Os límites do péndulo democrático

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego

Nas chamadas democracias occidentais, as noites electorais constitúen un dos máis acabados exemplos do espectáculo político. Cada canle de televisión ten o seu estilo, qué dúvida cabe, mais sempre dentro duns mínimos comúns que lle son propios a cada país. A diferencia doutros casos como, por exemplo, o español, no caso francés, antes que nos xornalistas e nas enquisas de opinión, o peso da análise eleitoral recae sobre os portavoces dos partidos políticos que, entre outras cousas, aproveitan xa este primeiro momento para tomar posición face á segunda volta do domingo vindeiro.

Na noite do 21-M os representantes das forzas políticas viñan coincidir todos eles en se felicitar pola inversión de tendencia nos índices de abstencionismo electoral. Acto seguido todos condeaban a resistencia eleitoral da extrema dereita, agás o proprio Front National, claro está, e para rematar, cada quen tomaba partido pola súa opción particular. De limitármonos a participar da lóxica intrínseca ao discurso mediático estaríamos tentados de pensar que, mais unha vez, a engranaxe da maquinaria democrático-representativa funcionou á perfección.

Porén, nada mais errado que deixarse levar polo artificioso optimismo do imaxinario político que artella os aparellos de lexitimación do réxime político francés. Para comprender a conxunctura política gala actual e, no cadro deste mesmo contexto, dos propios resultados eleitorais, é preciso recuperar certa perspectiva e retroceder até o momento da derradeira crise constitucional do réxime político, a saber, o cataclismo provocado polo paso do ultra-dereitista, Jean-Marie Le Pen, á segunda volta das últimas eleccións presidenciais.

En realidade, de non ter sido polos inesperados resultados do 21 de abril de 2002, a dereita francesa probabelmente seguiría ocupando os escanos da oposición, e isto con independencia de se finalmente o eleitorado se decantaba pola coabitación ou por unha presidencia e governo da mesma cór. Mas non foi asi e desde aquel funesto día, o réxime político francés converteuse nun dos réximes máis fráxiles da UE.

De feito, na perspectiva dos posibles desenvolvementos futuros que abre esta primeira volta, os datos eleitorais deben ser tomados con moita maior precaución. Varias razóns apontan neste senso, comezando polo magro dun indicador de participación eleitoral, apenas un par de pontos por riba das anteriores eleccións rexionais, e que, lonxe das prédicas da "clase política" en lexítima defensa, non pode ser considerado alén do horizonte da mera contención das estructuras do réxime en vigor.

Isto é tanto mais notorio por canto, en rigor, non só nos achamos diante dunha convocatoria máis dentro do funcionamento habitual dun réxime consolidado, senón diante duns comicios chamados a instaurar unha variación substantiva na natureza do réxime, incorporando un novo sistema de eleición no que a barreira de acceso á representación se ten elevado até o 10%. No fondo deste cambio subxaz un interese evidente por impedir a polarización do réxime político e, se ben semella te-lo conseguido polo extremo esquerdo (ningunha das candidaturas de LO-LCR pasarán á segunda volta), non acontece outro tanto polo extremo dereito (onde o FN prácticamente conseguiu superar este límite en todas as rexións).

Xunto a unha participación electoral estancada e cunha extrema dereita o suficientemente forte como para pasar á segunda volta, o terceiro factor a considerar no contexto político aberto polas derradeiras presidenciais é o reforzamento dunha vaga de mobilizacións sen precedentes desde aquel maio do 68. Neste senso, cómpre destacar a emerxencia de novas figuras sociais capaces de protagonizar novos antagonismos como é o caso do precariado das grandes franquicias metropolitanas e do mundo do espectáculo ou o cognitariado dos centros de investigación. Sen dúvida, o resultado desta primeira volta, como os da segunda e os doutras eleccións por vir, non se comprenderán se non se fai un esforzo adicional por comprender a nova contractualidade na que opera a política das multitudes, tan lonxe daquela relación partido/clase da era fordista.

Os efectos á vista están, principiando polos partidos da extrema esquerda. Logo duns efímeros éxitos como válvula de escape nas sucesivas crises da representación, tanto Lutte Ouvrière como a LCR arriscan un rápido regreso á marxinalidade. A súa incapacidade manifesta para consolidar o voto recibido na primeira volta das presidenciais de 2002 (cando o eleitorado ainda non coñecía a magnitude do terremoto da primeira volta), relaciónase directamente coa incapacidade para comprender as claves da recomposición sociolóxica do eleitorado que vota extrema esquerda.

Mais se o risco é elevado para a extrema esquerda, non o é menos para calquera outro dos segmentos do espectro. A esquerda moderada sabeo ben pola amarga experiencia das convocatorias electorais que seguiron a aquel 21 de abril de infausta lembranza. A extrema dereita xa coñeceu importantes escisións e crises políticas que a deixaron ás portas da desaparición. A dereita no governo, pola sua banda, terá que tomar boa nota a partires do domingo que ven.

Así as cousas, lonxe de terse aberto unha nova fase de recuperación das cómodas alternancias pendulares entre centro-esquerda e centro-dereita, mais parece que a política dos vindeiros anos deparará importantes sorpresas difícilmente reductíveis ao xogo político da representación.