O “post-chavismo” ante un novo equilibrio hemisférico

A pesar de conservar unha notoria hexemonía dentro do escenario venezolano, o “post-chavismo” e a presidencia de Nicolás Maduro asumen a complexidade dun momento politicamente contrariado, en particular ante os cambios nos equilibrios hemisféricos determinados pola apertura diplomática entre EUA e Cuba. A pesar de contar cun tácito apoio por parte dos organismos hemisféricos (UNASUR, CELAC, ALBA), o goberno venezolano debe afrontar un panorama contextualizado polas dificultades da crise socioeconómica e das cada vez mais intensas presións exteriores,  derivadas principalmente das acusacións contra Caracas de presunta corrupción e represión política contra líderes opositores. Estas variables influirán nun horizonte electoral 2015 traducido nas celebración de comicios lexislativos, definidas practicamente en ton plebiscitario sobre a xestión dun Maduro cuxo apoio político depende decisivamente da Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB) e dos sectores populares.  

A pesar de conservar unha notoria hexemonía dentro do escenario venezolano, o “post-chavismo” e a presidencia de Nicolás Maduro asumen a complexidade dun momento politicamente contrariado, en particular ante os cambios nos equilibrios hemisféricos determinados pola apertura diplomática entre EUA e Cuba. A pesar de contar cun tácito apoio por parte dos organismos hemisféricos (UNASUR, CELAC, ALBA), o goberno venezolano debe afrontar un panorama contextualizado polas dificultades da crise socioeconómica e das cada vez mais intensas presións exteriores,  derivadas principalmente das acusacións contra Caracas de presunta corrupción e represión política contra líderes opositores. Estas variables influirán nun horizonte electoral 2015 traducido nas celebración de comicios lexislativos, definidas practicamente en ton plebiscitario sobre a xestión dun Maduro cuxo apoio político depende decisivamente da Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB) e dos sectores populares.  

De cara á celebración a partir do 11 de abril en Panamá do VII Cumio das Américas, a crise venezolana intensifica a perspectiva de converterse na “pedra no zapato” a nivel hemisférico, toda vez a rexión está pendente da histórica apertura entre EUA e Cuba iniciada en decembro pasado, e que esperaba fraguarse neste encontro.

A cada vez mais intensa polarización hemisférica sobre a crise venezolana apréstase como un fait accompli inevitable. Desde xaneiro pasado, unha sucesión de acontecementos ten desequilibrado substancialmente o contexto político venezolano, particularmente determinado pola incidencia de factores externos, enfocados na perspectiva de alterar os resortes de condución dun “post-chavismo” liderado polo presidente Nicolás Maduro que, paralelamente, vese motorizado polos distintos equilibrios que debe realizar a través dunha especie de troika colexiada entre diversos sectores enrocados nas cúpulas do poder.

Entre eles destacan visiblemente o papel decisivo da Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB), o peso estratéxico dos sectores políticos, burocráticos, militares e empresariais controlados por Diosdado Cabello, presidente do poder lexislativo, e a persistencia de diversos colectivos sociais enraizados no que se pode denominar como “o chavismo popular de base”.

A presión exterior

Esta sucesión de acontecementos, internos e externos, abordan unha perspectiva de eventual radicalización da crise venezolana. Neste sentido, resultaba evidente que o contexto venezolano veríase influído decisivamente polo anuncio simultáneo realizado en decembro entre os presidentes estadounidense Barack Obama e o cubano Raúl Castro de iniciar unha apertura diplomática, que espera verse consolidada no próximo Cumio das Américas.

Un mes despois deste anuncio, un ex membro da seguridade do goberno venezolano, o capitán Leamsy Salazar, desertou a EUA para revelar presuntos casos de corrupción e conexións co narcotráfico por parte de Diosdado Cabello e altos mandos militares. Paralelamente, na Arxentina sacudida polo misterioso “caso Nisman” comezaba a fraguarse unha matriz de acusación na que presuntamente implicaba ao goberno do desaparecido ex presidente Hugo Chávez cunha aparente conexión iraniana  e co goberno de Cristina Fernández de Kirchner para obstaculizar as investigacións sobre os atentados contra a asociación xudía AMIA en 1994 a cambio de subministro enerxético.

A sucesión de acontecementos intensificouse co paso das semanas. Mentres en España medraban informacións de presuntas conexións do “chavismo” co partido progresista PODEMOS, o goberno de Maduro ordenou a comezos de febreiro a detención do alcalde metropolitano de Caracas, Antonio Ledezma, baixo acusacións de presunta conspiración golpista.

Co tamén ex alcalde Leopoldo López en prisión desde febreiro de 2014, a detención de Ledezma derivou nunha maior presión internacional, fortalecida coa publicación de informes por parte de Amnistía Internacional e Human Rights Watch, acusando ao goberno de Maduro de aplicar políticas de represión e de violación dos dereitos humanos contra opositores. Así, os temores de inestabilidade venezolana e a súa eventual irradiación hemisférica provocaron inéditas declaracións, incluso por parte de aliados do “chavismo”, como foi o caso do ex presidente uruguaio Pepe Mújica, quen chegou a declarar que temía por un “golpe militar de esquerdas” contra Maduro.

Este, pola súa banda, e tras realizar unha prolongada xira internacional(1), comezou a mover fichas no taboleiro hemisférico a fin de contrarrestar esta presión exterior. Tras denunciar unha presunta “guerra económica contra a revolución”, Maduro identificou a existencia dun eixe Bogotá-Madrid-Caracas manexado dende Washington, orientado a crear inestabilidade en Venezuela.

Así, Caracas recibiu unha misión política da UNASUR, con tenues resultados, toda vez se incrementaban as demandas por parte de ex presidentes latinoamericanos(2), para atender con urxencia a crise venezolana polo seu risco de expansión rexional. Deste xeito, a polarización hemisférica estaba servida, tomando en conta que uns líderes e ex presidentes criticaban a presunta “pasividade” dos organismos hemisféricos para crear solucións á crise venezolana, mentres outros gobernos defendían a Maduro ou, simplemente, amosaban unha posición mais distante(3).

O  “factor Obama”

Neste contexto abordouse o suceso mais significativo no relativo ao tratamento exterior sobre a crise venezolana. A comezos de marzo, o anuncio de Obama de sancionar a sete altos funcionarios venezolanos (seis militares e unha xuíz) por presunta corrupción e violacións de dereitos humanos, así como do intrigante, escasamente fundamentado e imprudente anuncio de colocar a Venezuela como unha “ameaza inusual e extraordinaria para a política exterior e de seguridade de EUA(4), colocou á crise venezolana nun rueiro de contrariedades, complexidades e contradicións.

En chave política interna, as sancións de Washington obsérvanse contraproducentes, xa que lle permiten a Maduro reforzar a súa posición dentro do goberno, da FANB e dos sectores afectos ao “chavismo”, particularmente á hora de “pechar filas” ante o que considera unha “agresión e conspiración” internacional. Así, Maduro solicitou poderes especiais a través dunha nova lei habilitante, que lle permitiría gobernar por decreto e reforzar o seu poder político.

As sancións de Obama tiveron eco no ofrecemento por parte do ex presidente español Felipe González de asumir a defensa dos casos López e Ledezma, nunha misión igualmente inquietante para Caracas. Como colofón, a publicación da “lista Falciani” e a caída da Banca Privat d´Andorra e da súa sucursal Banco de Madrid, revelaron presuntos casos de corrupción e branqueo de capitais en paraísos fiscais por parte de altos cargos do “chavismo”, principalmente do sector petroleiro, empresarial e militar.

Un espello con claroscuros

Coas sancións de Washington no tapete, Maduro activou unha forte mobilización popular coa finalidade de alcanzar dez millóns de asinamentos contra o “decreto de Obama”, e que o mandatario venezolano espera levar ao cumio de Panamá. Nesta mobilización, Maduro calculou estratexicamente a consecución dunha matriz de apoio popular, toda vez fortalecida por exercicios militares, evidenciando así o apoio da FANB e da Milicia Bolivariana.

Este panorama confirmaría en qué medida o “post-chavismo” busca politicamente articularse a fin de preservar a súa hexemonía política e electoral. Con todo, a crise socioeconómica ameaza con erosionar o piso social do “chavismo”, incluso dun dos seus piares básicos, sendo estes os programas sociais.

Un recente estudo elaborado por universidades venezolanas(5) revelou unha sensible caída no número de venezolanos atendidos polas misións sociais impulsadas polo “chavismo”, sendo esta redución de 19,5% dos atendidos (unhas dúas millóns de persoas) co respecto aos niveis de cinco anos atrás (mais de 2 millóns e medio de beneficiarios). Paralelamente, este estudo considera a existencia dun alto nivel de politización dentro das misións sociais, así como preocupantes problemas na súa xestión e administración.

Paralelamente, existen contrariedades sobre a popularidade de Maduro. A comezos de marzo, a publicación dunha serie de enquisas de opinión pública en Venezuela ilustraron unha complexa situación para o “post-chavismo”: a correlación de simpatizantes do “chavismo” focalizouse en case un 40%, toda vez a popularidade de Maduro recuperou levemente o seu nivel ata alcanzar o 25%(6). Noutro apartado, a cifra de enquisados que se declararon abertamente como “chavistas” caeu a un 28,5%, o índice mais baixo nunha década.

Paralelamente, os problemas de financiamento derivados da caída dos prezos petroleiros (menos de US$ 50 o barril venezolano) complican a viabilidade de diversos proxectos estratéxicos. Por tomar un exemplo: a Gran Misión Vivenda Venezuela avanza con dificultades. Ata o momento construíronse un total de 674.121 vivendas populares(7), cando a perspectiva é alcanzar mais de catro millóns para o 2019, ano das próximas eleccións presidenciais.

Así, qué perspectivas ofrece actualmente a Venezuela post-Chávez? A pesar da súa hexemonía política e electoral, a polarización política segue a ser perceptible na sociedade venezolana, toda vez apréciase un ascenso de opcións radicais, a consolidación dun estilo político autoritario que erosiona o piso institucional e a división de poderes, así como a escaseza de mecanismos de diálogo entre goberno e oposición.

Neste sentido, o post-chavismo liderado por Maduro parece haberse permutado nunha especie de burocratismo institucionalizado, con preocupantes síntomas de inercia que incrementan os seus dilemas internos. Paralelamente, a oposición venezolana segue amosando notables síntomas de debilidade e división nos seus liderados e estratexias, sen achegar un proxecto de consenso que poida constituírse nunha alternativa crible.

Por tanto, o factor decisivo de poder en Venezuela está en mans da FANB, constitucionalmente amparada no cometido de erixirse como un “instrumento de transformación social(8), acaparando un poder político tan inédito como predominante, incluso superior ao gobernante PSUV e ás novas estruturas da arquitectura social e política chavista, como son os Consellos Comunais(9) e a Milicia Nacional Bolivariana (MNB).

Crise da política?

A polarización política e a crise socioeconómica recrean un marco de progresivo descontento e incluso de sensación de apatía, afectando non só a consistencia política de Maduro e do post-chavismo senón tamén condicionando a aparición de novos liderados, así como de marcos de representación e de participación política, particularmente de cara aos próximos retos electorais.

Os efectos colaterais desta polarización e apatía xa comezan a escapar da tradicional confrontación política e electoral existente entre o chavismo e a oposición. A perspectiva ofrece un panorama de maior incerteza e de sensación de ineficacia na xestión pública, condicionando así o debate público ante a aparente inexistencia de liderados convincentes e alternativos.

Con isto, a transición post-Chávez define a mais aguda crise estrutural da sociedade venezolana, cuxas repercusións tradúcense nunha marcada sensación cidadá de desgaste e descontento cara o debate político, saturado por anos de constante e abafante confrontación, e cuxas secuelas exercen un efecto preocupante sobre o futuro da calidade política e democrática  venezolana.  

Se o contexto actual define o momento máis decisivo para un “chavismo” aparentemente orfo dun liderado carismático e enérxico como fora o do desaparecido Chávez, as súas repercusións poden extrapolarse para unha crise venezolana que aumenta a súa intensidade internacional, con preocupantes perspectivas de converterse nun escenario inestable a nivel hemisférico. Se a eventual apertura cubano-estadounidense altera claramente o equilibrio hemisférico, a crise venezolana dirimirá en qué medida resulta factible a capacidade de resolución de conflitos por parte dos organismos rexionais, así como a súa credibilidade e efectividade á hora de estabilizar un foco de inestabilidade con capacidade de polarización hemisférica.

 

 

 

IGADI, 7 de abril de 2015.

 

 

           



(1) Entre o 5 e 17 de xaneiro, Maduro visitou China, Rusia, Irán, Portugal, Arabia Saudita, Alxeria e Catar, a fin de conseguir liquidez financeira, investimentos e compromisos para subir os prezos do mercado petroleiro.

(2) Entre eles destacaron o colombiano Andrés Pastrana, o chileno Ricardo Lagos e o brasileiro Fernando Henrique Cardoso.

(3) O clima de polarización intensificouse co nomeamento, a mediados de marzo, do uruguaio Luis Almagro como novo secretario xeral da OEA. Membro da Fronte Ampla, Almagro é considerado un simpatizante do chavismo. O seu nomeamento foi observado desde sectores críticos como un movemento favorable a Maduro. 

(4) O inédito anuncio de Obama, realizado o pasado 9 de marzo, nun momento no que o seu goberno aceleraba mecanismos de apertura cara dous aliados venezolanos como Cuba e Irán, intensificou a sensación de confusión e de contrariedades sobre unha crise venezolana que xa asumíase como hemisférica dende Washington. A presunta ameaza venezolana contra a seguridade estadounidense resulta escasamente fundamentada, incluso dende o plano militar: por tomar un exemplo, o orzamento venezolano en defensa é inferior ao 1% do de EUA (cfr. “Organismos regionales impotentes”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 932, 30 de marzo de 2015, p. 7) Outros sectores aducen que detrás do mesmo pode inferirse as conexións de Caracas con actores incómodos para Washington, como Irán, Rusia e China, principalmente nos sectores enerxético e militar. Con todo este anuncio suxire a adopción dunha política mais decisiva por parte de Washington para desequilibrar a crise venezolana, o mesmo pode igualmente implicar unha erosión da credibilidade hemisférica de Obama, gañada subitamente tralo anuncio de apertura con Cuba.

(5) ESPAÑA, Luis Pedro N. “Encuesta sobre las condiciones de vida. Venezuela 2014. Pobreza y Programas Sociales”, UCAB, USB, LACSO, COMIR, Red de Solidaridad Ciudadana. Ver en: http://www.rectorado.usb.ve/vida/sites/default/files/pobreza.pdf

(6) “Aprobación de presidente venezolano sube levemente a 25 pct en marzo. Sondeo”, Reuters América Latina, 24 de marzo de 2015. Ver en: http://lta.reuters.com/article/topNews/idLTAKBN0MK25K20150324

(7) Datos oficiais do Ministerio do Poder Popular para o Ecosocialismo, Hábitat e Vivenda. Ver en: http://www.mvh.gob.ve/. No marco das misións sociais, e seguindo co estudo anteriormente citado de Luis Pedro España, a GMVV ocupa o 41% dos recursos gobernamentais destinados a gasto social, razón que explica o seu peso estratéxico para o goberno de Maduro.

(8) JIMÉNEZ, Juan Eduardo Romero, “Venezuela: disenso político y conflicto en las elecciones 2000”, Reflexión Política, Bucaramanga (Colombia), V. 5, Nº 9, pp. 127-147, 2003. Consultado en SUZART de Pádua, Adriana y SUZELEY Kalil, Mathias,  “Venezuela: Qual Democracia?”, Cadernos PROLAM/USP, Universidade de São Paulo (Brasil), Año IX, Vol. II, 2010, p. 85. Ver en: http://www.usp.br/prolam/downloads/2010_2_4.pdf

(9) Impulsados polo presidente Chávez desde 2005, os denominados Consellos Comunais pretenden erixirse como as estruturas mais avanzadas do poder popular que, paulatinamente, modificarían a arquitectura do poder local e nacional. Estes supoñen un punto estratéxico dentro do programa de goberno 2013-2019 inicialmente impulsado por Chávez durante a campaña electoral presidencial de 2012, cuxa continuidade por parte de Maduro focalízase na construción dun Estado Comunal e Socialista para 2019.