cristina K, por presunto favoritismo político e corrupción.

 

IGADI, 5 de agosto de 2011