O acordo sirio-israelí máis preto

A posibilidade dun acordo de paz entre Siria e Israel está cada vez máis próximo. As conversas que comezaran o pasado decembro, cos Estados Unidos como intermediarios, paralizáranse un mes despois ante a negativa israelí a comprometerse nunha retirada total dos Altos do Golán, ocupados dende 1967. As reunións entre representantes de ambos executivos continuaron, aínda que en segredo. Neste ambiente compre enmarcar o anuncio feito polo goberno de Ehud Barak de retirarse dos territorios libaneses ocupados, dende 1978, antes do mes de xullo.

Por outra banda a folga de fame de case douscentos estudiantes da Universidade de Bir-Zeit, en protesta pola detención dun cento de compañeiros acusados de ter participado no apedramento do primeiro ministro francés Lionel Jospin, ameaza con converterse nunha nova "intifada", nesta ocasión contra a Autoridade Nacional Palestina presidida por Yasir Arafat.

O domingo, o goberno de Israel aprobou por unanimidade a retirada do seu Exercito da franxa, duns 850 quilómetros cadrados, ocupada no sur do Líbano. O executivo israelí considera que a mesma sería mellor que tivese lugar no marco dos acordos de paz con Damasco, aínda que si non fose posible manteñen a súa intención de efectuar o repregue. As tropas retiráranse ás liñas de fronteira recoñecidas internacionalmente dende as que poderán manter a seguridade do norte de Israel ao tempo que protexer aos seus aliados libaneses do Exercito do Sur do Líbano (ESL), comandado por Antoine Lahaud, composto por un milleiro de milicianos condenados a morte como traidores polos tribunais libaneses, que mesmo poderían ser trasladados a outro país.

A noticia foi recibida con evidente entusiasmo en Beirut, tanto no cuartel xeral de Hizbulá coma polo goberno libanés dirixido polo primeiro ministro Salim Hos, quen sen embargo apuntou que prefería que a retirada tivese lugar no marco dun acordo de paz entre Xerusalén, Beirut e Damasco, pois non se fía da sinceridade israelí. A retirada cumpriría a resolución 425 do Consello de Seguridade de Nacións Unidas, só que con 22 anos de atraso, nun ambiente de desanimo entre os soldados e de cansazo na sociedade israelí que non deixa de reclamar o regreso das tropas.

A euforia é xeral entre os milicianos de Hizbulá que consideran a retirada como un éxito militar seu, despois dun mes de ataques contra as tropas israelís, ás que lle causaron sete baixas e outras sete entre as milicias libanesas pro-israelís.

O xefe do executivo israelí, o laborista Ehud Barak, recoñeceu que segue a manter contactos indirectos con Damasco para recuperar as negociacións do plan de paz, que quedara en suspenso o pasado 10 de xaneiro. Os contactos, que ambos gobernos negaron repetidamente, foron dados a coñecer pola televisión estatal israelí e servirían para preparar unha posible reunión entre Asad e Barak.

As palabras do primeiro ministro francés, Lionel Jospin, nas que cualificaba as actividades de Hizbulá como terroristas non deixan de traer consecuencias. Primeiro as agresións que sufriu na posterior visita á Universidade palestina de Bir-Zeit; despois, Chirac aproveitou as circunstancias para lembrarlle ao xefe de goberno que en Francia as relacións exteriores son competencia da Presidencia da República; e agora, ao cumprir Yasir Arafat as promesas feitas ao primeiro ministro galo de que os responsables dos ataques serían castigados.

A detención por parte da policía palestina de preto de cen estudiantes impulsou aos seus compañeiros da máis selecta das universidades palestinas, situada a poucos quilómetros de Ramalá, a iniciar unha folga. As protestas van dirixidas contra a Administración Nacional Palestina e a policía en particular, e estase a estender ás universidades de Nablús, Hebrón, Abu Dis e Gaza. A tensión nos campus universitarios lembra a do período da Intifada (1987-1991). As protestas contan co apoio do Bloque Islámico (Yihad e Hamás) que controlan a maioría dos comités de estudiantes, mais tamén co das xuventudes de Al Fatah o partido do presidente da ANP, Yasir Arafat.