A Política Pesqueira Común en revisión
Flag of Europe.svg

A Política Pesqueira Común: cara unha nova reforma?

O sector económico e produtivo vinculado ao mar foi historicamente un dos tractores da transformación económica e social de todos os países costeiros en Europa, e polo tanto tamén na Galiza. Desta forma, dende as súa orixe, a Unión Europea foi lexislando as diferentes actividades económicas relacionadas coa produción e transformación de alimentos do mar, tanto pola súa importancia estratéxica en canto a fixación de poboación e creación de emprego como pola necesidade de garantir o subministro alimenticio da poboación non só no curto prazo senón para as xeracións vindeiras.

Para regular tanto a pesca a pequena escala como a pesca de altura, a Unión Europea conta cunha norma común, a coñecida Política Pesqueira Común (PPC), a cal busca garantir que a pesca e a acuicultura sexan sostibles desde o punto de vista ambiental, económico e social, ofrecendo á poboación europea unha fonte de alimentación estable, segura e sostible, dinamizando o sector pesqueiro e coidando que todo se fai dun xeito respectuoso coa contorna natural e as persoas que nel traballan.

Aínda que dende moitos sectores e grupos de presión do sector se demanda unha nova reestruturación da PPC, a Comisión Europea defende que as reformas deben de ter unha continuidade a medio prazo e aínda non é posible avaliar os efectos da última gran revisión realizada no ano 2013, a cal tiña marcado en vermello este 2022 como o momento no que se debería acadar un gran cambio na xestión e explotación dos recursos pesqueiros.

Esta última reforma de 2013 foi un punto de inflexión no que os compromisos adquiridos deron un gran salto cara a adiante: o fin da sobrepesca, a prohibición do descarte de peixes mortos e outra serie de medidas en liña con garantir que a pesca europea se realizase en base a unha serie de criterios de sustentabilidade e con obxectivo principal e explícito de “garantir a viabilidade do sector a longo prazo mediante unha explotación sostible dos recursos”.

Sen embargo, en palabras tanto a propia comisión europea –dun modo máis suave- como a maior parte de organizacións ecoloxistas ou ambientalistas os límites de poñer fin á sobrepesca ou os descartes, aínda que se conseguiron avances significativos, non se cumpriron.

image 8

Organizacións recoñecidas como “The Pew Charitable Trusts” que cada ano valoran cal é o estado das pesqueiras; consideran no seu último informe de 2022 que ata o 48% das pesqueiras do océano atlántico superaron o recomendado polo asesoramento científico (no ano 2019 fora un 42%). Ademais, reclámase que aínda hai poboacións (especialmente no Báltico e o Mediterráneo) sobrepescadas e que necesitan un maior esforzo de redución que deberían intensificarse nas directrices da comisión para o próximo 2023.

O mesmo ocorre cos “descartes”; a pesar da súa prohibición non hai unha certeza de que esta práctica deixase de realizarse por completo. Fan falla moitos mais medios: inspeccións e recursos humanos e técnicos que poidan efectuar un control operativo de todas estas medidas, así como informes de progreso fieis coa realidade e transparentes coas prácticas que se realizan.

A propia Comisión Europea destaca que para o 2023 e próximos exercicios os Estados membros deberán “intensificar a aplicación e o control do cumprimento do deber de desembarque e eliminar descartes evitando capturas non  desexadas”. A CE pon o foco de maneira concreta no uso de “ferramentas de control modernas e adecuadas, como os sistemas de vixilancia electrónica a distancia”, os cales considera como os medios máis eficaces e rendibles para controlar este feito.

A nivel de lexislación futura e sen considerar unha reforma profunda da PPC, tanto Comisión como Parlamento están a traballar de maneira conxunta para establecer un novo regulamento sobre o “sistema de control da pesca”, que poida facilitar, homoxeneizar e estender o uso de todas estas ferramentas dispoñibles. En España, por exemplo, está en desenvolvemento a nova “Lei de Pesca Sostible e Investigación Pesqueira” de, a priori, marcado carácter de protección ambiental e coidado tanto dos ecosistemas e a biodiversidade como de respecto co cambio climático. Se quere cumprir as directrices europeas a machada deberá ter presente este camiño para a asignación de cotas.

Con todo e a pesar de haber avances significativos non só nas normativas que regulan as actividades, senón tamén nas tecnoloxías aplicadas polos barcos de pesca e nas artes de pesca que se empregan e o impacto que estás teñen nos fondos mariños e os seus ecosistemas, pódese concluír que queda aínda moito traballo por facer, mesmo na Unión Europea, para poder afirmar que estamos a realizar unha pesca completamente sostible e respectuosa co medioambiente.

Seguir o asesoramento científico  é o único camiño posible para mellorar na xestión dos recursos naturais. Os datos amosan que cando se seguen as directrices sobre límites de pesca e períodos de captura as poboacións de peixes melloran, aumentando o seu tamaño e cantidade, o que redunda nunhas maiores ganancias a longo prazo e nunha xestión san e saudable dos nosos océanos, hoxe en día os rendementos e rendibilidades da pesca europea están nunhas tendencias máis que positivas e marcando rexistros case históricos[i].


[i] Para más información leer a Andrew Clayton en Pewtrust:

  • Successes and Shortfalls of EU’s Common Fisheries Policy Hold Lessons for the Future
  • EU Fisheries Management Still Not in Line With Scientific Advice Despite 2020