Refundar Iugoslavia

Numerosas voces reclaman, cada vez con máis insistencia, unha intervención da OTAN no Kosovo para impoñer un cese o fogo. Arrepía observar tan poderosa maquinaria militar impotente e impasible ante o drama humano que viven centos de milleiros de europeos. Pero a pesar do tempo transcorrido e dos múltiples danos causados, os líderes occidentais non avanzaron practicamente nada na definición dunha política concreta para a zona. E sen previsión política a intervención militar pode facer máis mal que ben. Claro que a política da Alianza Atlántica pode consistir simplemente en agardar a que os serbios se cansen ou os albaneses se rindan. A curto prazo ningunha das dúas hipóteses semella viable. Baixo ningún concepto os serbios renunciarán a Kosovo e un 60% da poboación albanesa ten unha idade inferior a 30 anos e desesperación dabondo como para manter un longo conflicto de "baixa intensidade". En definitiva, pode haber guerra para rato.

Ademais de insistir no control da extensión da guerra ós países veciños, urxe, pois, definir solucións políticas. Se a autonomía non satisfai as aspiracións dos albaneses nin a independencia resulta admisible para os serbios, poida que a solución consista nunha refundación da Federación Iugoslava que outorgue a Kosovo un status similar ó de Serbia e Montenegro. Esta opción é perfectamente aceptable tanto para Washington como para Bruselas ou Moscova. Os albaneses xa a reivindicaban en 1981, ó pouco de morrer Tito. E os serbios, antes de desbotala, non farían mal en reflexionar sobre aquelas proféticas palabras dun compatriota seu, Koca Popovic: "mediante un gran esforzo é posible facer dos albaneses iugoslavos, pero non hai esforzo capaz de transformar ós albaneses en serbios".