Análise da segunda volta das eleccións rexionais francesas do 28-M

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego

Distinguen algúns constitucionalistas en diferenciar claramente entre dúas constitucións. A primeira, a constitución que se di "formal", é aquela que, xeralmente, aínda que non sempre, adoita a forma dun texto legal que ocupa o cerne do sistema político dun país (por exemplo, a Constitución española de 1978, a Lei Fundamental de Bonn Grundgesetz alemana de 1949 ou o Bill of Rights norteamericano de 1789). A segunda é a que se chama constitución "material" e, a diferencia da primeira, resulta irreductible a unha expresión xurídica calesquera, pois, por máis que a enxeñería constitucional progrese enormemente, a complexidade das sociedades humanas, así como o conxunto de relacións de poder que estas comprenden, sempre remata escapando á súa constitucionalización. Así aconteceu desde que Hammurabi redactara o seu célebre código alá por 1753 (a.C.) até os nosos días e non semella que esta fuga no tempo vaia ter unha fin inmediata.

De feito, un dos datos máis significativos do constitucionalismo europeo-occidental na Era da Globalización, xustamente, está a ser o distanciamento crecente entre as constitucións materiais e formais das distintas expresións histórico-concretas da forma-Estado. Basta con ollar para as principais potencias europeas e resulta doado constatar como, logo da reestructuración que lle puxo fin ao fordismo a finais dos anos setenta, a distancia entre as constitucións material e formal de todos estes países non deixou de medrar. Algunhas das grandes tendencias que evidencian esta crise constitucional sen precedentes desde os anos de entreguerras pasaron desapercibidas durante bastantes anos. Porén, dun tempo a esta parte semellan ter escapado definitivamente ao control dos mellores constitucionalistas. Así, se atendemos á configuración do corpo político da forma-Estado, as diversas "segregacións raciais" e "Appartheids" que noutros tempos parecían unha aberración, adquiren agora carta de natureza baixo a forma de leis de estranxeiría e políticas de migración claramente orientadas a cercenar o carácter universal da cidadanía. Mais polo que a esta última fai, tampouco a cousa semella estar moito mellor: basta con observar o progreso dos indicadores do que os politólogos liberais chaman "desafección política" para se apercibir decontado da fonda crise de lexitimidade que atravesan as chamadas democracias-occidentais.

Así as cousas, os comicios rexionais e cantonais franceses do pasado domingo exemplifican a consolidación dun novo estado de cousas na política gala. De feito, o principal dato politolóxico destas eleccións non se pode obter apartires das furnas, senón que se agocha nun sentimento secreto de fonda desconfianza face á "clase política" por parte dunha cidadanía claramente oposta ás políticas neoliberais de maior ou menor dureza. Pouco importa se se tratar de Lionel Jospin hai dous anos ou de Jean-Pierre Raffarin, agora, as relacións entre cidadanía e goberno non son o que eran. Moi significativamente nestas eleccións, o antigo presidente da República e relator constitucional europeo, Valéry Giscard d’Estaing, perdeu o posto que conservaba desde hai tantos anos que nin os mais vellos votantes o lembran. Na noite eleitoral non fallou mesmo o caso dalgún cantón que pasou da esquerda a dereita por vez primeira desde aquel histórico ano de 1789.

O político deste principio de século que estamos a vivir o sabe. Neste senso, poucos datos tan reveladores como o discurso político da oposición triunfadora nestas eleccións (como, por outra parte, o discurso dos socialistas españois hai dúas de semanas). E así, a idea de contractualidade intrínseca ao mandato eleitoral reaparece con forza nun tempo en que as relacións entre cidadanía e as respectivas opcións eleitorais se están a guiar cada vez máis por un comportamento táctico instrumental (ou Zweckrational, por dicilo na linguaxe weberiana), correlato das relacións de poder reais que operan na sociedade. E isto acontece con total independencia dunhas opcións políticas concretas que, a forza de someterse aos cálculos do votante meio e as esixencias mediáticas e do marketing eleitoral, teñen reducido a política a un puro espectáculo no que, por suposto, non fallan boas doses de cinismo e opcións políticas partidarias de fondas rexeracións democráticas abertamente contradictorias coas praxes reais que operan no seo das organizacións partidistas e que, para ben ou para mal, rematan sendo coñecidas dunha cidadanía madura.

Durante a semana transcorrida entre a primeira e segunda volta, analistas, publicistas e políticos en campaña recorreron a un xogo de palabras para determinar o senso da deliberación. Así, insistiuse até a saciedade, estas eleccións presentábanse como un auténtico "raffarendum". Sobre esta pedra de toque discursiva establecéronse os termos da loita política que haberá ter lugar en Francia, cando menos de acó até as vindeiras eleccións europeas. Non cabe dúbida que cada un dos actores políticos implicados na campaña está agora a facer as súas contas cos resultados na man: o primeiro ministro, Raffarin, estará a pensar como extraer unha prórroga do Presidente Chirac namentres que seu principal rival no seo da UMP, o ministro do Interior, Sarkozy, estará a lamentar non ter obtido os resultados esperados en Ile-de-France. Na segunda forza da dereita, a UDF, claman xa por unha recomposición favorábel do governo, namentres que o FN de Le Pen se felicita por se ter mantido. Pola súa parte, na oposición da antiga gauche plurielle medra a excitación polas posibilidades de regresar ao poder e os troskistas seguramente volven a conxurarse contra a democracia burguesa. En común, todos saben que todo isto non durará moito máis do que tardar en chegar os vindeiros comicios. Tal é a condición dos políticos nos tempos de crise constitucional.