Nós e a idea de Europa

Entre debates sobre as consecuencias do alargamento ao Leste, profundización e lexitimidade democrática e o discurso da eficacia do aparello e do facer comunitario, se está a demostrar tamén a utilidade de Europa para facer avanzar ideas e gañar espacios para a causa das nacións sen estado, superando a vella e tradicional idea da Europa inimiga. A converxencia de diferentes sensibilidades políticas e nacionais no Parlamento europeo, poñamos por caso, permite a un influínte colectivo de alto nivel político advertir a racionalidade das propostas deses nacionalismos que esixen mil e un matices e diferenciacións e que obrigan a empregar (e mesmo inventar) novas lingoaxes (menos Europa das rexións, menos mestura de nacións, rexións e municipios) para incorporar ao discurso e á vida política europea un fenómeno que nin é posible obviar nin tampouco descalificar en rigor, mais alá dun uso mediático simplista e perverso.

Camilo Nogueira, que a pasada semana convidou a unha pluralísima representación da sociedade civil galega a participar nos debates da Convención sobre o futuro de Europa, forma parte desa intelixente lexión de galeguistas que, cómpre reivindicalo sempre, foron dos primeiros europeístas do Estado. A través do seu esforzo e dos seus colaboradores, o nacionalismo galego está a recuperar a marchas forzadas a capacidade para actualizar o seu discurso sobre Europa, un proxecto inevitablemente ambigüo en máis dun extremo, pletórico de tantos ritmos como contradiccións, pero que vive un momento especialmente decisivo para definir o seu futuro, como tamén o propio nacionalismo galego en condicións de asumir que o seu proxecto, sen unha idea de Europa, é totalmente incompleto e mesmo manifesta serias dificultades para avanzar.

Coa caída do muro de Berlín veuse abaixo o primeiro gran valado (para os dous lados, como acertadamente sinalou Eduardo Lourenço), pero quedaban outros, e a onda expansiva do rexurdir das identidades na Europa do Leste debe atopar en Occidente as súas propias claves e manifestacións, en definitiva, os seus propios derrubes. A par da discusión arredor de lexitimidades e eficacias, de dimensións sociais e económicas, a Europa dos tres niveis vaise abrindo camiño, e os nacionalismos emancipadores e antihexemónicos, en vez de renunciar, deben apostar, como xa están a facer, por un potente afán para agrandar a súa voz, con respecto para as formas pero tamén con firmeza e dinamismo, aproveitando ese plural foro de ideas que é a Convención, pero sobre todo liderando o empeño por trasladar o debate sobre o futuro de Europa ao conxunto da sociedade, abrindo fiestras que outros pechan en medio de grandes laios a pesar de contar cos maiores medios.

Esa idea estivo latente no contacto organizado pola representación europea do Benegá que programou sesións moi abertas e plurais e das que se pode desprender que o europeísmo máis entusiasta e sincero milita hoxe en múltiples sensibilidades, moi receptivas e complexas, ás veces coartadas polos medos de quen intúe e teme a liquidación das esencias do estado cando se trata de avanzar na dirección de máis Europa. Sen por iso abandonar a esixencia dunha Europa máis social, cómpre advertir que hoxe vivimos momentos de especial transcendencia para afondar e trasladar á sociedade a reflexión sobre un modo de construir Europa que non pase por alto as realidades nacionais, xa lle chamen nacións sen estado ou colectividades territoriais. Non se trataría pois de vilipendiar unha e outra vez as carencias e servidumes dun proxecto con abundantes buratos, que certamente continúan aí, senón de contribuir a enriquecer Europa desde aquí. Mans á obra.