A mesma Alemaña para ser outra

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego

"Na actualidade, estamos participando na loita contra o terrorismo internacional, incluíndo o ámbito militar. Fixémonos moito máis internacionais. E isto non supón outra cousa que unha clara ruptura co pasado, algo que, en definitiva, haberá de determina-lo noso futuro".

Quen así falaba hai uns meses era Gerhard Schröder e tiña razón. Alemaña é hoxe máis internacional que antonte -digamos a longuísima guerra fría- porque ten as súas tropas en Cosova, Macedonia e Afganistán, e a recuperación da capacidade militar, nun país que ata ben pouco non tiña mando militar, é espectacular.

Malia iso o embaixador alemán en Estados Unidos, Wolfgang Ischinger, declarou recentemente que, en tanto que Alemaña é o país que desprazou maior número de soldados a Afganistán -despois dos EEUU-, quizais non disporía de suficientes tropas para Iraq, en caso de querer, efectivamente, desprazalos. E os alemáns, os votantes, claramente, non queren.

Non quere a esquerda tradicional á que aínda ten que dirixirse o SPD; non quere a ampla fracción pacifista dos coligados Verdes; non quere tampouco o nacionalismo de dereitas.

Por iso o recurso a última hora de Schröder (a negativa a mandar tropas á guerra de EEUU contra Iraq, e mesmo, a semipromesa de negocia-la retirada das bases norteamericanas do territorio), van máis alá da acaparación de votos indecisos e do tan temido e esperado recurso ó populismo e a xeración de emocións. Certo, a campaña eleitoral alemana tinxiuse de populismo "antinorteamericano" (SPD), de populismo "antiinmigración" (CDU-CSU) e de populismo "antisemita" (FDP). Con todo, tamén a profusión na difusión televisiva da imaxe dun Schröder en chubasqueiro falando cos veciños afectados polas riadas, responde a esta nova vertente das eleccións alemanas, que personifica a opción política no candidato e non no partido, por máis que os alemáns non elixan ó chanceler directamente, senón a través dos deputados do Bundestag, Cámara Baixa. Telexénico, pragmático e presumido, un Schröder empeñado en semellar máis esquerdista; eslamiado, moi bávaro, e sen recursos para os seus argumentos, un Stoiber que fracasou na tentativa de semellar centrista en troques de dereitista.

En realidade os programas dos dous partidos maioritarios buscaban ese centro onde habita unha grande porcentaxe dos indecisos e a campaña, ata case o último momento, obedeceu á estratexia de minimización de riscos. Tanto é así que o debate sobre a perda de posición de Alemaña no económico e os 4 millóns e pico de desempregados, fracaso do Goberno SPD-Verdes, serviu para mante-la intención de voto con Stoiber e a CDU-CSU durante todo o ano, rematou cunha parálise da mesma cando as eleccións xa estaban enriba e Schröder "gañara" o debate televisivo ó bávaro. Pero o eleitorado lembrou que, durante a súa estadía no Goberno, foron os Verdes os que levaron á practica boa parte dos proxectos prometidos, facendo como partido plenamente integrado na dinámica parlamentaria -pragmático-, labor constructiva de goberno. Isto, e a popularidade de Fischer, fai que sexan os Verdes os maiores beneficiarios da non-política dos grandes partidos, tecnicamente empatados.

Finalmente, e a pesar de que pasadomañá o Goberno deberá arranxar fíos rotos co pai americano, o feito de que Schröder pechara campaña dicindo que a "verdadeira amizade "cos aliados "supón dicirlles cando se está de acordo con eles e cando non", remítenos a esa determinación de futuro que tanto preocupa a Alemaña e, non menos, a Europa. O SPD evoca a fin da obriga dunha lealdade ilimitada para cos EEUU, nunha "relación especial" moito máis complexa e, dende logo, moito máis determinante, que a que vencella a este país con Gran Bretaña.

Alemaña pode, e sobre todo quere, falar así porque, malia ós agoireiros da desfeita económica, é unha potencia que volve, xeopoliticamente, a medrar. A vía natural e única para a Unión Europea ampliada, reunificada ou fagocitadora que será trala adhesión dos países de Europa Central, será baixo o peso, tamén político, de Alemaña, moito máis se estendida ós Balcáns. E semella que só este liderato, engadido, claro, ó poderío militar, podería dar folgos ó proxecto da Política Exterior e de Seguridade Común da Unión, que é hoxe a inexistente presencia política de Europa. Muda e cadavérica quedou Francia trala malleira no Consello de Niza, e Alemaña deberá recuperala se pretendemos falar dun proxecto común. Alemaña tamén deberá face-la paz orzamentaria coa Unión, ou esta con Alemaña, e deberán saír ó debate os resquemores dos socios, que falan da PAC, da ruptura do Pacto de Estabilidade e da crise económica porque non queren dicir outras cousas. E as veces, non dicilas cousas é tan populista como aquelo de dici-lo que ninguén se atreve, porque o verdadeiro populismo nunca di ren. Mais ocorre que Europa, os países de Europa -non a Unión, que o estivo sempre- volve a estar secuestrada. Semellaba que xa non polo paraugas nuclear -e se se empeñan voltará a estalo-, pero si polo medo ó non petróleo, principalmente, ou polos contratos millonarios que unen as nosas empresas máis grandes (Siemens ou Bayern, e non os soldados, son "o máis internacional") coa única potencia, a que tamén debe darlles medo chamarlle Imperio.