A dura (e)lección brasileira

Por preocupante, a contundente vitoria de Jair Messias Bolsonaro na primeira volta das eleccións presidenciais brasileiras do pasado 7 de outubro merece abrir un paréntese de reflexión sobre a dinámica política que está a presenciar a principal economía latinoamericana. En perspectiva, a aguda polarización política e social existente nese país desde 2014 tradúcese nun prisma deliberado de frontal reacción contra o legado “lulista”, expresión persoalmente asumida por un Bolsonaro cuxo eventual ascenso político aspírase igualmente a consolidar dentro da contorna hemisférica.

Apartados xeográficos América Latina
Palabras chave Brasil Bolsonaro
Idiomas Galego

Por preocupante, a contundente vitoria de Jair Messias Bolsonaro na primeira volta das eleccións presidenciais brasileiras do pasado 7 de outubro merece abrir un paréntese de reflexión sobre a dinámica política que está a presenciar a principal economía latinoamericana. En perspectiva, a aguda polarización política e social existente nese país desde 2014 tradúcese nun prisma deliberado de frontal reacción contra o legado “lulista”, expresión persoalmente asumida por un Bolsonaro cuxo eventual ascenso político aspírase igualmente a consolidar dentro da contorna hemisférica.

Se ben non obtivo o 50% necesario para gañar en primeira volta, Bolsonaro (Partido Social Liberal, PSL) alcanzou o 46% dos votos (mais de 49 millóns de escrutinios). Unha sólida vantaxe por riba do seu principal rival electoral, o “petista” Fernando Haddad (29,3%), candidato sucesor do ex presidente Lula da Silva, xudicialmente desautorizado pola Comisión Electoral para participar nestes comicios. Moi lonxe quedan os restantes participantes electorais, principalmente Ciro Gomes (PDT, 12,5%) e Geraldo Alckmin (PSDB, 4,8%).

Co panorama aberto de cara á segunda volta prevista para o próximo 28 de outubro, é evidente que o “efecto Bolsonaro” sacudiu os cimentos do establishment e do sistema político brasileiro contemporáneo. Por demais que se asemelle ao discurso “trumpiano”, Bolsonaro encarna un populismo demagogo de ultradereita claramente antiprogresista e “antisistema”, que ven configurándose a nivel rexional nos derradeiros anos, en clara reacción ao legado das hexemonías de esquerdas no poder durante a pasada década, da que o “lulismo” foi unha expresión nítida.

Compre aquí observar como Bolsonaro ten concentrado unha porción importante do voto evanxélico (con anterioridade ancorado cara as esquerdas) así como dun renovado ultracatolicismo, experimentando así un proceso similar ao acontecido con Trump en EUA. En perspectiva comparativa, Bolsonaro encarna o "anti-lulismo", un efecto similar á expresión "anti-Obama" encarnada por Trump nos comicios presidenciais estadounidenses de 2016.

Nese sentido, e mais que observar o legado progresista “lulista”, o votante de Bolsonaro en 2018 moi probablemente veuse persuadido a focalizar o seu voto contra os escándalos de corrupción igualmente herdados do “lulismo” (Operación “Lava Jato”, trama Odebrecht), atendendo así ao chamado do seu candidato “ultradereitista”. Un factor de voto moito mais visible no contexto actual de recesión económica brasileira.

Bolsonaro logrou así conxuntar unha aparentemente heteroxénea amalgama de representatividade política, ata agora orfa de liderados con expectativas de éxito electoral, para votantes de clases medias e altas, de evanxélicos e católicos, de terratenentes e produtores agropecuarios confrontados cos movementos sociais (MST, Vía Campesiña), e de sectores militaristas, tomando en conta a súa condición de militar en reserva. O factor militar ten incidencia especial neste novo contexto político, tomando en conta a admiración de Bolsonaro pola ditadura militar brasileira (1964-1985), da súa oferta de “man dura” e militarización para combater a crecente inseguridade cidadá e do súbito ascenso de ex militares á bancadas parlamentarias para o próximo período.

Todo isto configurado en torno a un discurso demagogo de forte contido conservador, nacionalista e relixioso (o seu lema electoral é “Deus, Patria e Familia”), aderezado con pezas machistas, homofóbicas e racistas. Un cóctel explosivo e preocupante nun país onde as desigualdades socioeconómicas e raciais seguen a ser visibles, a pesares dos avances lexislativos experimentados durante a era do “lulismo” en canto á loita contra a pobreza e da exclusión por raza, xénero ou condición social.

As cábalas electorais abertas tras esta primeira volta especulan cunha posibilidade de “fronte anti-Bolsonaro” de cara á segunda volta do 28 de outubro. Está así por observar cal será a sagacidade de Haddad (e por conseguinte dun Lula á sombra) para acadar os apoios de Gomes e de Alckmin a fin de evitar outro “arrase” electoral de Bolsonaro.

Con todo, a posibilidade de concreción desta fronte “anti-Bolsonaro” e a evidencia dunha era “post-lulista” augura un goberno débil política e institucionalmente para o próximo período 2019-2023, atado a compromisos políticos que poden saltar polos aires toda vez se radicalice unha oposición probablemente mais compacta liderada por Bolsonaro. Abocaríase así o país a reproducir un efecto similar ao acontecido trala reelección pola mínima de Dilma Rousseff en 2014, que levou dous anos despois ao seu impeachment e á desarticulación do “petismo” no poder.

Coa excepción da vitoria de López Obrador en México e á espera do que aconteza na segunda volta brasileira, a vaga “neoconservadora” que transita nos recentes procesos electorais hemisféricos consolídase ante o avance dun “tsunami Bolsonaro” que xa asestou un golpe estratéxico ao sistema político brasileiro, independentemente de que non logre a vitoria na segunda volta electoral.

Un foco chave deste tendencia está concentrado en Venezuela, rosario preferido de ataques e críticas por parte de Bolsonaro. Un dos seus repetidos lemas electorais estipula que “non queremos que o Brasil de mañá sexa a Venezuela de hoxe”, interpretando así que a crise venezolana é igualmente un legado indirecto do “lulismo”.

É por tanto de prever que, con Bolsonaro na presidencia, radicalizarase a presión hemisférica cara o réxime de Nicolás Maduro. Isto traduciríase nunha especie de fronte “anti-Maduro” eventualmente conformado por Trump, Bolsonaro, o arxentino Macri, o colombiano Duque e o chileno Piñera.

A crise venezolana afecta tamén ao seu veciño brasileiro a través dun éxodo constante fronteirizo de venezolanos cara os estados do nordeste brasileiro. Curiosamente, nestes estados, Bolsonaro non tivo o esperado éxito electoral, toda vez estes territorios consolidáronse como o principal reduto electoral do PT. Isto traduce unha polarizada cartografía política a nivel territorial: Bolsonaro gañou nos centros do poder económico (São Paulo, Río de Xaneiro, Minas Gerais, Paraná, Santa Catarina) mentres Haddad fíxoo nos estados mais pobres do nordeste (Maranhão, Piauí, Bahía, Pernambuco)