Cabo Verde: ¿época de cambios?

Nas eleccións municipais que tiveron lugar o domingo 21 de marzo en Cabo Verde, celebradas, segundo os observadores de varios estados da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP), con toda normalidade, o resultado favoreceu ao principal partido da oposición, o MPD (Movemento para a Democracia), reforzando así a figura de Agostinho Lopes, que ligaba dalgún xeito a continuidade da súa posición á fronte do partido co resultado dos comicios.

O MPD que xa estaba presente nas Cámaras de Paul, Porto Novo, Boavista, Maio, Sao Domingos e Tarrafal consegue agora as cámaras de Sao Vicente, Sao Nicolao e Sao Miguel, e axudou ademais ós independentes a conseguir os municipios de Ribeira Grande e do Sal, onde venceron liderados polo médico Joao Figueiredo. Estes datos significan un balance moi positivo para o MPD, que pasa de gobernar en 6 cámaras a facelo en 9.

Pola súa banda, o partido no poder, que lideraba as cámaras de Praia, Santa Cruz, Santa Catarina, Sao Filipe, Mosteiros, Brava, e o Sal, perde este último municipio, pasando de gobernar en 7 a gobernar en 6 municipios. Cómpre salientar que o PAICV (Partido da Independencia de Cabo Verde) foi quen de conservar a capital, Praia, con Felisberto Vieira á cabeza e con maioría absoluta.

Dos resultados pódese concluír que o goberno de José María Neves vai ter que corrixi-la súa estratexia se aspira a conservar o poder nas vindeiras eleccións lexislativas que se celebrarán dentro de dous anos. Na República de Cabo Verde, o presidente é elixido por sufraxio universal directo para un período de 5 anos, dos que xa se levan esgotados a metade. O presidente, que ademais é Xefe de Estado, necesita o apoio dos dous tercios do electorado, apoio que de celebrarse agora as lexislativas parece difícil de garantir. Nas anteriores eleccións, celebradas en xaneiro do 2001, os comicios estiveran tan rifados e había tanta igualdade entre os principias candidatos que se debeu celebrar unha segunda volta na que o trunfo se decantou cara o lado de Pedro Pires fronte a Carlos Veiga, deixando o MPD á cabeza da oposición.

O reto do PAIGC de aquí en diante consiste en conciliar a estratexia económica que tanto convence ás organizacións internacionais e aos investidores estranxeiros, coa satisfacción das necesidades elementais dunha poboación que segue a soñar co benestar e se desencanta facilmente se a moderación e a responsabilidade recae sobre os seus ombreiros.