Artigo orixinalmente publicado no Nós Diario, 7 de outubro do 2026.
ue glocal 2026 eng 1

O futuro da UE: Abordar o global desde o local

A tendencia á multipolaridade a nivel global, manifestada a través da fragmentación das cadeas de valor, da transformación dixital, da configuración de tecnoestruturas con soberanía ancorada en diferentes territorios, ou na pugna polos recursos enerxéticos fai preciso que Europa reforce a súa presenza, cohesión interna e soberanía a escala global. Ao mesmo tempo, e de forma paradoxal, unha boa parte da súa capacidade para responder a estes desafíos depende do que ocorre en territorios concretos: cidades, áreas metropolitanas, rexións, espazos rurais, universidades, empresas e comunidades locais.
Liñas de investigación Economía Unión Europea
Apartados xeográficos Europa

Da idea dunha Europa global ao papel da Europa local

O concepto de UE Glocal refírese á concepción da integración europea que entende que a capacidade global de Europa depende, en boa medida, da fortaleza multinivel dos seus territorios, desde o local como á escala continental, para competir, innovar e afrontar transformacións que exceden amplamente as súas fronteiras.

Esta aparente contradición entre o global e o local non exime da súa necesidade de conxugación no fortalecemento do proceso de construción europeo. Unha abordaxe con maior solidez desde o local facilitaría non só ligar as políticas europeas de maneira máis consistente co territorio, senón que permitiría poñer o foco en problemáticas concretas e coordinar, desde a abordaxe individualizada e compartida, cuestións vertebradoras e fundamentais coma o desequilibrio territorial entre rexións, algunhas problemáticas como a xestión medioambiental de zonas protexidas ou a xestión do turismo en vilas masificadas.

Non se trataría simplemente, por tanto, de “levar Europa aos territorios”. O desafío é máis ambicioso: conectar o local co nivel supranacional -é dicir, Europa- e Europa co mundo, articulando unha verdadeira gobernanza multinivel na que o europeo, nacional, rexional e local se retroalimenten en maior medida.

A unidade territorial local como espazo de innovación e desenvolvemento

A dimensión local e a súa importancia conta cunha sólida tradición académica dentro da economía urbana e rexional. Autores como Alfred Marshall ou Jane Jacobs analizaron as cidades como espazos privilexiados para a innovación, pola confluencia de factores como a especialización produtiva e os intercambios de coñecemento. Jacobs defendeu na súa obra titulada The Economy of Cities unha concepción dinámica das cidades como espazos de creación de novas actividades económicas, destacando o papel da diversidade e das interaccións urbanas entre axentes que favorecían os procesos de desenvolvemento. Nunha liña non moi diferente, Richard Florida argumentaba en Cities and the Creative Class que as cidades e rexións constitúen espazos fundamentais para a creatividade e a innovación. Florida situaba o talento, a diversidade e a creatividade entre os factores relevantes para o crecemento rexional. É dicir, que para o autor o territorio non sería un mero receptor pasivo de políticas económicas, senón un activo económico na xeración de coñecemento, pero tamén nos aspectos sociais e institucionais. Os datos confirman esta visión. Por exemplo, a OCDE estima que as capacidades de innovación atópanse particularmente concentradas nas grandes áreas metropolitanas, concentrando estas ao redor do 90% das solicitudes de patentes da OCDE, con “só” o 70% da poboación. Mais o local non é só o ámbito urbano.

A necesidade de coordinar na UE as capacidades locais

Dentro do concepto de UE Glocal non abondaría con preguntarse cal é a asignación de diñeiro proveniente das políticas públicas para un territorio. Máis ben, a cuestión clave sería que capacidades é posible desenvolver cos recursos dispoñibles e como esas capacidades poden integrarse en redes de maior escala que a local. Desde esta perspectiva, a política de cohesión e os instrumentos europeos de financiamento poden funcionar como mecanismos de construción de capacidades territoriais e, aínda que unha cidade pequena non acostuma dispoñer dos recursos dunha gran metrópole, pode gañar escala mediante as redes europeas. Exemplos diso sería a accesibilidade a mercados, infraestruturas, programas e redes de investigación e innovación, acceso a financiamento ou alianzas internacionais que modifican substancialmente as posibilidades de actuación dos actores locais. Por tanto, a lóxica Glocal consistiría non só en poñer o foco no nivel local, senón en converter esa escala europea nunha vantaxe territorial.

Nota IGADI: Podes coñecer o proxecto do IGADI: «A Unión Europea desde unha perspectiva Glocal» na IGADI TV, ou descarregando a monografía da 3ª edición celebrada entre agosto e setembro do 2026.