"A impunidade imperial" é o titulo do último libro de Roberto Montoya e sintetiza ás claras e de forma contundente o tempo en que vivimos. (Foto: Roberto Montoya asina no libro de visitas do Igadi). | |
Ese é o titulo do último libro de Roberto Montoya e sintetiza ás claras e de forma contundente o tempo en que vivimos. Se alguén denunciara que Rusia secuestra a rebeldes chechenos para conducilos a cárceres secretas en Siberia, ou, mellor aínda, que China detén a militantes uigures sospeitosos de implicación en actividades terroristas para internalos en campos de detención en calquera remoto lugar da súa xeografía, o escándalo internacional sería maiúsculo, mesmo sen necesidade de andar con tantas delicadezas sobre a comprobación da veracidade das denuncias. EEUU primeiro ten o beneficio da dúbida e despois, as súas eficaces estratexias informativas farán o resto para afogar a indignación.
De Guantánamo a Iraq, o imperio campea ás súas anchas: secuestra, tortura, maltrata, degrada, humilla, sen garantías de ningún tipo, a persoas inocentes mentres non se demostre o contrario, comportándose as súas autoridades de intelixencia como autenticas forzas neohitlerianas, amparadas no apoio político interno dun Bush abducido pola interesada teima antiterrorista e nas relacións neocoloniais establecidas con países terceiros. E aquí non pasa nada. ¿Como este asunto non foi levado ó Consello de Seguridade de Nacións Unidas? Non haberá condenas, non haberá sancións; e se algo diso houbera será para os países que colaboran coa estratexia estadounidense: Exipto, Xordania, Siria, Marrocos, pero tamén Polonia, Romanía, Macedonia (a Europa americana …) e quen sabe cantos máis. E para amortiguar a perda de credibilidade entre algunhas opinións públicas.
De xira por Europa, Condoleeza Rice, trata de calmar os encrespados ánimos (e en boa medida cínicos como evidenciou a actitude do comisario de xustiza, Franco Frattini) dunhas autoridades comunitarias, sempre tan comprometidas coa protección dos dereitos humanos, pero que tardaron de máis en reaccionar por ese interesado cálculo de non afectar as delicadas relacións transatlánticas. As primeiras denuncias do uso de avións civís por parte da CIA para transportar ilegalmente a prisioneiros considerados terroristas para ser torturados na máis absoluta impunidade datan de comezos de ano (Newsweek e New Yorker) e xa entón se sabía da utilización de solo e do espazo aéreo europeo para levar a cabo estas prácticas. Porter Gross, director da CIA, négase a facilitar explicacións claras, pero os datos son abundantes e moi completos.
Claro que este episodio non é un feito illado, nin tampouco esta política é patrimonio exclusivo do presidente Bush. Como documenta Roberto Montoya no seu libro, Bill Clinton ía polo mesmo camiño e o 11S fixo o resto. Os partidarios en Europa de reforzar a dimensión seguritaria en detrimento do respecto aos dereitos humanos teñen na evolución de EEUU un espello onde mirarse.
Todos estes gravísimos feitos alertan sobre a importancia de afondar no debate e na mobilización social a respecto da tortura e contra a impunidade. Hai que ler a Roberto Montoya…. e reler a Bertolt Brecht.