Quen somos
Ideas e ideais para ser nós no Mundo
O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) é un think tank independente e unha asociación de estudos internacionais que nace en 1991 cun dobre propósito fundacional:
- reflexionar sobre os problemas e tendencias da sociedade internacional contemporánea e
- pular por unha maior inserción de Galicia no mundo a todos os niveis.
O IGADI é unha comunidade de coñecemento que desempeña o seu labor cunha vocación de servizo público, desde unha actividade plural, que aposta por asentarse como un espazo de encontro, onde todas as sensibilidades e disciplinas poidan desenvolverse e conversar de forma leal e cómplice en liña coa nosa misión fundacional.
O IGADI conseguiu definir un perfil propio nunha traxectoria de 30 anos con distintos resultados e proxectos que deben ser salientados, como a definición do primeiro Libro Branco da Acción Exterior de Galicia, a revista Tempo Exterior, os informes anuais de política internacional e acción exterior de Galicia, o Observatorio de la Política China ou o Observatorio Galego da Lusofonía, a Fundación Plácido Castro e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
O IGADI é continuador da tradición universalista e fondamente humanista do galeguismo histórico, polo que promove un sistema internacional baseado nos principios de Nacións Unidas, no que prime a cooperación e a colaboración sobre a confrontación e o conflito. A sociedade galega e internacional ten no IGADI unha entidade colaboradora das súas estratexias de acción exterior e proxección internacional en liña coa Axenda 2030.