Brasil 2012: Gañadores e perdedores nas eleccións municipais

No mes de Outubro celebráronse as eleccións municipais en Brasil. A primeira volta tivo lugar o día 7, e a segunda, determinante para os concellos de máis de 200.000 habitantes, o pasado día 28. O interese destes comicios é maiúsculo debido a que os partidos que consigan o maior número de alcaldías, ou polo menos as máis importantes, serán os que conten cunha maior vantaxe comparativa para acadar a vitoria na seguinte cita electoral, neste caso a nivel estatal, que terá lugar dentro de dous anos, en 2014.

Liñas de investigación Observatorio Gallego de la Lusofonía
Apartados xeográficos América Latina
Idiomas Galego

No mes de Outubro celebráronse as eleccións municipais en Brasil. A primeira volta tivo lugar o día 7, e a segunda, determinante para os concellos de máis de 200.000 habitantes, o pasado día 28. O interese destes comicios é maiúsculo debido a que os partidos que consigan o maior número de alcaldías, ou polo menos as máis importantes, serán os que conten cunha maior vantaxe comparativa para acadar a vitoria na seguinte cita electoral, neste caso a nivel estatal, que terá lugar dentro de dous anos, en 2014.

No que se refire aos resultados destas eleccións municipais, o Partido dos Traballadores (PT) erixiuse como o gran vencedor, aínda que o Partido Socialista Brasileiro (PSB) tamén saíu vitorioso, sendo o que máis medrou en termos proporcionais (1). O PSB obtivo a vitoria en cidades tan importantes como Recife, Fortaleza, Belo Horizonte e Campinas. Na maioría destas cidades enfrontouse a candidatos do PT, polo que Eduardo Campos, o seu líder, eríxese como unha forte alternativa a Dilma Rousseff para as eleccións de 2014 (2). A pesar do crecemento do PSB o principal partido da oposición é o Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB), liderado por Fernando Henrique Cardoso, moi debilitado despois da grande derrota do seu candidato en São Paulo, cidade que se consideraba ata agora o seu maior feudo.

Os grandes gañadores, PT e PSB
São Paulo é a cidade máis importante de Brasil tanto en termos económicos como demográficos. Considérase o motor do Brasil e é a cidade máis poboada. Conta cuns 11.245.000 habitantes. O máis destacable dos resultados destes comicios é que o PT conseguiu recuperar esta alcaldía despois de 8 anos en mans do PSDB. Este feito é especialmente importante nestes momentos se temos en conta que a integridade do PT está en entredito por mor dos encausamentos por corrupción. A máis, o candidato proposto polo Partido dos Traballadores, Fernando Haddad, era descoñecido, pero contou tanto co apoio incondicional de Lula da Silva como coa simpatía de Dilma Rousseff, o que lle permitiu saír vitorioso. Así, confírmase que Lula da Silva segue conservando tanto o seu carisma como o apoio dos brasileiros, como xa o demostraran cando lle deron o seu apoio a Dilma Rousseff, quen no seu momento fora tamén candidata proposta por Lula da Silva.

A elección de Fernando Haddad como cabeza de lista para São Paulo por parte do PT responde á estratexia promovida por este partido a partir da elección de Dilma Rousseff, co propósito de levar a cabo unha renovación xeracional para eliminar calquera tufo caciquil, característico da política do Brasil no pasado, a erradicar na situación actual.

O outro partido que saíu reforzado destas eleccións, como xa mencionamos, foi o PSB. Foi o que máis creceu proporcionalmente no conxunto do país tanto en número de electores como en número de alcaldías. Conseguiu gobernar 100 concellos máis dos que conseguira nas anteriores eleccións (2008). Así, e aínda que a consecución destes resultados non é só resultado do traballo de Eduardo Campos (gobernador de Pernambuco), este é sen dúbida o candidato que sae máis reforzado.

Tomando posicións de cara aos comicios de 2014

Como xa destacamos anteriormente, as eleccións locais son unha proba de fogo para os partidos políticos de cara ás eleccións estatais que se celebrarán en 2014. Acadar un bo resultado e posicionar aos candidatos de cada partido para ditos comicios é un dos obxectivos esenciais a conseguir. Así, a partir dos resultados obtidos neste mes de outubro pódese dicir que os candidatos que parten cunha situación de vantaxe cara as próximas eleccións son Dilma Rousseff (PT) e Eduardo Campos (PSB). Pola súa banda, José Serra, candidato do PSDB, o gran partido da oposición ata agora, queda en clara desvantaxe, e incluso non é seguro o seu futuro político, o que está a debilitar en grande medida a imaxe do seu líder Fernando Henrique Cardoso, un dos seus maiores apoios.(3)

A imaxe dos candidatos de cada partido de cara ás eleccións estatais depende en grande medida do éxito ou fracaso obtido polos candidatos que apoiaron nas eleccións locais. No caso de Dilma Rousseff esta non se viu afectada nin positiva nin negativamente polo seu apoio a Patrus Ananias, candidato en Belo Horizonte que non acadou os resultados esperados, xa que esta tamén apoiara fortemente ao candidato estrela do seu partido, Fernando Haddad. Polo tanto, tendo en conta os bos resultados, en xeral, do PT, e a pesar do “fracaso” de Patrus Ananias, a candidatura de Dilma Rousseff para 2014 saíu reforzada. No caso do candidato do PSB, Eduardo Campos, estas eleccións foron clave, xa que lle permiten contar con posibilidades reais de éxito á hora de loitar pola vitoria nos comicios a nivel estatal. Tanto é así que se considera o candidato a bater por parte de Dilma Rousseff. (4)

Baixa participación e desafección política

Estas eleccións caracterizáronse tanto pola baixa participación electoral dos cidadáns como polo aumento dos votos en branco ou nulos. Como dato a ter en conta, cabe destacar que dos 25,6 millóns de brasileiros que acudiron ás urnas –o voto é obrigatorio-o 9,2% emitiu un voto en branco ou nulo, o maior índice rexistrado dende ás eleccións locais do ano 2000. Unha das razóns que se apuntan para xustificar estes datos é tanto o descontento dos brasileiros cos seus políticos e a inexistencia de opcións políticas que realmente teñan en conta as necesidades e aspiracións dos cidadáns. Neste senso cómpre destacar a progresiva homoxeinización das ideoloxías e dos programas políticos dos partidos, o que da lugar á creación de alianzas, en principio inimaxinables, á hora de acadar o poder e alimenta a carencia de alternativas para os cidadáns, suficientemente diferenciadas, cando se trata de emitir o voto. Eles propios quéixanse das poucas alternativas que teñen e de que as propostas electorais dos diferentes partidos políticos son, na maioría dos casos, máis do mesmo (5). Outro dato interesante nesta mesma liña é que na maioría dos grandes concellos os brasileiros apostaron polo cambio.(6)

Conclusións e perspectivas

Como conclusión cómpre resaltar tanto o gran triunfo de Fernando Haddad en São Paulo, o que o posiciona ao PT como o partido con maiores posibilidades de éxito de cara ás eleccións estatais de 2014, como do PSB. Pensando xa nas eleccións a nivel estatal, ata agora estes dous partidos optaban por coligarse e presentar unha candidatura conxunta, o que lle permitía contar con maiores opcións á hora de alcanzar o goberno do país, pero despois dos bos resultados rexistrados a nivel local, non está claro cal vai ser esta vez o modus operandi. Por unha banda, pode ocorrer que o PT se sinta forte abondo para presentar a súa propia candidatura, renunciando así a formar alianzas; e por outra banda, pode ser que o PSB decida presentar o seu propio candidato, o que provocaría especular sobre a perda polo PT dun grande apoio. Pola súa banda, ao PSDB non lle queda outra opción máis que renovarse e presentar candidatos novos que poidan reverter os malos resultados acadados durante estes comicios. Ábrese pois unha etapa suxeita a novidades na política brasileira (7).


Notas:

(1)  Información recollida nas novas do Instituto Humanitas Unisinos o 30 de outubro de 2012. http://bit.ly/QRBo7M
(2) Información recollida no diario dixital Infolatam.com o 29 de outubro de 2012. http://bit.ly/TPGhCp
(3) Información recollida no diario dixital Infolatam.com o 29 de outubro de 2012. http://bit.ly/TPGhCp
(4) Información recollida nas novas do Instituto Humanitas Unisinos o 30 de outubro de 2012. http://bit.ly/QRBo7M
(5) Información recollida nas novas do Instituto Humanitas Unisinos o 30 de outubro de 2012. http://bit.ly/QRBo7M
(6) Información recollida no diario dixital O Globo País o 30 de outubro de 2012. http://glo.bo/W4sQ2Z
(7) Información recollida no diario dixital 20minutos.es o 29 de outubro de 2012. http://bit.ly/WUeh1h