Os xaponeses elixiron “confusión”

As eleccións para o Senado ou Cámara Alta en Xapón que tiveron lugar o pasado 11 de xullo de 2010, permitiron renovar a metade dos seus membros, un total de 121, 29 deles polo sistema de distritos uninominais, 44 polo sistema de distritos plurinominais e outros 48 polo sistema de representación proporcional das listas abertas.

O Partido Democrático de Xapón (PDX), precisaba obter, polo menos, 56 escanos para manter a maioría absoluta na Cámara Alta. Tras estes resultados, a composición do Senado xaponés quedou do seguinte xeito: Partido Liberal Democrático (PLD, liderado por Sadakazu Tanigaki): 51; Partido Democrático (PDJ, Naoto Kan): 44; Partido de Todos (PT, Yoshimi Watanabe): 10; Partido Novo Komeito (PNK, Akihiro Ota): 9; Partido Comunista Xaponés (PCJ, Kazuo Shii): 3; Partido Socialdemocráta de Xapón (PSX, Mizuho Fukushima): 2; Novo Partido do Renacemento (NPR, Yoichi Masuzoe): 1; Érguete Nipón (LN, Takeo Hiranuma): 1. Non obtiveron representación: Novo Partido do Pobo (NPP, Shizuka Kamei), Partido das Mulleres de Xapón (PMX, Chiyo Fukui), Partido da Realización de Felicidade (PRF, Etsuo Ishikawa) e o Partido da Innovación de Xapón (PIX, Hiroshi Yamada).

Tras estes resultados xorde a pregunta: os xaponeses elixiron estabilidade ou, máis ben, o resultado xerou maior confusión política? As eleccións significaron unha especie de “xuízo popular” sobre se o PDX pode ou non seguir gobernando. Ante a perda de popularidade, este partido substituiu ao seu líder Yukio Hatoyama, por Naoto Kan, así como ao seu secretario xeral, Ichiro Ozawa, intentando pasar páxina dos escándalos relacionados co diñeiro negro e, tamén, superar a falta de liderado político.

O PLD obtivo 51 escanos, polo que a política xaponesa entrou novamente nunha fase de confusión debido a que o PDX xa non dispón de maioría na Cámara Alta. A coalición do PDX co PT sería unha posibilidade, pero o seu líder, Watanabe, rexeitouna de plano. A xestión política será así máis difícil aínda ca a dos últimos 10 meses, requiríndose un goberno máis forte. No PDX pode darse un cambio de liderado na próxima elección da súa directiva prevista para setembro. Pode acontecer tamén que o PLD recupere de novo o poder político nas seguintes eleccións da Cámara Baixa. A política actual de Xapón é moi fluctuante e a duración do mandato déixase facilmente influír polos xuízos e a crítica popular.

Neste contexto, Xapón perdeu credibilidade internacional. A interminable inestabilidade política suxire unha inquietante interrogante: quen vai falar de temas delicados e importantes cun país que cambia de goberno practicamente todos os anos?

A política exterior

O resultado destas eleccións non afectan moito á política exterior. O PDX mantén a Alianza Xaponesa-Estadounidense como eixe da súa política exterior. Pero a relación entre Xapón e EEUU arrefriarase pouco a pouco, polo que Tokio podería achegarse paulatinamente a China e Corea do Sur. A política exterior do PT é próxima á do PDX. En canto ao PLD, propuxo establecer a Lei Básica da Seguridade para revisar a política de defensa, fortalecendo tamén os efectivos e o orzamento.

Nestas eleccións, os partidos NPR e LN, escisións do PLD, só conseguiron un escano, respectivamente. O NPR propuxo a “diplomacia de simulacro estratéxico” e a “diplomacia plural” para que Xapón recupere a iniciativa. Pola súa banda, o LN propuxo unha política exterior máis independente. Aínda que acepta que EEUU use as bases en territorio xaponés para salvagardar a seguridade do Leste Asiático, Xapón debería poder defenderse por si mesmo. En abril pasado, ambos partidos escindíronse do PLD.  

É moi posible que a curto e medio prazo promóvase unha revisión da Constitución. En maio púxose en marcha a Lei de Referendo, polo que xa se pode presentar a proposta da revisión constitucional. Na Asemblea de Análise da Constitución, cada partido fará a súa proposta. O PLD xa adiantou un anteproxecto, que propugna o establecemento dunha milicia defensiva. De consumarse esta iniciativa, Xapón modificaría o status que o define desde 1945. A vitoria do PLD no Senado pode adiantar este cambio constitucional.

Por último, estas eleccións indican a perda de expectación e de confianza política por parte dos xaponeses, sumidos na desesperación e na apatía, unhas tendencias que dan azos na sociedade a certa inconstancia á hora de decidir o signo do poder político.