20050203 kumi naidoo 023

As “verdades” do G8

 Kumi Naidoo, clic para aumentar
En canto á xenerosa iniciativa de aliviala pobreza crónica, prometeuse aumentar en 50.000 millóns de dólares a Axuda Oficial ó Desenvolvemento para Africa, chegando ao 0,56% do PIB no 2010 e ao 0,7% no 2015. Unha vez máis, prométese o xa prometido. Destinar o 0,7% do PIB ós países empobrecidos foi un acordo das Nacións Unidas do ano 1974. E agora, 31 anos máis tarde, constatamos que a pesar da inmensa riqueza xerada no mundo nas últimas décadas, ningún dos países do G8 alcanza o 0,33% do seu PIB. O presidente do Chamamento Global da Acción Contra a Pobreza, Kumi Naidoo (na foto), comparaba esta axuda non inmediata coma esperar 5 anos para socorrer a catástrofe do tsunami.
 

Rematado o cumio de Geneagles, o grupo dos sete países máis ricos e Rusia deron a coñecer as conclusións adoptadas, despois dun encontro seriamente abalado polos atentados rexistrados en Londres coincidindo co seu inicio. En resumidas contas, os acordos que saíron desta xuntanza viñeron a escenificar o que xa se decidira na reunión de ministros de Finanzas do G8, celebrada na capital británica os días 10 e 11 do pasado mes de xuño: toda unha declaración de boas intencións, pero pouca vontade de querer cumprir.

O compromiso de eliminalos subsidios ás exportacións agrarias (que é un dos principais obstáculos para que os países empobrecidos accedan ó mercado internacional) incluíuse no comunicado final da cimeira, pero cae en saco roto ao non fixar ningún calendario concreto para suprimilos, probablemente a sabendas da inexistencia de intencións de abordalo a curto prazo.

En canto á xenerosa iniciativa de aliviala pobreza crónica, prometeuse aumentar en 50.000 millóns de dólares a Axuda Oficial ó Desenvolvemento para Africa, chegando ao 0,56% do PIB no 2010 e ao 0,7% no 2015. Unha vez máis, prométese o xa prometido. Destinar o 0,7% do PIB ós países empobrecidos foi un acordo das Nacións Unidas do ano 1974. E agora, 31 anos máis tarde, constatamos que a pesar da inmensa riqueza xerada no mundo nas últimas décadas, ningún dos países do G8 alcanza o 0,33% do seu PIB. O presidente do Chamamento Global da Acción Contra a Pobreza, Kumi Naidoo, comparaba esta axuda non inmediata coma esperar 5 anos para socorrer a catástrofe do tsunami. Con esa traxectoria, resulta difícil non pensar que no 2010, os compromisos hoxe asumidos terán un complexo cumprimento.

A condonación da débeda de 18 nacións das máis empobrecidas (14 africanas e 4 latinoamericanas) foi avaliada en sectores comprometidos coa erradicación da pobreza como unha condonación enganosa, pois está supeditada á apertura das economías do Sur ós intereses das multinacionais do Norte. Segundo Eric Toussaint, Presidente do Comité pola Anulación da Débeda do Terceiro Mundo, non inclúe os préstamos outorgados pola banca privada e deixa de lado a países moi pobres que non seguiron as condicións liberalizadoras impostas polo FMI e o BM.

O compromiso do G8 para manter a paz en Africa faise depender de que esta "mostre un compromiso coa democracia", sen facer constancia, tácita ou expresa, claro está, dunha conveniente prohibición da venda de armas ou unha carta de principios que proscriba, por parte destes países, o apoio a políticas e políticos que asuman a violencia como estado natural das súas sociedades e único mecanismo para resolver os conflitos, tantas veces agravados coa complicidade de intereses estranxeiros que alimentan guerras durante décadas destruíndo nacións enteiras.

Polo que atinxe ó cambio climático, recoñeceuse unanimemente a importancia do quentamento global, pero nada máis. Respecto dos acordos para reducir a emisión de gases contaminantes que producen o efecto invernadoiro, a suma foi cero. Avanzar en serio na mellora da saúde do planeta cando un país que é o maior contaminador do mundo(25% de producción de gases nocivos), que rexeita rotundamente o Protocolo de Kyoto (que postula unha redución do 5,2% das emisións de gases), impulsor da mundialización pero que prima en todo caso os seus exclusivos intereses e prefire, en palabras de Bush, falar de post-Kyoto cando aínda non chegamos a el, é mais que absurdo e contraditorio. O Presidente de EEUU insistiu en que non apoiará o Tratado de Kyoto porque desfaría a súa economía, e rexeitará calquera acordo que se lle pareza. Os demais convidados do G8 que si asinaron o Protocolo, non tiveron forza algunha para persuadir a EEUU, e mesmo se lle xustificou, adozando a súa postura.

Nun alarde de avance certamente sorprendente, o que si admitiu Bush foi que o cambio climático é debido á actividade humana, algo xa recoñecido dende hai máis dunha década. E para demostrar que dispón dun plan B para afrontar este problema climático requiriu un cambio de enfoque no debate: cómpre deixar de lado a cuestión das emisións de gases contaminantes, pouco importantes, e centrarse máis nas novas tecnoloxías limpas, sen restrinxir o uso enerxético. Bush tivo tempo aínda de presumir do seu programa millonario de inversión para este tipo de tecnoloxías e vehículos de hidróxeno. A ciencia resolverá o problema do cambio climático. Polo de agora non citou o Pentágono. Podemos estar tranquilos?