Osama e Obama: morte e resurrección

Resulta difícil prever a día de hoxe o resultado concreto que terá a morte do líder de Al Qaeda, en especial se conducirá ao descenso da actividade terrorista no mundo ou, ao contrario, a un aumento da mesma. Unha cousa, sen embargo, parece indiscutible. O acontecido o 2 de maio en Paquistán representa un feito determinante na campaña electoral en Estados Unidos, abrindo paso a unha nova fase política na que Obama, progresivamente, irá abandonando a súa condición conciliatoria.

O primeiro signo dese cambio foi a substitución do Secretario de Defensa, Robert Gates, experimentado republicano da época de Reagan, por Leon Panetta, quen fora xefe de gabinete na Administración Clinton. A presenza de Gates no gabinete de Obama explicitaba un entendemento esencial entre demócratas, republicanos e as elites do país que, sen embargo, non impediría que os republicanos e os seus acólitos lanzaran mil e unha campañas de desgaste e descrédito do actual presidente.

O entrampado da situación deu poucas alegrías a Obama, tanto na política interior como exterior. A batalla orzamentaria, o aprazamento do peche de Guantánamo, a insuficiencia das reformas a todos os niveis, en especial dos programas sociais, e a incerteza con respecto á continuidade das guerras en Iraq e Afganistán (á que cómpre sumar unha terceira a instancias dos seus aliados europeos no norte de África) pasaron factura a un Obama coas súas ambicións presidenciais en franco cuestionamento.

As dificultades para condicionar a axenda política evidenciáronse, por exemplo, con feitos anecdóticos pero de gran transcendencia como a queima do Corán por parte do pastor Terry Jones. A “carta islámica”, constantemente promovida polos sectores da ultradereita, serve a un dobre obxectivo: impedir a retirada das tropas de Afganistán antes dos comicios presidenciais do ano próximo e trabar as posibilidades de Obama dunha reconciliación coas forzas islamitas que rebaixe a atención prestada á seguridade dentro e fóra do país.

Morto Osama e con todas as enquisas ao seu favor, Obama xa anunciou a intención de presentarse como candidato á reelección. A liquidación de Ben Laden pode converterse nun argumento decisivo, capaz de mobilizar ao elector a votar por Obama, na medida en que esta circunstancia, alén das controvertidas “alegrías” do momento, poderalle servir para frear a obsesión antiterrorista posta en marcha polo seu predecesor e que ven definindo tanto o ritmo e contidos da axenda política como un consenso bipartidista que lle mantiña as mans atadas e do que agora pode desprenderse.