nos no mundo 22 23

Avances e Límites do desenvolvemento da Axenda 2030 en Galicia

Como ben sabemos, a Axenda 2030 é un manifesto de esperanza que aspira a crear un mundo máis xusto, equitativo e sostible para todos e todas. É un plan de acción que se estrutura en torno a 17 grandes obxectivos e 169 metas para alcanzar a sustentabilidade en todos os ámbitos da vida, cuxo obxectivo principal é transformar o mundo e as súas sociedades para que sexa un lugar máis xusto, equitativo e sostible para todos. Para iso, é necesario actuar de forma conxunta, a nivel global, rexional e local. A Axenda 2030 é un compromiso de todos, para crear un futuro mellor para todos.

A implementación da Axenda 2030 en territorios locais ou rexionais debe ser un proceso participativo e colaborativo, que teña en conta as características específicas de cada territorio. Para iso, é necesario sensibilizar e concienciar á cidadanía, promover a participación cidadá, desenvolver alianzas entre os diferentes actores sociais e fomentar a aprendizaxe e o intercambio de experiencias. A partir dese tecido en rede que debe ser a verdadeira base sobre a que construír un proceso de desenvolvemento sostible, compre ter un bo diagnóstico da situación do territorio, elaborar un plan de acción claro con accións e proxectos ben definidos, e poñelo en marcha cun seguimento e avaliación do proceso baseado en indicadores tanto de proceso como de impacto que poidan ofrecer información relevante para o seu seguimento.

Aterrando xa este proceso en Galicia, Galicia pode e debe ter un papel principal á hora de implementación a Axenda 2030. A nosa comunidade conta cun rico patrimonio natural e cultural, unha poboación diversa e unha economía que se ben presenta coñecidas debilidades e ameazas, atesora tamén fortalezas e oportunidades para desenvolver un potencial case ilimitado en moitos sectores. Estes factores converten a Galicia nun territorio ideal para promover un verdadeiro plan de desenvolvemento sostible baseado na Axenda 2030. Mais, que se fixo até o de agora?

En Galicia tense avanzado de xeito bastante considerable en materia de Gobernanza e desenvolvemento de documentos marco en diferentes ámbitos. Se ben a orixe da implementación da Axenda en Galicia podemos situala no informe realizado no ano 2018 polo equipo da Universidade Complutense de Madrid liderado polos profesores Guillermo Santander Campos e Jorge Pérez Pineda, no que se recollían as principais implicacións e propostas de cara a implementación da Axenda 2030 en Galicia, nos últimos 3 anos desenvolvéronse e aprobáronse numerosos documentos estratéxicos a 5, 10 e mesmo 30 anos vista.

Entre eles, e pola súa maior vinculación coa Axenda 2030 compre citar a Estratexia Galega de Economía Circular 2030 (EEGC 2030)1, a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 (EGCC 2050)2, o V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026, a nova Estratexia Galega de Mobilidade, Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) ou mesmo a recentemente aprobada (agosto de 2023) Estratexia de Dixitalización e Innovación en materia de Estradas de Galicia.

Compre citar os esforzos realizados tamén polas administracións locais de Galicia, onde xa un número considerable de concellos, especialmente grazas aos esforzos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, teñen implementado as súas propias estratexias para impulsar a Axenda 2030 nos seus territorios, ademais de numerosos obradoiros e formacións realizadas a múltiples niveles (profesorado, persoal das administracións públicas e tamén abertos a cidadanía).

A implementación destas estratexias e políticas en Galicia proporciona unha base sólida para avanzar cara aos dezasete obxectivos da axenda. Ao abordar áreas clave como a economía circular, o coidado da biodiversidade e o cambio climático, a cooperación internacional ou a dixitalización, establécense as bases para un futuro máis próspero. Se ben, para coñecer a súa efectividade a medio e longo prazo requírese dun sistema de avaliación e seguimento permanente, no que estas iniciativas deben demostrar este impacto.

Con todo, tamén existen certos desafíos que deben abordarse para avanzar no desenvolvemento sostible en Galicia. Para superar estes desafíos, é necesario un esforzo conxunto de todos os axentes sociais, incluíndo a administración pública, o sector privado, a sociedade civil e a cidadanía. É importante seguir avanzando na implementación da Axenda 2030 para construír unha Galicia máis sostible, xusta e inclusiva. En concreto e dun xeito moi resumido, debemos abordar, entre outros, os seguintes desafíos:

  • Desigualdade social e pobreza enerxética: que afectan a un número significativo de persoas na comunidade. É necesario aumentar o investimento en políticas sociais e na mellora da vivenda social. Tamén é necesario promover o acceso á enerxía renovable e aos servizos básicos para toda a poboación, especialmente a mais vulnerable.
  • Cambio climático: que xa está a ter un impacto en Galicia, como na erosión costeira e a perda de biodiversidade. Débese implementar medidas para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, como a promoción da mobilidade sostible e o uso de enerxías renovables, así como desenvolver medidas de adaptación ao cambio climático, como a protección das zonas costeiras e a restauración dos ecosistemas danados ou en perigo.
  • Transformación da economía: Galicia enfróntase ao reto de impulsar unha economía máis sostible e responsable co medio ambiente. Para logralo, é esencial promover a inversión en sectores ecolóxicos e novas tecnoloxías, así como realizar unha transición cara a prácticas comerciais xustas e sostibles. Isto implica apoiar ou incentivar ás empresas para que adopten modelos de negocio respectuosos co entorno e promover a economía circular, reducindo o desperdicio e fomentando a reutilización e o reciclaxe.
  • Coordinación entre os diferentes actores: z implicados na implementación da Axenda para identificar as prioridades e impulsar e coordinar as accións de resposta necesarias. Co esforzo conxunto de todos os axentes sociais, Galicia pode avanzar no desenvolvemento sostible e construír un futuro mellor para todos.

Para pechar esta peza e seguindo tamén a orde cronolóxica dos dezasete obxectivos, con respecto a promoción dás alianzas para impulsar o desenvolvemento sostible, aínda en Galicia hai avances coma os relatados neste documento, para que a participación cidadá sexa verdadeiramente efectiva, débese ampliar alcance das consultas públicas, simplificar os mecanismos de participación tanto individuais coma colectivos e garantir a inclusión dos sectores de poboación máis vulnerables na vida política. Só recoñecendo e valorando a participación cidadá como un elemento central na implementación da Axenda 2030 poderase conseguir unha cidadanía empoderada que reivindique dereitos sociais e ambientais públicos para o noso futuro.

Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) representan unha guía esencial para superar os desafíos que Galicia afronta para impulsar un proceso de desenvolvemento sustentable completo e para acadar estas metas, requírese unha inversión significativa, non só económica, pero tamén. A pesar de avanzar na coordinación e gobernanza, é imperativo acelerar os nosos esforzos para garantir que, de aquí a 2030, cumpramos coas expectativas e logremos unha transformación en áreas clave, como a enerxía, a alimentación, o dixital, a educación e a protección social así como un sistema de seguimento e xeración de datos sólidos que axude a medir e avaliar o noso progreso nestes ámbitos.

Este artigo fai parte do Informe anual da acción exterior de Galicia Nós No Mundo 2022-2023 “Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior”, podes descarregalo completo aquí. Consulta todos os Informes Nós No Mundo aquí.