Venezuela: tensión en aumento

Unha vaga de protestas estudantís acaecidas nos derradeiros días en varias cidades venezolanas, que deixaron un violento choque esta semana en Caracas con tres vítimas mortais e decenas de feridos e detidos, contextualizado nun escenario de crise económica fraguada pola escaseza de produtos básicos e a elevada inflación (56,4% en 2013), son elementos que volven a colocar á crise venezolana no centro de atención, pulsando perigosamente unha tensión política cuxo termómetro medirá a consistencia da presidencia de Nicolás Maduro así como a práctica evidencia dunha fractura de liderados na heteroxénea oposición.

Apartados xeográficos América Latina
Palabras chave Venezuela Maduro tensión
Idiomas Galego

Unha vaga de protestas estudantís acaecidas nos derradeiros días en varias cidades venezolanas, que deixaron un violento choque esta semana en Caracas con tres vítimas mortais e decenas de feridos e detidos, contextualizado nun escenario de crise económica fraguada pola escaseza de produtos básicos e a elevada inflación (56,4% en 2013), son elementos que volven a colocar á crise venezolana no centro de atención, pulsando perigosamente unha tensión política cuxo termómetro medirá a consistencia da presidencia de Nicolás Maduro así como a práctica evidencia dunha fractura de liderados na heteroxénea oposición.

Dende o goberno de Maduro persiste a perspectiva en focalizar estas accións como a presunta antesala dunha conspiración orientada a fraguar un hipotético golpe de Estado contra o seu goberno, rememorando así os violentos sucesos acaecidos entre o 11 e 13 de abril de 2002, que levaron á breve remoción e posterior retorno do ex presidente Hugo Chávez, cuxo primeiro cabodano está a piques de conmemorarse.

Independentemente do impacto que a crise económica e as medidas gobernamentais (depreciación cambiaria, etc) poidan ter no goberno de Maduro, o contexto actual non semella, cando menos de forma aparente, unha erosión ou desgaste significativo dentro do goberno ou da Forza Armada. De feito, e a pesar da intensificación e momentánea radicalización das protestas, a calma semella prevalecer a nivel nacional.

Pero as voces diverxentes non provén, neste caso, das filas do oficialismo senón da oposición. Así, o test político mais importante desta crise semella focalizarse na integridade política dunha Mesa da Unidade (MUD) cuxos cimentos comezan a desequilibrarse. Tras perder contra Maduro e o PSUV as eleccións presidenciais (abril de 2013) e municipais (decembro pasado), aínda que nestas últimas lograron gañar importantes bastións urbanos, a MUD atopase cada vez máis fracturada en canto a liderados e estratexias políticas, cuestionando así liderado da súa  principal figura, Henrique Capriles Radonksi.

Nun 2014 sen eleccións á vista, en particular á espera dos comicios lexislativos pautados para decembro de 2015, a MUD semella esvaecerse politicamente. Un sector máis radical, aparentemente promovido polo ex alcalde Leopoldo López e María Corina Machado, están impulsando unha maior radicalización no accionar da MUD, en clara contraposición coas estratexias de Capriles, a quen acusan de “acomodarse” co goberno de Maduro. Aparentemente, Capriles centra as súas estratexias en evitar unha radicalización nas rúas, a fin de non reproducir os violentos sucesos post-14/A de 2013.

Os móbiles de actuación destes sectores ampáranse en premer á cidadanía para protestar contra a ineficacia gobernamental para atallar unha crise económica imparable, ante a elevada inseguridade cidadá (entre 39 e 79 homicidios anuais por cada 100.000 habitantes, segundo cifras oficiais e de diversas ONGs) e as acusacións de represión e autoritarismo presidencial, tales como as críticas dos medios de comunicación pola falta de papel impreso e da presunta censura sobre o que ocorre en Venezuela, e que levaron á súbita cancelación vía TV por cable da transmisión dos violentos sucesos desta semana en Caracas, tal e como sucedeu coa cadea colombiana NTN 24.

Ante estes violentos sucesos, Maduro xa xirou instrucións para a detención de López, acusándoo de presuntamente instigar á desestabilización. Pero as fracturas políticas semellan igualmente observarse nalgúns sectores do “chavismo”, cuxas bases sociais comezan a observar levemente con receo a orientación económica e política de Maduro, así como a preponderancia de elites políticos e económicas dentro do PSUV e do goberno.

A través de diversas redes sociais, algúns dos sectores máis “revolucionarios” acusan a Maduro de presuntamente reproducir un modelo “aburguesado”, cuestionando incluso o seu liderado como sucesor do legado de Chávez, en particular de cara a acelerar na construción dun Estado socialista.

Nun momento postelectoral no que Maduro e a MUD liderada por Capriles aparentemente semellaban concretar un consenso para albiscar solucións á crise económica e a inseguridade, a súbita reaparición dunha radicalización política con diversas variables complica un escenario xa de por provisto dunha tensa calma, e que pode eventualmente descontrolarse na medida en que o descontento social e a radicalización política aumenten o seu crecente protagonismo.