Irán, acto segundo

A toma de posesión do segundo período presidencial de Mahmud Ahmadíneyad revelou simbolicamente o soterrado pulso de poder en Teherán: a forte presenza militar nas rúas, especialmente das milicias Basijs da Garda Revolucionaria, engadida á ausencia dos deputados e líderes reformistas, así como de poderosos aiatolás e ex presidentes como Rafsanjani e Jatamí e a gran maioría das representacións diplomáticas exteriores, a excepción de Xapón, Turquía e dalgúns países musulmáns.

Con este panorama, a segunda presidencia de Ahmadíneyad tórnase seriamente complexa, lastrada pola presión interna e externa por deslexitimar o seu mandato. O notorio distanciamento propiciado polo gran aiatolá Alí Jamenei no acto de posesión revela tamén as fendas que poden estar manifestándose dentro do sistema de poder, principalmente nos sectores máis conservadores, reticentes a amosar un apoio incondicional a Ahmadíneyad. Este, pola súa banda, queda claramente a expensas das cartas de poder de Jamenei e o apoio da Garda Revolucionaria.

Igualmente, a ambigua actitude de EEUU certifica os seus dilemas á hora de tratar con Ahmadíneyad nos próximos catro anos. A rectificación de declaracións realizadas por un voceiro da Casa Branca sobre a lexitimidade presidencial de Ahmadíneyad da a entender que Washington segue manifestando unha dobre perspectiva: ofrecer a negociación con Teherán sobre o programa nuclear cando, indirectamente, amosa simpatía polos sectores reformistas. Todo isto sen esquecer o fortalecemento estadounidense da cooperación militar no Golfo Pérsico.

Desde diversas perspectivas e aproximacións, Irán ofrece un panorama convulso. As protestas lideradas polos reformistas probablemente se incrementarán na medida en que o xuízo que actualmente se segue contra 100 dos seus líderes acusados da rebelión termine certificando un nivel oficial de maior represión. No exterior, EEUU e Israel seguirán apostando pola vía punitiva, asumindo que Ahmadíneyad e Jamenei non darán marcha atrás no programa nuclear.

A cautela estadounidense cara Teherán, consistente en non pechar os posibles canais de negociación e apertura, poden disiparse se a rebelión volve a activarse no país persa. Resulta así claro que Washington aposta pola caída de Jamenei e Ahmadíneyad e a posible asunción de Rafsanjani como gran aiatolá, cun liderado máis aperturista cara Occidente.

Pero probablemente a clave do poder en Teherán estea principalmente nas mans da Garda Revolucionaria e a súa posición política, co posible risco de instauración dun réxime militar con menos peso da casta teocrática, dentro dun pulso nas altas esferas do poder influída polas demandas de cambio e apertura. Con estes factores en xogo, o acto segundo da crise iraniana aparecerá en calquera momento.