20050827kazan robert kocharyan e ilham aliyev

Disputas sen solución

 Soldados rusos en Akhalkalaki (Xeorxia), clic para aumentar
A instancias do Grupo de Minsk, Armenia e Acerbaixán reuníronse en Kazán (Rusia) para abrir de novo o proceso de pacificación deste enclave (Nagorno Karabagh). Ámbolos dous presidentes (Cocharian e Aliev, respectivamente) coincidiron en que as conversas tiveron un cariz positivo pero, por outra banda, un cambio de opinión sobre o futuro de Nagorno require tempo para que as respectivas opinións públicas entendan e asuman a necesidade de facer concesións para achegar a un cordo duradeiro e satisfactorio. (Foto: Robert Cocharian, á esquerda, e Ilham Aliev durante a reunión mantida en Kazán o 27 de agosto de 2005).
 

Armenia e Acerbaixán, dúas repúblicas escindidas da antiga URSS, tiveron que verse as facianas recentemente en Kazán, Rusia, para facer fronte a un conflito que desapareceu da axenda da comunidade internacional pero que vai camiño de facerse crónico: Nagorno Karabagh, territorio polo que os dous países enfróntanse dende hai case dúas décadas e que, despois do cesamento de hostilidades de 1994, segue estancado entre o statu quo político e o crecente tráfico de armas, drogas e contrabando.

O conflito de Nagorno Karabagh enfronta a Armenia e Acerbaixán dende hai anos, pero non parece que haxa unha solución viable a curto prazo. Nagorno Karabagh é unha rexión de maioría armenia sita en territorio azerí. En 1988, Armenia reclamou a anexión deste territorio ó seu Estado, argumentando que lle pertence lexitimamente porque fora entregada por Stalin a Acerbaixán prescindindo de toda legalidade, en 1921.

Os aires de liberdade impulsados pola perestroika de Gorbachov permitiron a emerxencia dos vellos contenciosos, e o enfrontamento foi medrando en intensidade. En 1991, Nagorno Karabagh proclamouse independente de Acerbaixán, agravando a cruenta disputa polo territorio. Sen embargo, o máis preocupante foron os miles de desprazados armenios e azeríes, e as matanzas de cidadáns armenios en Acerbaixán e de azerís en Armenia. Nun contexto de crise económica, empobrecemento xeralizado e tensións territoriais, ningunha das solucións políticas pretendidas (a plena soberanía sobre o territorio reivindicada por Armenia ou a soberanía autoxestionada admisible por Acerbaixán) tivo a oportunidade de abrirse camiño.

Baixo a man da Organización para a Seguridade e Cooperación de Europa (OSCE) creouse o Grupo de Minsk, que inclúe a Rusia, Francia e Estados Unidos e que dende 1994, data do alto ó fogo, supervisa as negociacións sobre Nagorno Karabagh. Pero as conversas están tan estancadas e todo indica que ningún dos dous países vai dar o seu brazo a torcer.

Cando todo parecía inamovible, a instancias do Grupo de Minsk, Armenia e Acerbaixán reuníronse en Kazán (Rusia) para abrir de novo o proceso de pacificación deste enclave. Ámbolos dous presidentes (Cocharian e Aliev, respectivamente) coincidiron en que as conversas tiveron un cariz positivo pero, por outra banda, un cambio de opinión sobre o futuro de Nagorno require tempo para que as respectivas opinións públicas entendan e asuman a necesidade de facer concesións para achegar a un cordo duradeiro e satisfactorio. Ninguén está en condicións de impoñer pola forza o seu criterio.

Entre os factores que cómpre ter en conta para chegar a unha solución do conflito débense sinalar os demográficos, xeográficos e económicos, pero tamén políticos e históricos. Situar estas variables arredor dunha mesa de negociacións é apremiante, pois o conflito pode rexurdir en calquera momento. Acerbaixán vai duplicar o orzamento militar en 2006. Armenia, denunciada polos azerís por unha suposta vulneración do alto ó fogo, pretende por todos os medios incorporar ó seu territorio a Nagorno. O gasto militar vai ser incrementado nun 76%. Por outra banda, o tráfico de armas e o conflito entre os dous países fai temer que o Alto Karabagh convértase nunha das zonas máis militarizadas do mundo.

Os ingredientes para o espertar e agravamento do conflito ou a pacificación definitiva están sobre a mesa que comparten os dous países. Resta por saber que opción priorizarán os negociadores.