Como ven sendo xa costume, Europa está desaparecida dun conflito que é vital para a súa subsistencia e no que ao mellor se está cocendo para ela un futuro moi negro. E no caso de Libia a súa postura de ausencia e desentendemento é de verdadeira negación duns valores que, ao parecer, están deixando de o ser.
Ben sei que as cousas son complexas e só son simples para os crentes. Hai foros ben histéricos que se enchen de facer referencia á soberanía de Libia, aos riscos das intervencións humanitarias e a fe que acreditan ter en principios como a non intervención nos asuntos internos de terceiros países.
É de común coñecemento, ou iso tiña por tal, que o artigo 53 de Carta da ONU establece que só se poden impoñer medidas coercitivas a terceiros países se media acordo do Consello de Seguridade. Neste caso, non tería o mellor sentido falar de soberanía, nin de intromisión nos asuntos internos de Libia, como é manifesto.
Non hai a menor dúbida de que Gadafi está empregando a forza aérea contra o pobo libio, razón de sobra para estar xustificadas medidas coercitivas internacionais coa finalidade exclusiva de impedir que siga esa masacre. Son medidas que, polo que semella, Europa non se considera con folgos para pedir. Nin outros tampouco.
O problema é dunha evidente transcendencia: se, como parece, Gadafi segue bombardeando ao pobo libio, e se consolida no poder, moi triste será o exemplo para os demais tiranos do Magreb, pois estaríamos ensinándolles o camiño que deben seguir para manterse no poder: masacrar sen ningún miramento aos seus pobos. Nunca nos agradecerán bastante semellante covardía.