O PROFESOR DIEGO SANDE VEIGA REVISA E INTERPRETA A SITUACIÓN DOS ODS NO EIDO INTERNACIONAL
images actividades ods

Unha revisión crítica dos ODS

O peche do ciclos dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) deu paso a que o 25 de setembro de 2015 a ONU adoptase unha nova lista de metas: os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Con vixencia ata o ano 2030, esta lista concretouse en 17 obxectivos xenéricos (táboa 1), que se materializan en 169 metas medibles e 230 indicadores.
Palabras chave axenda 2030
Idiomas Galego

Os ODS incorporan unha visión do crecemento económico máis incluínte e respectuosa coa saúde planetaria e da poboación, integrando no seu deseño tres dimensións do desenvolvemento sostible: a económica, a social e a ambiental. Ademais, baseáronse en novos principios, entre os que cabe subliñar dous: a) As Responsabilidades Comúns pero Diferenciadas, e b) As Responsabilidades Internacionais e as Obrigas Extraterritoriais. As primeiras operaran sobre elementos comúns a nivel global (como a atmosfera, a redución das emisións de CO2 ou a conservación da biodiversidade, entre outros) sobre os que cada país intervén e asume responsabilidades de maneira diferenciada. As segundas refírense a aquelas responsabilidades que deben entenderse de maneira global e que esixen compromisos de toda a comunidade internacional (acabar coa fame, respectar os dereitos humanos, promover a igualdade, etc.)

image 12

Crítica

Os ODS foron resultado dun proceso de negociación e deliberación pública, para o que foi preciso acadar numerosos consensos e conceder un lugar destacado á sociedade civil, o que outorga un carácter de lexitimidade a estes obxectivos. Pero a pesar da valoración xeral positiva da súa utilidade dos esforzos de visibilidade e comunicación dos obxectivos por parte da ONU, cómpre facer un exercicio de revisión crítica dalgúns aspectos contraditorios que afectan aos ODS.

Primeiro, a visión etnocéntrica coa que foron concibidos os ODS proxectaría aos países máis desenvolvidos como único modelo a seguir polos países menos avanzados, dificultando así a creación dunha propia senda de desenvolvemento. Pero ademais, o incumprimento dos ODM acordados tras a 55ª Asemblea Xeral da ONU levou a que un bo número de ODS sexan unha repetición dos obxectivos incumpridos. Así, é posible atopar nos ODS a necesidade de destinar  o 0,7% do PIB para Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) nos países empobrecidos (fixada en 1970), ou destinar entre o 0,15-0,20% da AOD aos Países Menos Adiantados (pactada en 2001).

Por outra parte, os intereses representados nos procesos de negociación dos ODS tiveron presenza desigual. E se ben é certo que la sociedade civil tivo un papel a xogar, tanto o sector privado como os órganos da administración tiveron un peso maior. Ademais, como parte da representación gobernamental cómpre lembrar que entre os signatarios do acordo dos ODS estiveron presidentes como Donald Trump (que nega o cambio climático), Vladimir Putin (responsable da invasión da Ucraína), Bashar Al-Asad e Kim-Jong-Un (dirixentes de ditaduras) ou Rodrigo Duterte (responsable das “escadras da morte”), por poñer algúns exemplos que clarifican a imposibilidade de lograr parte dos ODS en numerosos países.

En canto á aplicación e seguimento dos ODS, o sociólogo Carlos Gómez da Universidade de Alicante defende que non todos os Estados posúen as mesmas capacidades, ferramentas institucionais ou infraestruturas. Isto provoca, entre outros problemas, o da dispoñibilidade e calidade dos datos, que unido ás inconsistencias entre países dificulta a implantación dos ODS. Como exemplo, para o caso dos ODM arredor de 57 países (37%) contaban con tan só unha ou ningunha estimación da taxa de pobreza. Nesta liña destacaría a ausencia de castigos graves nin sancións duras para aqueles países que non logran cumprir cos ODS, tendo como consecuencia para estes unicamente certa perda de prestixio internacional.

Un aspecto pouco comentado é que a través dos ODS foméntase a constitución de alianzas público-privadas (Meta 16.16), pero sen formular para estas exixencias de transparencia, rendición de contas, ou respecto a estándares básicos sociais, medioambientais ou de dereitos humanos, facilitando así o enfraquecemento da acción gobernamental e da democracia.

Por último, os ODS contan cunha axenda extensa e ambiciosa na que a redacción dos obxectivos e metas conta cunha retórica un tanto vaga e imprecisa, facilitando desta maneira o seu incumprimento. De feito, comezan xa a aparecer grandes disparidades na aplicación dos ODS entre uns países e outros.

[Publicado en Nós Diario o 31/03/2023]