Despropósitos en Iraq

Janusz Wojciechowski, vicepresidente da Dieta polaca, establecía recentemente que a diferencia entre a verdade e a verdade política é a mesma que existe entre una silla e a silla eléctrica. Algo así ven a ser o propósito de distracción da administración Bush ante as evidencias da tortura e o trato inhumano aos presos confinados en Abu Ghraib, que trata de xustificar de mil e unha maneiras, desligando o acontecido da práctica intachable dunha superpotencia especialmente respectuosa cos dereitos humanos e consagrada á difícil misión da propagación democrático-evanxelizadora en terra de ninguén.

Pero filigranas lingüísticas aparte, o que resulta evidente é que o comportamento dos soldados da 372 compañía estadounidense e demais milicianos, non obedeceu a impulsos incontrolables e persoais senón a un plan perfectamente meditado e que o xornalista Seymour Hersh identificou no semanario The New Yorker como "Copper Green", un programa secreto do Pentágono, producto do 11S, e que materializa esa idea de que todo é válido contra o terror.

Nos cuartos ultraprotexidos do Pentágono, os programas secretos envolven a grupos de elite entrenados para cometer todo tipo de delictos, dende homicidios selectivos "os israelís poderían axudar" ata interrogatorios secretos, e de Guantánamo a tantos lugares ignorados en tantos países "amigos" onde todo escapa ao mínimo control. Un próximo de Rumsfeld, Stephen Cambone, é o responsable directo deste compromiso rocambolesco coa democracia, pero todos na Casa Branca deben estar ao corrente das operacións encubertas.

A complicada situación que emerxe en Iraq despois da victoria, cunha paz tan difícil de dixerir que día si e día non provoca auténticos cataclismos cada vez mais complicados de ocultar á opinión pública, o campo dos partidarios da liña dura atopou nestas milicias o equipo adecuado para convertelo nun corpo non soamente expedicionario senón tamén expeditivo contra todo tipo de resistencia, adaptando os mecanismos de humillación e de tortura á sensibilidade musulmana.

Pero no fondo, todo este episodio non deixa de ser a demostración mais evidente da impotencia e da incapacidade norteamericana para atopar unha solución aceptable ao conflicto que eles mesmos orixinaron e agravaron cunha secuencia incomprensible de erros, mala xestión, arrogancia e ignorancia, como afirma Béchir Ben Yahmed en L’Intelligent.

Toda a guerra contra Iraq se revela como un despropósito. Ningún dos obxectivos de fondo enunciados pola administración Bush, máis alá do derrube do réxime de Saddam, pode dicirse que hoxe está mais preto de ser acadado, mesmo diríase que todo vai en sentido oposto ao programado, cun custo material e en vidas humanas que sobrepasa as peores expectativas. Mesmo no político, a tarefa de elixir a un dirixente capaz de formar goberno cun mínimo de estabilidade despois do 30 de xuño, semella unha tarefa complicada de mais, con equilibrios difíciles de establecer e asegurar.

Soamente cabe confiar que tamén fracasen os intentos de facer que a ONU lexitime o traspaso a un poder nominal que vai seguir sendo controlado por EEUU. É hora de poñer condicións.